Para os quince investigados e os que virán.
«Sei do noso sino por experiencia».
Non teño obriga ningunha de me sacrificar.
O meu oficio, son un científico
consciente do colapso, lévame a
escribir e falar da irresponsabilidade
dos que non fan o que deben:
pisar o freo para salvar(nos)
o maior número de seres posíbel.
Entoo, como non, o mea culpa:
durante 9 anos tiven coche,
viaxei 6 veces en avión
e tirei moitas cousas ao lixo
cando aínda servían, pero…
De verdade provoquei eu o cataclismo?
Non tivo que ver nada Citröen,
nin a política de subvencións
para o carro privado, os voos baratos
o consumo indecente do gasóleo ecocida?
Botei un espeso líquido vermello,
só as morbosas metáforas do sangue
chaman pola mirada dos humanos,
nas portas do Congreso:
a nova casa do xato de ouro,
a santa democracia, filla da transición
neta da ditadura. Que gran dano!
A choiva levaríao sen deixar rastro,
mais ¿que trebón borrará as extincións,
os vertedoiros de lixo electrónico,
a destrución de acuíferos e montes…?
Creo que, malia a gravidade do pecado,
—condutas como a miña rozan o terrorismo—
mesmo as túas leis autoritarias
me eximen de castigo.
Obrei, ti ben o sabes,
por máis que pretendas que ninguén o comprenda,
impulsado polo meirande estado de necesidade:
salvar a Gaia.