Sabía o seu sino por experiencia
—Álvaro Cunqueiro
No medio e medio da apocalipse estes poemas queren pór en evidencia a necesidade de “colapsar mellor”.
Procuran nas raíces da fin para imaxinar os escenarios do futuro porque a quebra da nosa civilización xa é imparábel: comezou antonte e pasadomañá amosará mil faces distintas.
Os versos de Fuxidío mañá queren evitar o “futuro perfecto” que anuncian (e agachan) os medios de comunicación e colocar algúns obstáculos na vía para facer descarrilar o “tren do progreso”.
INSTRUCIÓNS PARA UNHA REBELIÓN ESTÁTICA
Os nosos reinos estaban vivos na nosa imaxinación, e como non precisabamos nada concreto para vivir, podiamos non expoñer nada ás armas dos inimigos. Un soldado resulta inútil sen un albo […]
—T. E. Lawrence en «Guerrilla», entrada na Enciclopedia Británica
1.ª Sacar as anteolleiras
e mirar para as marxes
procurando unha gabia
que sexa para ti.
2.ª Acampar.
3.ª Dende a cuneta
ollar como avanza
ese tren narcisista
cara á plataforma
final: o futuro.
O CAMPO DA FESTA
Dende sempre
(e sempre son
varios centos
de millóns de anos)
estivo ceibo
e viviu connosco,
os seres dos tres reinos.
Pouco a pouco,
fómolo cercando
con valados, casoupas, edificios
máis tarde xa
cos Plans de Ordenación Urbana.
Mais seguía a ser lama.
Para o embelecer
(Quen ten tanta soberbia
para exornar o mundo!)
plantamos nos seus lindes
uns platanus hybrida.
Pasados tres alcaldes,
decidimos unilo á cidade:
facelo para o home.
Asfaltamos o campo,
urbanizamos todo.
As raíces dos plátanos
salvaxes, irredentas,
levantaron o asfalto
e as súas beirarrúas.
Un alcalde máis tarde
tallamos os rebeldes.
Alerta!
Tapade ben as fendas
polas que axexa a vida!
SAN PROMETEO
Ti,
ou, san Prometeo,
que nos ensinaches
que ninguén:
nin Hefesto nin Atena,
cumpridos servidores
de Zeus, a Realidade;
poderían frustrar
as nosas utopías.
Ti,
ou, san Prometeo,
que roubaches as artes,
para nos amosar
que somos as raíñas
de todo o creado.
Ti,
ou, san Prometeo,
patrón da intelixencia,
da razón, do progreso.
Ti,
ou, san Prometeo,
atopa o novo lume,
o flamante chintófano,
que dobregue a vida
e nos faga medrar.
SEGANDO
As maquinas rozadoras non desprazaron as gadañas porque sexan mellores: o seu uso impúxose pola nosa actitude coa tecnoloxía.
—Paul Kingsnorth en Ecoloxía escura
A Liev Nicolaievich Tolstoi
Mentres a media lúa con cadencia
corta o ar e a herba na chaeira;
mentres a folla canta nesta xeira,
o ego abandona a resistencia.
A lei do prado marca a frecuencia:
en cada desnivel, cada toupeira,
cada couce ou pedra ventureira
ten que volver un intre a consciencia.
O campo, o sol e a herba só transcorren;
a razón para o seu fluír seguido
e o corpo ceibe obedece ao ferro.
Nesta danza ancestral, as verbas morren,
e fan do segador un eu detido
que é campo, herba, sol e mesmo ferro.
NECESIDADES
Alguén bombardeou cidades ou
vendeu mazás baixo a
choiva para isto
—Charles Bukowski en como un rei
A abundancia no andel
daquel hipermercado:
trinta e seis variedades
(agás erro ou lagoa)
de bolachas de avea
con cadanseu envase
de plástico, ilustrado
coas cores máis vivas,
amosan o que somos:
os donos da materia,
feitos a semellanza
do Deus do Pentateuco.