Fonte: VaticanNews.va
O papa e o secretario de prensa vaticano durante a leitura do comunicado tras a audiencia coa plataforma Ulloa Viva. Fonte: VaticanNews.va

O papa Francisco recoñece estar «a considerar a excomuñón» para os responsables de Altri

//
Share

(Publicado previamente no xornal dixital Galicia Confidencial.)

Cando a mediados do pasado mes de marzo se deu a coñecer o informe ambiental favorable da Xunta de Galicia ao proxecto da macrofactoría de celulosa que a multinacional Altri pretende construír en Palas de Rei, os responsables da plataforma que lidera a oposición social ao proxecto xa advertiran de que habían “remover Roma con Santiago” até parar o proxecto. E así está a ser, literalmente, pois hoxe celebraban ante os medios, con indisimulada satisfacción, que o papa Francisco, malia estar aínda a se recuperar da dupla neumonía que o mantivo hospitalizado durante varias semanas, fixese un oco na súa reducida axenda, para recibilos na Santa Sé. Tras unha xuntanza que se prolongou durante case cincuenta minutos e na que o pontícife escoitou de primeira man os impactos que sobre o territorio e sobre o modo de vida da comarca da Ulloa e sobre a ría de Arousa suporía a instalación desta “bomba ambiental” no corazón de Galicia, o director da oficina de prensa do papa deu a coñecer un comunicado no que o pontífice recoñecía estar sumamente preocupado polo que cualifica de “ameaza a un dos lugares máis fermosos da Creación” e ao propio Camiño de Santiago, “ruta milenaria de peregrinación ao segundo lugar de culto máis sagrado para os católicos”, en palabras do propio Bergoglio.

O comunicado tamén inclúe citas á súa encíclica de 2015 Laudato si’, que acadara un grande recoñecemento mesmo fóra da Igrexa Católica pola súa mensaxe ecoloxista. “Un crime contra a natureza é un crime contra nós mesmos e un pecado contra Deus”, afírmase na encíclica, onde tamén se advirte de que “[o]s recursos da terra tamén están a ser depredados a causa de formas inmediatistas de entender a economía e a actividade comercial e productiva”, e identifica o proxecto de Altri como un caso claro desta depredación. O texto que foi dado a coñecer poucas horas despois de rematada a reunión cos activistas galegos, indica que, en consecuencia, o papa vai considerar moi seriamente a necesidade de abrir un proceso de “excomuñón” contra os principais responsables deste “enorme pecado”, xustificándoo en que “non terían cabida na comunidade unida en torno ao amor a Cristo, que é inseparable do amor á Obra de Deus, que é a Natureza por el creada e da que debemos ser guardiáns e coidadores, non destrutores e espoliadores”. Entre os ameazados coa expulsión da Igrexa o comunicado nomea os principais donos das empresas Greenfiber/Altri/Greenalia, Paulo Jorge dos Santos e José María Castellanos, así como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e mesmo chega a lanzar unha advertencia ao presidente español Pedro Sánchez en caso de finalmente autorizar o financiamento con fondos europeos do proxecto. Finalmente o texto, que destila un tono inusitadamente duro para as mensaxes habituais do actual bispo de Roma, e que xa foi publicado no sitio web do Vaticano, lembra os Evanxeos de Marcos e Lucas, e advirte contra esta tentativa de converter a principal senda de peregrinación á Catedral de Compostela, isto é, o Camiño Francés, que pasa a escasos tres mil metros destas instalacións industriais, “nunha cova de ladróns”.

Representantes da plataforma Ulloa Viva antes de emprender a súa viaxe a Roma.
Representantes da plataforma Ulloa Viva antes de emprender a súa viaxe a Roma.
Os representates de Ulloa Viva desprazados até Roma para esta audiencia amosáronse moi agradecidos co recibimento e apoio do papa, a quen levaron como agasallo varios queixos da D.O. Arzúa-Ulloa, así como produtos diversos de granxas de porcos ecolóxicos da zona e un lote de conservas vexetais que incluía grelos e varias especies de plantas mediciñais deshidratadas, que ofreceron ao convalecente Bergoglio co desexo de que “contribúan á súa rápida e completa recuperación”.

Á hora de publicar esta información aínda se descoñece a reacción das persoas incluídas polo sumo pontífice nesta advertencia de excomuñón. Pola súa banda os representantes dos partidos da oposición no Parlamento do Hórreo non tardaron en reaccionar á noticia. Para Ana Pontón, a líder do Bloque, “a autoridade do papa nun Estado aconfesional non é relevante, mais agradecemos o seu apoio como o de calquera outra persoa que ten un altofalante para chegar a moita xente e que dá a coñecer esta terrible ameaza para Galiza fóra das nosas fronteiras”. Pola súa banda, Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG e recoñecido católico practicante, publicou nas redes sociais que “a autoridade moral do papa Francisco é indiscutible, e nós, os socialistas galegos, cristianos ou non, apoiamos que no asunto de Altri o que diga o papa vaia á misa”.

Pomba Gomes Borreiro, corresponsal en Roma, 1 de abril de 2025.

Fonte: VaticanNews.va
O papa e o secretario de prensa vaticano durante a leitura do comunicado tras a audiencia coa plataforma Ulloa Viva. Fonte: VaticanNews.va
Click to rate this post!
[Total: 0 Average: 0]
Share

Comando satírico-sedicioso surgido en las Vascongadas durante el cambio de siglo. Se ocuparon de la sección de humor del periódico Diagonal hasta que la cosa perdió la gracia. Resucitados al calorcito del colapso civilizatorio y al abrigo de la revista 15/15\15, para ponerle unas risas al apocalipsis, ¡hostia!

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Aprendendo sobre desmaterialización, decrecemento e transición enerxética na USC

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.