(Poemas do libro recopilatorio Dende a miña barricada de sofás e canapés de Xosé de Cea, publicado por Medula Editorial en 2023 e galardoado co V Premio de Poesía Eduardo Pondal 2023. Escolma realizada por Manuel Casal Lodeiro)
Matanza
Inmobilizas o porco
mentres contemplas o coitelo
penetrar a gorxa de manteiga mol,
saír
e ceibar o chafariz de sangue,
fervenzas de sangue modulada en berros agudísimos.
As conciencias manchadas de sangue,
de sangue o ácido que corroe as conciencias.
Os cans lamben a lama sanguinolenta no chan
sen escoitar o porco gargarexar con sangue
o seu laio infinito,
inútil.
E pregúntaste quen sangra,
quen laia,
se non serás ti o sacrificado.
A cigarra e a formiga
Sempre me fascinaron as abeleiras.
No alfabeto das árbores,
a abeleira é a novena letra
vinculada coa sabedoría e as musas.

plantamos unha abeleira no xardín.
Entre agosto e setembro,
apañamos unha a unha as abelás
como laboriosas formigas
para pasar o inverno.
Esgrimimos con egoísmo fórmico
a preguiza das cigarras,
a súa teima en malgastar o tempo
en guerras, exilios e travesías de caiuco.
Tamén gardamos as abelás
nun celeiro de concertinas e petróleo.
Non desfalezas, cigarra.
Coma ti,
as abeleiras florecen
baixo o lazo da xeada.
Podes recrearte na súa beleza
canto queiras
mentres morres
entre flores afogadas,
mentres unha corrente submarina
recolle os teus ósos en segredo,
Flebas o fenicio ou Aylan Kurdi,
tanto ten.
Contemplar ao quente
este fino orballo de candeas.
Metonimia da Apocalipse
Non é unha metáfora,
aínda que podería ser
unha metonimia,
a parte polo todo:
1.400 millóns por 8.000
Esta é a proxección demográfica mundial
vaticinada por James Lovelock
para o ano 2100.
Vida arriba, vida abaixo,
non é a máis pesimista
entre os agoiros do colapso.
Cando se publicou,
andabamos sen máscara pola rúa,
os glaciares non crebaban no Himalaia
e promulgaramos unha Lei de Memoria Histórica
soñando que o fascismo era algo do pasado.
Penso nos meus fillos
—isto tamén é unha metonimia
do ego que eu son—
na súa posible descendencia,
se darán chegado a ese 2100,
se o ADN entregado polos devanceiros
sobrevivirá coma unha toupiña asustada e cega
—esta si é unha metáfora—
no medio dos 1.400 millóns.
Facer da incerteza
un recurso sostible.


Nuestra revista recompensa las colaboraciones con