O paradoxo de Jevons: Se empregamos
de forma máis eficiente o carbón,
iso non servirá para aforrar no uso deste combustible,
senón que o consumiremos aínda máis.
É 2 de setembro en Compostela. O novo curso académico aínda non comezou, pero os corredores da facultade de económicas da Universidade de Santiago de Compostela están cheos de xente. Non están aquí porque se trabucaran de data, e é probable que non estean desexosos de rematar as vacacións de verán. Están aquí porque queren aprender sobre decrecemento e transición enerxética nun curso organizado por Rosa Mª Regueiro Ferreira e Pablo Alonso Fernández, profesores nesta mesma facultade.
“O curso de verán ‘Desmaterialización, decrecemento e transición enerxética’ nace como un desexo de acercar a cidadanía ao que nós investigamos e explicamos nas aulas”. Rosa Mª Regueiro é profesora titular de Economía Aplicada na USC, forma parte do grupo de investigación sobre bioeconomía nesta universidade, e é experta no sector eólico, tema sobre o que ten escrito varios libros como A propiedade do vento galego. Ela fala con paixón deste curso, que xa vai pola segunda edición. “Queremos que as persoas entendan o que facemos, como grupo de economía da enerxía, en proxectos tanto nacionais como internacionais”.
Este ano, como o anterior, o curso está sobre todo dedicado aos eólicos, unha fonte de enerxía renovable cada vez máis controvertida. “Cando fixemos a primeira edición deste curso xa falamos de eólica, e houbo tal demanda e tal cantidade de preguntas que houbo moitas cousas que non puidemos abordar. Por iso decidimos retomala este ano”, conta Regueiro. “O ano que vén estamos pensando en aproximarnos á problemática da hidráulica e da solar fotovoltaica, pero entón meteremos as tres porque a eólica dá moito que falar. E non só en Galicia”.
Tres días e medio de intercambio de coñecementos
O curso comeza cunha presentación por parte do decano da facultade de económicas, Xoan Ramón Doldán, e da propia Regueiro. Ela recalca a importancia deste curso e comenta que está dedicado a Amil Sen Eólicos, un colectivo que está hoxe presente na aula e que leva anos loitando para evitar que se coloque un parque eólico nesta zona cerca de Moraña (Pontevedra).
“Este ano collemos o caso de Amil porque é un colectivo que se está movendo moito, pero podiamos ter invitado a calquera outro”, afirma Regueiro. “Por desgraza hai tantas mostras desta realidade que temos moitos exemplos dos que escoller”.
Ao longo destes días, con todo, non só se falará de eólicos. Pola aula magna desta facultade pasarán todo tipo de persoas expertas en mudanza climática, decrecemento, enerxías renovables e mesmo socioloxía, que conseguirán amosar un mapa moi completo da situación climática e das problemáticas aos que nos enfrontamos nas próximas décadas. Entre eles están Aurelia Mañé, Óscar Carpintero, Luis Buendía, José Cortés, Alberto Matarán, Alba Nogueira ou Jaume Franquesa.
Case todos os relatores e relatoras concordan en que chegamos tarde para algúns dos desafíos que nos esperan no futuro próximo. Tamén en que de pouco valen as enerxías renovables se non hai un decrecemento real, xa que instalar renovables para seguir consumindo ao ritmo actual, é contraproducente. “Estase chamando transición enerxética ao que non é porque sempre se utilizaron ao mesmo tempo os modelos enerxéticos anteriores”, comenta Óscar Carpintero, un dos máis notables economistas ecolóxicos, o maior experto en metabolismo enerxético do estado español e catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Valladolid.
Aurelia Mañé, profesora de historia económica e política de enerxía na Universidade de Barcelona, pon en contexto a idea da “ideoloxía fósil” e como se iniciou en parte este proceso no que agora está inmersa a sociedade. “Está sesión pode que vos pareza estraña porque falo de pasado, en vez de futuro. É unha aproximación histórica”, comenta a profesora ao comezar a súa poñencia. “Son como pezas que se unen ata chegar ao termo “ideoloxía fósil”, que é esa idea de progreso e desmaterialización que condiciona dalgún xeito a idea da transición enerxética”.
Mañé explica tamén a invención de Oriente Medio —unha zona creada por Occidente para ter control sobre o petróleo de calidade que existe nesta parte do mundo— e como isto levou tamén á creación do concepto de lugar paisaxe. “Lexitímase a ocupación enerxética de espazos que se di que están baleiros”, asegura. “O mesmo que acontece en Galicia, e noutras zonas do estado español, co tema dos eólicos”.
Para Mañé, como para moitos outros participantes deste curso, a chave está en entender que atopar unha nova fonte de enerxía, non fai que se deixen de usar as anteriores. E tamén que, sen mudar o sistema e consumir menos enerxía, non pode haber un cambio real. “Se a ideoloxía fósil se adapta ao recurso das renovables e se crean grandes instalacións centralizadas, como acontece co petróleo e outras fontes de enerxía, entón o que estamos é pensando no modelo renovable como se fose fósil”, advirte Mañé. “Estamos mercantilizando o sol e o aire”.
Con isto concordan o sociólogo José Cortés, profesor na Universidade da Coruña e Pablo Alonso, secretario do curso e profesor de Economía Cuantitativa na USC. “As deslocalizacións produtivas aumentan o impacto ecolóxico”, comenta Alonso. “Se facemos unha transición enerxética corporativa e afastamos a xeración de enerxía dos lugares de consumo, entón non solucionamos nada e continuamos con procesos de colonialismo enerxético”, engade Cortés.
Outros dos conceptos que saen durante as charlas son os de metabolismo enerxético e o de colonialismo enerxético. O primeiro, un concepto que forma parte do relatorio de Óscar Carpintero, trátase dun indicador que cuantifica o comportamento económico en termos de sostibilidade, e permite avaliar se unha economía é sostible medioambientalmente ou non.
O segundo, o colonialismo enerxético, que forma parte da charla impartida polo profesor titular da Universidade de Granada Alberto Matarán, é a idea de que hai lugares aos que sacrifican para levar ao cabo unha transición enerxética corporativa. “As empresas din que todo vale para a transición enerxética, e a quen di que non acúsaselle de negacionista e de anti-enerxías renovables”, comenta Matarán. “Así intentan impoñernos unha solución que só mantén os seus beneficios, a súa xerarquía de dominio colonial e os seus privilexios. Temos que ter moito coidado en como se fai o despregue da enerxía renovable”.
Durante o curso tamén se fala do papel do Estado na chamada transición, da man de Luis Buendía; do asociacionismo para “loitar contra os xigantes”, por parte de Patricia Gamallo e Belén Rodríguez; ou sobre que prezo estamos dispostos a pagar para ter recursos e seguir crecendo, como comenta Margarita Mediavilla no seu relatorio. Tamén hai moitas máis conversas sobre eólicos e ata a proxección do documental Derrubando Xigantes de OCO Xeración de Contido.
“Fixemos este curso porque é un campo que está de máxima actualidade e empezan a aparecer economistas expertos en enerxía”, comenta Regueiro. “Pero ademais, moitas destas persoas están aquí porque están vivindo os efectos dunha mala transición na súa pel. Rara é a persoa que non ten un coñecido ou un familiar que se ve afectado directa ou indirectamente pola problemática eólica ou por outra”.
Xeracións unidas polo decrecemento
Entre as asistentes hai persoas que non sabían o que era o decrecemento e persoas que levan anos loitando porque se poña cada vez máis en práctica. Con todo, todas están unidas polo desexo de que as cousas cambien antes de que sexa tarde.
“Eu, por exemplo, non coñecía o concepto antes de entrar na facultade, pero agora falamos bastante sobre decrecemento en macroeconomía e están habendo moitos debates que se entrelazan ademais co tema do capitalismo, que busca o crecemento perpetuo”. Rosa empeza este ano terceiro de economía e veu ata aquí para entender un pouco mellor este concepto. “Falamos moito sobre o dilema de se podemos producir a mesma enerxía usando só fontes renovables, e moitas pensamos que é moi difícil cos recursos que temos, que son limitados. Para min a chave sería decrecer”.
Chema, outro asistente, si que leva anos tendo o decrecemento como obxectivo, e veu aquí desde Extremadura para seguir aprendendo sobre esta realidade. “Nós estamos vendo o que está acontecendo en Extremadura coa fotovoltaica e coas multinacionais. Por suposto que defendemos as enerxías renovables, pero non as vemos como transición”, comenta Chema. “Porque se seguimos co mesmo nivel de consumo, imos ter que utilizar máis carbón e petróleo. E iso transición non é”.
Tanto Rosa como Chema coinciden en que este tipo de cursos son vitais para achegar a sociedade á conceptos que doutro xeito non coñecerían. Tamén, para xuntar nun lugar común a persoas coas mesmas preocupacións polo cambio climático e por conseguir un menor uso dos recursos a nivel mundial.
“Eu creo que sobre todo as novas xeracións están moi interesadas en todo isto. Pode que o concepto por agora só lles soe —sempre se falou de crecemento, e é raro dicir o contrario— pero están preocupados por cambiar as cousas”, remata dicindo Regueiro. “E xa están vendo que a crise enerxética é unha realidade que lles empeza a afectar a eles tamén”.
O curso remata. As asistentes saen da aula con moitas ganas de compartir apreciacións e espallar os conceptos que aprenderon estes días. Porque, cantas máis persoas comprendan o problema do que acontece, máis posibilidades de cambiar as cousas.