(O presente artículo foi enviado polo autor no mes de febreiro, antes do estourido da pandemia de COVID19.)
As persoas temos tendencia a crear fetiches. Elevamos aos altares cousas varias ás que reverenciamos e cremos capaces de salvarnos de todo mal. Eu mesmo, aflixido ante a perspectiva dunha catástrofe global, sucumbín á tentación e fieino todo á adquisición dunha navalla multiusos que, ao parecer, resulta de gran utilidade nesas situacións.
Entre eses fetiches atópase a educación superior, respecto á que non teño nada en contra, pero tampouco nada tan a favor como para elevala á condición de bálsamo de Fierabrás.
Supoño que do mesmo xeito que me aconteceu a min, moitas persoas da miña xeración e anteriores oirían repetidas veces aquilo de que hai que estudar moito para poder ter un bo traballo e vivir ben. A realidade demostrounos que o paraíso clasemediano dista moito da felicidade e o bo vivir, que a afouteza e o esforzo non teñen relación directa coa satisfacción das nosas apetencias e que ter un título universitario pode ser simplemente un adminículo sistémico sen maior utilidade que perpetuar unha visión presuntamente progresista e implicitamente refractaria ao desprezar outro tipo de actividades que se consideran máis indignas e das cales parece que hai que fuxir mediante o ascensor social.
Certamente, todo o mundo debe ter o dereito a acceder a unha educación superior, pero iso non pode ser unha forma de perpetuar non só os clixés despectivos da hexemonía contra a clase obreira, senón a propia existencia dun sistema disfuncional baseado na explotación.
Esta última cuestión, o mantemento da explotación é a máis relevante á miña entender. A educación superior foi para a socialdemocracia sistémica o novo opio do pobo empregado para adormentar á clase traballadora e introducir unha demoledora cuña na conciencia de clase. Para a novo dogma socialdemócrata imperante desde mediados do século XX, directamente vinculado ao consumismo-extractivismo do capitalismo de masas, pásase de procurar a elevación do nivel de conciencia da clase obreira no seu conxunto e de tentar a transformación social mediante a desaparición dun sistema intrínsecamente inxusto, a predicar a mobilidade social dentro do sistema capitalista. Deste xeito, a expectativa non é a construción dun mundo novo sostido sobre unha concepción política e económica radicalmente diverxente do capitalismo, senón facilitar que os membros da clase traballadora poidan a través do acceso á educación fuxir da súa propia clase social ou ascender ás capas máis elevadas desta ao tempo que exercen coma mantedores do sistema.
Baixo este paradigma, as forzas socialdemócratas (aka progresistas) pasan a operar cunha óptica liberal: o problema non é o sistema capitalista coas súas relacións de clase e a súa dinámica de explotación permanente e crecemento perpetuo sostido na inoculación no ser humano dun apetito descontrolado, senón a desigualdade de oportunidades dentro dese sistema. Ou máis graficamente: o problema non é consumir en exceso e explotar ao resto da natureza, senón quen ten o privilexio de facelo. Asúmese, polo tanto, o capitalismo como o único sistema. Un sistema que hai que mellorar mediante a intervención estatal, pero é o único sistema e non hai que propor unha alternativa senón parchealo.
Deste xeito, en troques da súa inicial misión histórica de procurar a emancipación da clase obreira e, por extensión, do xénero humano por medio da acción política colectiva, a socialdemocracia constrúe unha saída individual consistente na suposta mobilidade social que permitirá aos elixidos deixar de ser obreiros elevándose mediante o ascensor social cara ao ceo das capas medias, onde poderán gozar das ambrosías que o sistema prové.
Nun momento histórico no que as estruturas da socialdemocracia como forma do sistema capitalista creban irremediablemente ao chocar cos límites ecolóxicos e en consecuencia económicos, o fetiche da educación superior, até o de agora unha sorte de opio do pobo que adormenta a conciencia mediante a expectativa de allearse da propia clase, debe tamén crebarse. No marco de relacións do sistema capitalista o título universitario non só non garante nada senón que mesmo lonxe de resultar liberador pode ser outro instrumento de dominación que atrase os cambios que de xeito imprescindíbel teñen que darse, se queremos sobrevivir.
