asformigas (fragmento)
asformigas (fragmento)

Manifesto «Dende a Ulloa ata a ría: terra, agua e aire son vida»

/
Share

(Manifesto lido ao final da masiva manifestación en Palas de Rei do día 26 de maio.)

ALTRI NON! Cartaz da manifestación do 26/05/24.
Cartaz da manifestación. Deseño de asformigas.
Para acender a cociña, utilizo algunha piña e papel vello que gardo nun estante. Hoxe tocoume queimar un antigo calendario e pasou polas miñas mans a páxina do 26 de maio do 2024. É un día que me emociona. Hai xa algúns anos, un 26 de maio, todo empezou a cambiar.

Viviamos unha época estraña na que chamaban “sostíbel” ao que era xusto o contrario. Sentiámonos ameazados porque existía a posibilidade de que se implantase unha mega-fábrica de celulosa na nosa comarca. Dicían que non había outra opción, que ese desmesurado monstro era o futuro… Con todo, as veciñas sabiamos que sería un desastre, entendiamos que a empresa viña para levar o mellor que temos, terra fértil, auga e aire limpos, e deixarnos o peor: contaminación, destrución dos ecosistemas (que nos protexen de pragas e enfermidades), perda da rede socioeconómica que nos sostiña e, en definitiva, o abandono da comarca. En pouco tempo tivemos que aprender o que significaban as choivas acedas, os nitratos, os mega-incendios do cambio climático, a escaseza de auga e as secas prolongadas e habituais, os malos cheiros, a ocupación ilexítima do territorio, a arbitrariedade administrativa, e case nos convertemos en expertas en especies endémicas…

Coñeciamos o desastre medioambiental e social no que se convertera a localización de ENCE Pontevedra, a ría contaminada e Lourizán convertido nun deserto. ENCE era unha clave na destrucción da nosa paisaxe, do inicio da eucaliptización no territorio.

Pero entón, primeiro poucas e lentamente, despois cada vez máis e con máis ánimo, moitas mans empezaron a se xuntar e erguérense para protestar. Ríos de xente de toda Galicia asolagaron as rúas para defender o río que a celulosa quería matar. E sabedes que? Malia todo o poder e o diñeiro dos promotores, gañamos. Gañamos. Conseguimos parar aquel terríbel despropósito.

Lagoa de Quintas, terreos onde se pretende instalar a fábrica de Altri. Foto: cedida para a Plataforma Ulloa Viva.
Lagoa de Quintas, terreos onde se pretende instalar a fábrica de Altri. Foto: cedida para a Plataforma Ulloa Viva.
Ante ese camiño único que só favorecía uns poucos que xa tiñan moito, e aos demais mergullábanos na escaseza, eliximos a abundancia da diversidade. Diversidade de emprendementos e biodiversidade nos campos. Porque a comarca xa era punteira en agroecoloxía, gandería e silvicultura (sostibles, pero de verdade!) e convertérase nun referente para todo o país, con cooperativas que utilizan tecnoloxías apropiadas, obradoiros e fábricas a escala humana… Unhas comarcas que non deixaron de ser acolledoras cos peregrinos. Estamos orgullosas de ter, no canto dunha paisaxe monocroma de eucaliptos, un mosaico rico que favorece todos os sectores. No canto de tres quendas duns centos de persoas que poderían enfermar por respirar os fumes dunha celulosa, somos milleiros de traballadoras e traballadores responsables da natureza que coidamos e que nos coida.

Esta Terra do Medio, as comarcas do corazón xeográfico de Galicia, son un lugar en rexeneración. Son unha oportunidade para poder desenvolver economía sostible, onde se traballe co territorio protexéndoo. Porque dependemos da terra, da auga e do aire. Eses e non a cobiza desmedida duns poucos son os alicerces das nosas vidas.

O cambio climático non é algo que estea na nosa imaxinación. Non é unha predición científica que a saber se un día sucederá. Non. O cambio climático xa está aquí. Está pasando e está pasándonos e vailles pasar tamén as vindeiras xeracións. Pero nese contexto, na Terra do Medio temos un valioso potencial de riqueza de cara ao futuro. Porque aquí as carballeiras aínda resisten. E queremos que sigan resistindo e existindo.

Isto é unha biofábrica. Deseño: asformigas
Deseño: asformigas.
A conexión co territorio sempre foi fundamental nas nosas vidas. É a raíz da nosa maneira de entender a existencia. Atópase na base de como reinventamos as antigas formas da economía, rexenerámola, lonxe da miseria que aínda lembran os nosos maiores. Atópase na idea da xente nova que escolle A Ulloa, Melide, Arzúa, Agolada ou Santiso para se asentar. Na terra dos nosos avós hai futuro, madia leva que o hai. Vémolo e estamos orgullosas, como estamos orgullosas das nosas raíces agrogandeiras, as que nos alimentaron, aliméntannos e seguen a ser esenciais.

O mundo está cambiando. O quecemento global, o aumento das temperaturas, son o maior e máis grave desafío ao que nos enfrontamos como residentes do planeta. É indispensábel que nos recoñezamos como pezas chave para botar o freo de emerxencia, para que exista un porvir sustentábel e vivíbel. E para valorarmos o noso tesouro, a auga e a biodiversidade. Sen elas non hai futuro posíbel.

E para defender a posibilidade dun futuro non podemos consentir máis roubos. As multinacionais chegaron á Ulloa, chegaron á Terra do Medio, pensando que podían campar a vontade. Que iamos vender auga e territorio a bo prezo. Que iamos crer no seu conto e que iamos vender o noso futuro. Pero dixemos que non dende a Ulloa ata a ría de Arousa

Dixemos que non e que abonda de minas que contaminan os ríos desde o nacemento, como a proxectada na serra do Suído-Seixo.

Dixemos que basta de inzar o país de eólicos sen máis plan que beneficiar os amigos do poder e as grandes compañías eléctricas.

Dixemos que basta de empresas que enriquecen uns poucos e deixan os ríos e rías anegados de lodos tóxicos, os montes ocupados por eucaliptos e a biodiversidade, esencial para a supervivencia, degradada.

Dixemos que basta a que non se nos escoite, que mais de 25.000 alegacións son motivo suficiente para parar o proxecto.

Hai 20 anos a mobilización da xente da comarca...
Hai 20 anos a mobilización da xente da comarca detivo o intento do goberno de Manuel Fraga e de Fenosa de construír doce centrais hidroeléctricas no sistema fluvial Ulla-Deza. Son xa 60 anos loitando en defensa do río.
Temos unha obriga cos nosos devanceiros, que conseguiron para nós unha calidade de vida alta, e temos unha responsabilidade coas nosas fillas e fillos: deixarlles unha comarca coidada que lles permita vivir ben, que lles permita o bo vivir. Por iso defendemos con todo o noso corazón a terra, o aire e a auga e por iso dixemos, e dicimos, que xa chega de Altri, de Greenalias e de Greenfibers.

Non é desenvolvemento, non é progreso: chámase espolio.

Porque esta terra é nosa e non das empresas especuladoras.

Un 26 de maio todo empezou a cambiar. Eliximos ter un futuro e agora existimos porque esas personas loitaron, loitamos, por un futuro que mereza a pena ser vivido.

Deixamos ben claro que Altri NON. Hoxe, veciñas e veciños, amigas e amigos, é ese 26 de maio en que todo empezou a cambiar.

Altri non!

Imaxe do final da manifestación do 26/05/2024 en Palas de Rei. Foto: Juan Teixeira.
Imaxe do final da manifestación do 26/05/2024 en Palas de Rei. Foto: Juan Teixeira.
Lagoa de Quintas, terreos onde se pretende instalar a fábrica de Altri. Foto: cedida para a Plataforma Ulloa Viva.
Lagoa de Quintas, terreos onde se pretende instalar a fábrica de Altri. Foto: cedida para a Plataforma Ulloa Viva.
Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 5]
Share

Rede de asociacións para a defensa da comarca galega da Ulloa e do río Ulla creada en 2022.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

[VIDEOCLIP] A Loba

Siguiente artículo

Curricán [+VÍDEO]

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.