(Tradución: Iolanda Mato.)
Nos últimos anos, temos visto cada vez máis noticias sobre a descarbonización da economía nas que é omitido calquera cuestionamento do modelo de crecemento constante que actualmente orienta o destino das nosas sociedades. Algúns van máis lonxe abrazando o dogma das solucións tecnolóxicas como base para falar dunha desacoplamento da economía e dos recursos naturais, postulando, en contra de todo principio natural, que poderemos crecer indefinidamente en termos de bens e servizos que ofrecemos e consumimos sen calquera impacto significativo sobre os ecosistemas que habitamos.
Mesmo así, a realidade da situación non pode ser negada. Non é novidade que a transición para as enerxías renovábeis e a electrificación gradual de varios sectores da economía está sendo acompañada por unha utilización intensiva de materias-primas, en particular de certos metais indispensábeis para esas novas tecnoloxías. Tampouco é novidade que, paralelamente a este esperado aumento da demanda por materias-primas, están sendo lanzados novos proxectos de minaría, incluíndo algúns que poderían ter consecuencias ambientais ben graves, como a minaría submarina, outros que esconden as mesmas prácticas destrutivas de sempre por tras do oxímoro da minaría sostible e aínda outros con tons máis extravagantes, como a minaría de asteroides ou a minaría lunar.
Estudos recentes[1] mostran que as actividades mineiras destinadas especificamente á produción de enerxía renovábel exacerbarán as ameazas á biodiversidade en todo o mundo. Estímase que até 50 millóns de km2 da superficie terrestre poden verse afectados por estas actividades extractivas, incluíndo áreas protexidas e algunhas das poucas áreas salvaxes prístinas que quedan no mundo. As consecuencias inmediatas son coñecidas: degradación do solo pola drenaxe ácida de mina, deforestación, estrés hídrico e contaminación. Parece así que o proxecto de transición enerxética continúa a ignorar o feito de que o paradigma extractivista xa non é unha estratexia viábel para asegurar o benestar das nosas sociedades e a conservación do ambiente.
Así, mentres as elites globais responsábeis polas grandes decisións viven nesta contradición debido a unha enorme falta de audacia, a poboación é confundida por un constante gotexar de catástrofes naturais e eventos biolóxicos de alcance global que nos mergullan nun dilema perturbador: somos capaces de imaxinar un futuro mellor ou continuaremos a vivir so o dominio de visións distópicas que asfixian a nosa capacidade de acción? Pois ben, imaxinar un futuro mellor é o exercicio proposto por Joám Evans Pim e Ann Dom (Seas at Risk) no relatorio recente Breaking free from mining (dispoñíbel en castelán como Un mundo sin minería). Neste traballo meticuloso, os autores fannos saír do presente, que é tan arrebatador, para un 2050 no que xa se verificou unha mudanza verdadeiramente transformadora. O informe lévanos para este futuro propicio e investigan como chegamos aló, que mudanzas foron necesarias, que decisións-chave tiveron de ser tomadas e como de preto tivemos de chegar ao abismo para recuar.
Cunha sabia combinación de rigor e imaxinación, o informe analiza detalladamente a literatura máis recente e os datos máis reveladores publicados por organizacións como o Banco Mundial, o Panel Internacional de Recursos, a Axencia Internacional de Enerxía e a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico para concluír que os escenarios propostos por estas institucións se agarran a un tecno-optimismo que evita cuestionar o actual modelo de crecemento constante e confía o noso destino ás cartas da eficiencia e da innovación.
A pesar diso, os autores evidencian como unha solución tecnolóxica non é suficiente. Esta é de curto prazo e superficial, e en moitos casos acaba por ser unha proposta que reforza o paradigma extrativista para sustentar un crecemento verde que só beneficia os países e rexións superdesenvolvidos. A procura de sistemas de almacenamento de enerxía para aproveitar as enerxías renovábeis, vehículos eléctricos, dixitalización, urbanización e un aumento xeral do consumo de recursos entre unha poboación en constante crecemento, realzan a insustentabilidade dun sistema ligado ao crecemento do PIB como única referencia dunha sociedade próspera. A cuestión-chave entón é: somos capaces de imaxinar un modelo máis viábel do que o extrativismo?
A resposta pode estar máis perto do que imaxinamos. Moitas das sementes de mudanza presentadas no informe xa están botando raíces. Mesmo que tímido, talvez, é certo que a pandemia da COVID tivo un efecto sensibilizador que probabelmente promoverá mudanzas máis cedo do que tarde. As iniciativas no campo da economía circular, tecnoloxía, eficiencia e innovación son pasos importantes na dirección certa. Máis a verdadeira mudanza debe ir máis alén. Terá que desafiar as estruturas económicas existentes e avanzar para unha economía centrada na suficiencia e non na eficiencia, na desaceleración controlada, no benestar de todas as persoas e nunha distribución xusta e equitativa dos recursos.
A partir deste futuro posíbel de 2050, o informe analiza as mudanzas fundamentais para que cheguemos aló. Mudanzas na produción e no consumo de enerxía, nos sistemas de mobilidade, na obsolescencia planeada e percibida, na xestión de residuos, en novas formas de pensar as cidades, o mundo rural, a vivenda e, en xeral, unha nova forma máis humana de vivir o espazo e o tempo, distante de moitas das concepcións patolóxicas do mundo de hoxe.
No campo particular da minaría, o informe destaca a importancia futura das materias-primas secundarias, isto é, materiais recuperados de residuos electrónicos, residuos da construción, vertedoiros urbanos… Esta é a chamada minería urbana e de residuos, unha avenida que é preciso explorar nunha época na que a cantidade dalgúns materiais xa extraídos do subsolo é equivalente ou até maior do que o que permanece baixo a terra (é o caso do cobre, do cal 50% das reservas globais xa se encontran na superficie da terra). Moitos materiais esquecidos que poderían aliviar a necesidade de extraer da terra están ben preto nas nosas gabetas e vertedoiros.
O informe abunda en referencias esenciais que en si mesmas deseñan un escenario de evidencias, propostas e lecturas dunha sociedade actual sen veos, sen cortinas de fume, sen estratexias flagrantes de lavado verde. A minaría sostible, a compensación ecolóxica e outros termos recentes mal esconden posicións instaladas nun modelo fracasado que só serviu para beneficiar unha minoría global. As actividades extractivas destrúen o ambiente no que operan. Non hai compensación posíbel cando se trata de traballo infantil, condicións de traballo mortíferas, explotación de persoas e violacións dos dereitos humanos. É obsceno ver como os lobbies e corporacións desta industria apremen os políticos para abriren novas “zonas de sacrificio” con promesas baleiras de creación de empregos, progreso e desenvolvemento que nunca se concretan.
Como achega persoal a este traballo abranxente de Joám Evans Pim e Ann Dom, gustaría de destacar dúas realidades que acredito que terán que terse en conta nos próximos anos. A primeira refírese ás políticas de innovación da Unión Europea e o financiamento a elas asociado. Programas como o Horizon 2020 e institucións como o EIT RawMaterials financian proxectos relacionados con materias-primas cuxos promotores, na realidade, tiñan pouco ou ningún interese por promover solucións ambientalmente viábeis. Pola contra, parece que se están a procurar novas periferias dentro da Unión Europea para extraer a pouca riqueza que aínda resta. Os seus actores, na maioría dos casos representantes da industria mineira acompañados por políticos rexionais que actúan como embaixadores destas empresas, usan un discurso desgastado que culpa o cidadán argumentando que é necesario continuar a minar a terra para satisfacer as súas necesidades materiais. Cantas veces testemuñei o argumento falaz de que a minaría en solo europeo é necesaria porque todos nós queremos ter un teléfono móbel no bolso!
A segunda reflexión que gustaría de facer está relacionada con algunhas das propostas actuais que procuran un futuro con estilos de vida máis simples, cun consumo suficiente e non exorbitante como o actual. Algunhas das máis comúns inclúen a redución de horas e días de traballo, a mudanza da posesión do vehículo ou vivenda para un uso partillado, a redución das viaxes, a reparación en lugar da compra de novos produtos, e así sucesivamente. Preocúpame pensar que estas mesmas propostas que deberían funcionar nun futuro mellor para todos se poden converter en distopías para unha parte da poboación ao se destorcer baixo o paradigma neoliberal. Será que estas ideas se poderían tornar nunha vida precaria para unha parte da sociedade (sen empregos estábeis, sen acceso á vivenda ou a bens básicos, sen acceso a actividades de lecer) non como resultado dunha escolla máis dunha desigualdade crecente? Como podemos distinguir cando defendemos unha idea que nos conducirá a un futuro mellor de cando, co mesmo resultado, esta só implica precariedade para algunhas camadas sociais nunha sociedade dual de clases medias abastadas e consumistas, por un lado, e clases máis baixas en constante risco de pobreza, por outro?
O que parece claro é que a poeira que está debaixo da alfombra non é tecnolóxica, máis política e social, de convivencia e valores. Non hai solución tecnolóxica que endereite os resultados dun modelo político e económico rexido polos principios do crecemento constante e da competitividade. Somos entón capaces de imaxinar un futuro mellor para todas as persoas? Na miña humilde opinión, acredito que non debemos ter en mente unha utopía a alcanzar, máis un mundo no que traballar con perseverancia e convicción. Como advirte o sociólogo Hartmut Rosa no seu traballo Alienación e Aceleración, “a lóxica da competición e aceleración non ten freo ou límite interno”. Max Weber tamén falou desa ausencia de freos internos ou límites cando afirmou que o capitalismo non chegaría á súa fin antes de que “a última tonelada de mineral sexa fundida coa última tonelada de carbón”. Non podemos sentarnos e esperar pola fin dunha orde económica que non poderá parar soa. É por iso que é tan importante axir, comezando por nos liberar mentalmente das distopías paralizantes e ousando imaxinar.
Notas
[1] Sonter, L.J., Dade, M.C., Watson, J.E.M. et al. Renewable energy production will exacerbate mining threats to biodiversity. Nat Commun 11, 4174 (2020). https://doi.org/10.1038/s41467-020-17928-5