Canta enerxía precisamos? Decrecer implica sacrificios? Cal é o custo da transición enerxética no sur global? Entre o 27 e 29 de maio, o físico e divulgador Antonio Turiel tentou respostar ducias de preguntas como estas en Carballo, Compostela, A Coruña e Gondomar.
Unha das actividades organizadas pola Rede para o Decrecemento Eo-Navia / Galiza / O Bierzo, coa colaboración da Facultade de Económicas, xuntou na USC numerosos movementos sociais galegos interesados en aplicar os principios do Decrecemento na súa estratexia política. Acudiron á chamada colectivos en defensa da terra como a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, Plataforma Ulloa Viva, Aire Limpo Mariñas Mandeo ou Asociación Fonte Seca; ecoloxistas como Adega ou Ecoloxistas Galiza e organizacións como o Sindicato Labrego Galego, Enxeñería Sen Fronteiras ou o Instituto de Estudos Miñoráns, entre moitas outras.
Nunha primeira intervención, Antonio Turiel destacou a importancia de unir os movementos diversos que están “a favor da vida”. Para isto puxo o exemplo das Revoltes de la Terra en Catalunya: “Alí están desde plataformas en defensa da terra ata movementos antituristificación. As loitas deben respectarse e atopar a integración na diferencia, pero non pode haber loitas entre as loitas”. Malia estes consellos, cada certo tempo Turiel lembraba que “eu son físico, non experto en ciencias sociais”. Neste sentido, un dos representantes do Sindicato Labrego preguntou sobre como sumar a mocidade aos movementos sociais. Turiel ten claro que e a diversidade de motivos polos que loitar é unha vía para integralos no Decrecemento: “Á xente nova o sistema ofrécelle unha vida miserable, así que temos que achegarnos a eles e ofrecerlles unha alternativa: «mira, non vas ser rico, pero ofrecémosche unha vida digna». Seguro que moita xente se apunta. Na xente nova hai un potencial de cambio enorme: hai que capitalizalo e deixalos falar.”

Outra das preguntas dos movementos centrouse nas posibilidades de cambio a curto prazo: “Somos quen de crear movementos moi potentes, como o de Altri, pero como podemos forzar cambios estruturais que son precisos agora?”. Turiel respondeu advertindo de que esta “loita pola vida” vai ser unha batalla continua: “O sistema económico é moi resiliente. Temos que restaurar o común, facer pedagoxía deste extractivismo finito, saír á rúa e atopar un encaixe nas institucións. As loitas son moi a longo prazo e esta vai ser unha batalla que non vai rematar en dez anos”.
Tamén fixo pedagoxía respondendo a recorrente pregunta de canta enerxía fai falta: “Que fai falta para que? Para que a sociedade viva ben? Agora mesmo, a maioría da enerxía non é para as persoas, senón para manter activa a maquinaria do capital. Precisamos un cambio social alén do capitalismo”. O autor de best-sellers como Petrocalipsis ou El futuro de Europa concluiu que, para termos unha vida digna, se cadra, cun 10% do consumo enerxía actual abondaría. Sobre os excesos do sistema, tamén quixo deixar clara a necesidade, sen matices, de rachar co capitalismo: “O único que hai que negociar co capitalismo é a súa rendición incondicional. Todas as décadas perdidas neste tempo foron por negociar co capitalismo, cando este é un sistema inflacionario. Precisamos un sistema económico estacionario ou o decrecemento. Sabémolo desde hai décadas.”
Seguindo esa idea, unha das representantes de Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde preguntou sobre como chegar aos políticos cando, malia as constantes propostas dos colectivos por empregar a enerxía dun xeito máis razoable a nivel local, “as institucións non fan nada”. Ese mesmo día, a Rede galega para o Decrecemento e o propio Turiel mantiveron xuntanzas cos tres grupos políticos do Parlamento Galego. O Presidente da Rede, Miguel Anxo Abraira, enumerou as peticións feitas aos representantes políticos, nas que se inclúen equipos para prepararse ante eventos climáticos extremos en Galiza e comisións de expertas e da sociedade civil para camiñar cara ao Decrecemento, retomando así a proposta feita nove anos atrás aos mesmos grupos por Véspera de Nada para unha Galiza sen petróleo. Daquela aproveitárase a publicación dun informe sobre a fin do crecemento encargado por unha comisión parlamentar británica similar á que agora tamén propón o colectivo decrecentista galego, aproveitando neste caso a sensibilidade política e social creada polo grande apagón ibérico do 28 de abril, do que se cumpría precisamente un mes e de cuxa posibilidade o propio Turiel advertira. Respondendo á pregunta de se os políticos foron receptivos, o científico botou man, se cadra, de certo sarcasmo: “Escoitaron con interese o que tiñamos que dicir e… «Ben, grazas»”.

No inicio da seguinte actividade da tarde na Facultade de Económicas, neste caso aberta ao público xeral, Xoan Doldán, decano da Facultade, quixo salientar “a importancia das universidades para defenderse de moitas cousas”. Ademais, falou brevemente do papel das institucións lembrando o seu paso polo Instituto Enerxético de Galicia como Director Xeral: “Aprendín que, mentres os gobernos están en contacto diario cos poderes económicos, a sociedade civil organizada está bastante á marxe da toma de decisións e é unha parte mínima da acción de goberno. Realmente, o que máis temen os gobernos é a acción colectiva.”
Miguel Anxo Abraira continuou lembrando que o Decrecemento debe ser un movemento social atractivo e visible, como conseguiu o feminismo, “sen líderes”: “Somos optimistas, bordeamos a utopía, acreditamos na axuda mutua, na colaboración, nos coidados (…) Temos que converter o Decrecemento nun movemento social que force a clase política a tomar as medidas necesarias para reverter esta situación”.
Antonio Turiel continuou cunha charla dunha hora acerca desa “situación” á que facía referencia Abraira, á que acudiron unhas oitenta persoas interesadas en saber máis sobre a situación actual e a transición a outro sistema posible. Alí falou, como é habitual nel, dos límites planetarios sobrepasados ou do interese especulativo das grandes empresas eléctricas e extractivistas: “O modelo de transición posible e desexable debería ser máis local e menos tecnolóxico (…) Teríamos que vivir cos ritmos da natureza, que permiten que vivamos ben pero non satisfán a avaricia duns poucos”. Volveu destacar, como na actividade previa, que a ruptura co capitalismo vai moito máis alá dun cambio no sistema económico: “Precisamos dun cambio radical de valores culturais.”
A xornada rematou con máis preguntas sobre o parque de vivenda edificada, a transición enerxética nos países do sur, a enerxía eólica ou sobre Altri, do que Turiel admitiu estar sorprendido coa “belixerancia” dos seus defensores e coa propia magnitude do proxecto. Ante outra pregunta sobre os novos proxectos de enerxía renovable que chegan sen parar a Galiza, advertiu de que seguirán chegando mentres o sistema non cambie: “O biogás e a biomasa xa están chegando. Ata que o capitalismo non sucumba, no tempo que iso sexa, isto non vai parar. Hai que ser realistas. Esta é a batalla que hai que librar porque é a defensa da vida.”
Nos días seguintes o científico do CSIC continuaría a súa intensa axenda en Galiza cunha reunión co secretario xeral da CIG, o recentemente reelexido Paulo Carril, un encontro cos arquitectos e arquitectas galegas no seu Colexio Oficial e cunha palestra compartida co xeólogo Antonio Aretxabala organizada polo Instituto de Estudos Miñoráns.

[…] Ademais, distintas persoas da base social asistiron a eventos interesantes, como en Santiago ás xornadas da Unión Profesional de Galicia, as mesas redondes de Sostenibilidade e outra de Intelixencia Artificial, en Ourense ás xornadas “Non somos terra de sacrificio”: comunidades en loita pola defensa do territorio e da vida, ou en Carballo e Santiago aos encontros con Turiel sobre decrecemento. […]
[…] Turiel na Galiza: «Na xente nova hai un potencial de cambio enorme: hai que capitalizalo e deixalos… […]