Maia Koenig.
Maia Koenig.

Diñeiro público para independizarnos das tristes expectativas dos mercados

//
Share

Se mañá mesmo comezásemos a tomarnos en serio os retos existenciais que enfronta a Humanidade, os mercados financeiros globais colapsarían, e con graves consecuencias para todas nós. Guste non guste, esta esfera ficticia que reduce todo a números inflúe moito sobre que producimos, como, onde e para quen. Prescindir dos mercados e do diñeiro para coordinar a actividade económica dunha sociedade pode revelarse unha tarefa arriscada e difícil, pero se cadra hai algunha forma de que estes mercados nos sirvan a nós. Podemos ter a tentación de aspirar a unha sociedade sen diñeiro e pensar que os mercados son irreformables. Eu mudei de idea ao descubrir que esta versión dos mercados que temos é só unha entre varias posibles, e que precisamente ten uns defectos bastante sinxelos que poderíamos remediar. Sen pretender eliminar completamente a problemática da esfera de intercambio recíproco propia de todo mercado libre, penso que un obxectivo práctico e inmediato sería poñer a proba algúns cambios legais e institucionais que permitan ao diñeiro funcionar de forma diferente, facendo posible que as prioridades ambientais e sociais se poidan canalizar de forma descentralizada a través de mercados máis xustos.

Nos mercados financieiros cómpranse e véndense dereitos de propiedade sobre empresas, débedas, seguros, recursos naturais e todo tipo de bens, como vivendas ou solo. Todos estes activos teñen valor en base as expectativas de beneficios que poidan reportar nun futuro. Os beneficios dependen dos prezos que estean dispostas a pagar aquelas que non dispoñen desta riqueza en propiedade por poder usalos. Pero os prezos, tanto destes activos como de todos os bens e servizos que se intercambian na sociedade, lonxe de ser indicadores dun valor obxectivo, están influídos de forma incuantificable por unha inxente cantidade de cuestións que van máis aló da produción e do consumo. Especialmente polas relacións de poder.

Cando poucas empresas logran dominar un mercado poden impoñer prezos máis baixos no que mercan e máis altos no que venden, aumentando as súas marxes de beneficio sen que mude nada nas preferencias das persoas, na produtividade ou na abundancia ou escaseza de recursos naturais. Se as vivendas se acumulan en mans de grandes propietarios e fondos de inversión faise moi difícil para as persoas que dependemos para a nosa vida deste recurso negociar prezos xustos de alugueiro. Ao fin e ao cabo elas non teñen nada que perder, nós quedamos na rúa ou volvemos a casa dos nosos pais. En xeral cos salarios e os prezos das materias primas, os que estean nunha situación de extrema necesidade non dispoñen da forza para negociaren uns prezos xustos nos mercados fronte a aquelas que poden forzar a negociación ao máximo. Así os mercados acaban dominados por prezos que non reflicten as condicións reais de escaseza que delimitan a produción nin as prioridades sociais que orienten o consumo e a distribución do que se produce de forma idónea.

O uso do poder militar e a violencia son en certa medida os causantes históricos do extremadamente desigual reparto da riqueza mundial, que inflúe moito á hora de determinar o que producimos, como, onde e para quen. A meirande parte do mundo traballa producindo cousas para os máis ricos, cousas que nós mesmas non nos poderíamos permitir. A economía mundial adícase a satisfacer as necesidades dunha oligarquía ociosa que devora os recursos do planeta abocándonos a todas a un colapso social, económico e ambiental. Pero máis alá da distribución da riqueza produto da violencia máis explícita atopamos outros mecanismos e estruturas invisibles que perpetúan o reparto inxusto da renda. Moitos son sistemas de crenzas interiorizados como o machismo, o materialismo ou o antropocentrismo; outras son relacións socialmente apuntaladas como o matrimonio, as ceas de empresa, a propiedade privada, o diñeiro ou a débeda. Centrareime nas dúas últimas.

Xa na antiga Sumeria foron conscientes do problema que producen as débedas: crean situacións desiguais de poder que fan perpetuar as débedas no tempo. Os que prestan os cartos sitúanse nunha situación de poder fronte aos que os deben devolver con xuros. Xa de primeiras cabe denotar que se os acredores non gastan o seu diñeiro no que ofrecen os debedores é imposible que estes últimos consigan facer fronte aos xuros. Se os que prestan os cartos acumulan a riqueza no canto de gastala (ao fin e ao cabo, coas súas necesidades básicas e non tan básicas cubertas, poden facelo) as débedas son impagables e medran exponencialmente no tempo. En Sumeria tiñan o xubileu cada certo tempo onde se eliminaban todas as débedas, poñendo en evidencia que, sen un mecanismo claro que redistribuíra a riqueza forzando que esta fluíse de volta cara a economía real de bens e servizos, producíase unha fractura social de desposesión permanente.

Na actualidade non temos nin este nin ningún outro mecanismo eficaz que limite o potencial destrutor que teñen as débedas. Ao contrario. O noso diñeiro esta ligado á débeda dunha forma intrínseca. Canto máis nos endebedamos máis diñeiro se crea, e se pagamos as débedas o diñeiro desaparece. Desta forma existe o incentivo de incrementar o nivel xeral de endebedamento cada vez que precisamos dispoñer de maior cantidade de diñeiro en circulación. Pero todo este endebedamento é prexudicial e en gran medida innecesario. As débedas en si non son o problema. O problema é cando nun mundo desigual como o noso se fan imprescindibles para quen menos teñen, se combina cun diñeiro creado en base á débeda por bancos e outros intermediarios financeiros e por riba hai unha ausencia de mecanismos que limiten a acumulación de riqueza e que redistribúan o poder.

É innegable que a meirande parte das transaccións a día de hoxe se fan de forma dixital. Sen embargo a única forma de diñeiro público é o diñeiro en efectivo. Cando facemos transferencias ou pagamos coa tarxeta estamos a usar diñeiro bancario. Un diñeiro que crean os bancos, responsable da aparición de crises recurrentes e dos consecuentes rescates forzosos. Porque se non rescatamos os bancos desaparecerían todos os nosos aforros, que non son máis que promesas de banco. Por iso cumpría complementar o efectivo cunha versión dixital deste, creada por un ente público. Por unha parte dispoñer dunha forma de diñeiro dixital público permítenos unha alternativa fronte a ter o diñeiro nos bancos. Por outra, podemos incrementar a súa cantidade sen incrementar o nivel de débeda e facer un uso socialmente desexable do diñeiro creado. E, o máis importante, podemos permitir que os bancos poidan quebrar, deixando así de subvencionar o endebedamento indiscriminado a través deste seguro público de rescate co que contan neste momento.

Parar a extracción de rendas a través do pagamento de xuros que vai implícito en todos os prezos e a través das crises recorrentes que implican rescates con diñeiro público e axudas públicas permanentes ao sistema bancario e financeiro, é un obxectivo prioritario. Reducir o nivel xeral de débeda e capitalizar con diñeiro público á sociedade mentres o diñeiro-débeda privado decrece de maneira moi importante pode ter un efecto enorme na redistribución do poder na sociedade. Unha vez teñamos unha infraestructura de diñeiro público física e dixital podemos facer fronte ás consecuencias inesperadas na cantidade de diñeiro en circulación que poidan derivarse dun choque de realidade sobre as expectativas ficticias que teñen os mercados sobre o futuro. A previsible caída do valor de todos eses activos derivada da implementación de medidas que reforcen a protección da natureza, diminúan o consumo innecesario e reforcen o poder negociador dos países do sur global e das clases traballadoras, será asumida polos que fixeron apostas fantasiosas e arriscadas sobre o porvir deste mundo. Os nosos cartos non serán máis o refén do sistema financeiro e poderemos financiar todo aquilo que consideremos prioritario sen escaseza ningunha de cartos.

Maia Koenig.
Maia Koenig.
Click to rate this post!
[Total: 0 Average: 0]
Share

Economista crítico especializado no diñeiro. Impulsor da moeda social galega A Sabia e actual presidente da asociación Dinero Positivo para a reforma do sistema monetario. Autor do blog AprenderEconomia21 e da canle de youtube do mesmo nome.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Doze de abril

Siguiente artículo

[VIDEOCLIP] A Loba

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.