Ilustración de Casdeiro
Casdeiro.

As receitas da AIE para reducir as importacións europeas de gas ruso: comentarios de urxencia

//
Share

Ante a publicación onte de un plan en dez puntos por parte da Axencia Internacional da Enerxía co obxectivo de reducir a dependencia da Unión Europea con respecto ás importacións de gas natural procedentes de Rusia, o profesor Doldán remitiunos estes comentarios de urxencia. Cómpre lembrar que a AIE é o organismo oficial de referencia da OCDE para cuestións enerxéticas, e que a Federación Rusa non forma parte deste organismo.


1. Non asinar ningún novo contrato de subministración de gas con Rusia.
[Impacto: permite unha maior diversificación da oferta este ano e máis aló].

Obvio, perogrullada. Primeiro prohibimos comerciar, consecuencia non se comercia. Non é unha opción, apenas unha obriga de guerra.

2. Substitúe o abastecemento ruso por gas procedente de fontes alternativas.
[Impacto: aumenta a subministración de gas non ruso nuns 30.000 millóns de metros cúbicos nun ano].

O mesmo tipo de perogrullada, a cuestión é cales son esas “fontes alternativas”. Se continuamos falando de gas natural e non doutras formas de enerxía, todo semella que estamos a referirnos ao fracking, con case total certeza procedente de EUA, mentres non se alcance alí o colapso destas fontes, que se irán estricando polos altos prezos, única forma de compensar unhas taxas de retorno enerxético moi baixas. O da captación das fugas de metano ou o biometano ou biogás, ou as referencias ao hidróxeno entran no terreo dos desexos mais non das posibilidades reais de converterse en alternativa ao gas natural.

3. Introducir obrigas mínimas de almacenamento de gas.
[Impacto: mellora a resistencia do sistema de gas ata o próximo inverno].

É dicir, aumentar o nivel de importacións alén do que se viña facendo e toda vez que as reservas estratéxicas se teñen liberado por esta economía de guerra. Agora toca volver a recuperar esas reservas e mesmo incrementalas, que en escenarios de altos prezos supón unha balanza enerxética exterior cada vez máis negativa.

4. Acelerar o despregamento de novos proxectos eólicos e solares.
[Impacto: reduce o uso de gas en 6.000 millóns de metros cúbicos nun ano].

Ou sexa, impulsar o que xa se viña proxectando, mesmo cando ditos proxectos son como pouco a medio prazo e as necesidades de gas a curto prazo. Non hai forma de que ese aceleramento compense máis que unha porción mínima do consumo de gas actual. O que servirá esta economía de guerra é para facer que as esixencias ambientais e sociais destes proxectos eólicos e solares se eliminen ou se consintan, coa xustificación da emerxencia enerxética que vivimos. Por ese motivo xa se anuncian simplificacións administrativas e de responsabilidades. A guerra contra xigantes e muíños está servida.

5. Maximizar a xeración de enerxía a partir de bioenerxía e nuclear.
[Impacto: reduce o uso de gas en 13.000 millóns de metros cúbicos nun ano].

Poderíamos aplicar o mesmo argumento que no anterior, mais neste caso o resultado é moito peor. Obviamente os proxectos de novas centrais nucleares son a longo prazo e non resolven o problema, mais poderíase alongar aínda máis a vida das centrais existentes, cos perigos que isto encerra (xa se anuncia a prórroga de catro reactores en 2022 e outro en 2023), ou chegar ao disparate de promover proxectos nucleares con menos requisitos de seguranza que os que se prevían nas centrais de nova xeración que non acaban de culminar. En canto á bioenerxía, sucede algo semellante co fracking. Ademais do impacto ambiental e a ocupación de terras fértiles, está a compensación das taxas de retorno baixísimas (cando non negativas), cos altos prezos da enerxía e coas subvencións que xa fracasou no pasado. Son falsas solucións que levan aparellados problemas potenciais moi perigosos.

6. Promulgar medidas fiscais a curto prazo sobre os beneficios extraordinarios para protexer os consumidores de electricidade vulnerables dos altos prezos.
[Impacto: recorta as facturas de enerxía aínda que os prezos do gas seguen sendo altos].

A falta de maior concreción, non son medidas que reduzan as importacións de gas, e non deberían estar neste decálogo. Como moito son medidas para afrontar a pobreza enerxética galopante que pode vir para moita xente. Cabe entender que estas medidas irían no sentido de reducir impostos para os consumidores (que só compensa parcial e non significativamente a factura enerxética dos usuarios) ou aumentar os ingresos fiscais por maiores imposicións a empresas enerxéticas, como medida cosmética xa que estas estarían a obter beneficios empresarias extraordinarios no curto prazo, de facto se anuncia que estas medidas sería temporais.

7. Acelerar a substitución de caldeiras de gas por bombas de calor.
[Impacto: reduce o uso de gas en 2.000 millóns de metros cúbicos adicionais nun ano].

Ademais de que esta é unha medida de eficiencia e non propiamente de aforro enerxético, deriva o consumo para a obtención de calor do gas para a electricidade que serve para o funcionamento destas bombas de calor, sen que se fale do consumo eléctrico extra. O propio informe observa este paradoxo, aínda que o desculpa dicindo que ao final compensa (sen máis datos). Por outra banda, este cambio de sistemas de obtención de calor ambiental, non é un proceso nin rápido nin barato, só asumible por unha parte cativa da poboación.

8. Acelerar as melloras da eficiencia enerxética nos edificios e na industria.
[Impacto: reduce o uso de gas preto de 2.000 millóns de metros cúbicos nun ano].

Semellante ao anterior. As medidas que se precisan no informe falan de posibilidades que xa existen e que a súa extensión depende de axudas que non se precisan como tampouco se precisan os prazos en que isto se podería realizar.

9. Fomentar unha redución temporal do termostato de 1 °C por parte dos consumidores.
[Impacto: reduce o uso de gas nuns 10.000 millóns de metros cúbicos nun ano].

Esta si é unha medida de aforro que recae na vontade dos usuarios, se ben o encarecemento do gas xa vai ter ese efecto, sen precisar que se recomende.

10. Reforzar os esforzos para diversificar e descarbonizar as fontes de flexibilidade do sistema eléctrico.
[Impacto: afrouxa os fortes vínculos entre o abastecemento de gas e a seguridade eléctrica de Europa].

De novo estamos en políticas que non son posíbeis no curto prazo. Un novo brinde ao sol como outras das receitas anteriores. Ademais, esta medida se deriva doutras xa comentadas anteriormente, co que non se pode considerar algo diferente ao xa indicado.

Ilustración de Casdeiro
Casdeiro.
Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 5]
Share

Profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, membro da Asociación Véspera de Nada. Anteriormente foi presidente da Asociación de Economía Ecológica en España e director do Instituto Energético de Galicia (INEGA).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Un mundo sen minaría: un obxectivo necesario que debemos ousar imaxinar

Siguiente artículo

Entrevista con Mario Pansera: “Transición xusta sería deixar de crecer a costa do sur e deixar que eles medren ata onde teñen dereito a medrar”

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.