(Carta pública a Ted Trainer, en resposta a un artigo reproducido en 15/15\15, publicada no blog do autor o 24/07/2018. Tradución de Manuel Casal Lodeiro.)
Querido Ted:
Lin con interese o teu artigo “Como se fijo a Grande Transiçom“. Alédame que teñas aínda tantas esperanzas. Eu perdinas todas. Se aínda estou a escribir, é só porque aínda podo. E porque quero cumprir co meu deber. Neste último sentido, hasme permitir que che faga algúns comentarios. Mais non penso repetir os meus argumentos acerca do anarquismo vs. Estado e liderazgos fortes, etc.
- Contas coa Gran Depresión do 2030, e a partir dela esperas que, en vinte anos, a xente vai transformar a sociedade capitalista nun modelo eco-anarquista como o que ti albiscas. Mais grandes depresións semellantes tiveron xa lugar no pasado, nos anos 1930 e a partir de 2008. En ambos os dous casos, non pasou nada nin en Europa nin en Norteamérica. No primeiro caso, unicamente foi a Segunda Guerra Mundial a que axudou a superar a depresión. Por suposto, naqueles días ninguén podía imaxinar os límites ao crecemento nin a escasez de recursos. Porén, no segundo caso, toda persoa cun cargo relevante en política e economía sabía acerca diso. O Teito do petróleo e o seu prezo a 140 dólares eran realidades. E aínda así, non pasou nada. Nin tan sequera en Grecia. Ao país se lle ofreceu a posibilidade de “botar a porta para fóra” (nas túas palabras) da eurozona; os líderes da UE mesmo ofreceron axuda financieira para facelo. Mais nin os políticos nin o pobo gregos desexaban marchar. Mesmo dediciron nun referéndum permanecer e sufrir dentro do sistema. Aí o que podes esperar da “xente”!
- Ti escribes acerca do mundo enteiro, da Humanidade no seu conxunto. Mais a min paréceme que só tes en mente os países máis avanzados de Europa, Norteamérica, Australia… (o Primeiro Mundo), e se cadra tamén China e India, onde existen numerosas industrias, etc. Semella que non consideraches a situación no continente africano, moitos de cuxos estados están de facto estragados, se converteron en (ou están en proceso de ser) Estados fallidos. Tamén en América do Sur e Centroamérica (México, Colombia, Venezuela, Honduras, Guatemala, Brasil), en Asia do Sur (Bangladesh, Paquistán, Afganistán) e no Oriente Medio e Norte de África (Siria, Iraq, Libia, Túnez, etc.), os estados e/ou as sociedades están a se descompoñer. Millións de persoas migrantes/refuxiadas procedentes deses países están a tentar rebentar as portas do Primeiro Mundo. Tamén hai migrantes non desexados dalgúns países de Europa (p.ex. Polonia, os países balcánicos…), que chegan a Europa Occidental, onde o fascismo xa ergueu a súa cabeza e se fai máis forte con cada día que pasa. Teñen lugar ataques violentos e insultos contra migrantes indesexados, especialmente nas vilas pequenas.
E todo isto leva pasando xa uns cantos anos ou décadas. Nos pouco máis de dez anos que nos quedan até 2030, a situación só pode empeorar. E ti estás a pensar que os cidadáns do Primeiro Mundo van —despois de que chegue o gran choque e se dispare a Gran Depresión— ¡comezar a construir a túa sociedade de democracia de base, igualitaria e anarquista ideal! Isto é utópico, no senso negativo do termo. Temo que daquela o que se vai desenrolar é o puro inferno. - A principal (aínda que non única) causa deste devir das cousas é a superpoboación en relación aos recursos, que están a minguar. Ti non incluíches isto na túa lista das causas fundamentais. Só no contexto do devalante petróleo de Oriente Medio chegas a mencionar o problema nunha ocasión, e escribes: “porque as súas (…) crecentes poboacións e decrecentes auga e produción de alimentos significaron (…) que tiñan que usar máis e máis do petróleo que extraían”. Pero a explosión da poboación está tendo lugar en todas partes agás no Primeiro Mundo. Deixa que cite unha vez máis a Paul Ehrlich. Dirixíndose á boa xente do mundo, escribiu: “Calquera [que for] a túa causa, é unha causa perdida a menos que controlemos [o crecemento de] a poboación”. Marx, polo menos a este respeito, estaba por totalmente trabucado. El (tamén Engles, Lenin e os demais) rexeitaba obcecadamente a obvia verdade que Malthus descubrira no século XVIII.
- Contra o contexto de fondo da situación que veño de describir, a conciencia de comunidade estase a evaporar. Lembras o que dixera unha vez Margaret Thatcher? Dixo: “Non hai tal cousa como a sociedade, só hai individuos”. Cando o gran crash teña lugar en 2030, ti esperas que a xente (non só uns poucos líderes ou intelectuais) “fagan realidade” (as túas palabras) de maneira inmediata, nos seguintes 20 anos, o que non fixeran nunca antes. Temo que a maior parte da xente —como sucede en África hoxe— se vai ver como nun barco que afunde. E daquela han dicir: “Sálvese quen poida!” ou “Cada quen que mire por si mesmo!”
Como podes esperar que nos vindeiros 12 [11 xa] anos o sentido da solidariedade, frugalidade, conciencia de comunidade, etc., todas as virtudes que ti se cadra erradamente asumes que aínda existen no mundo, van seguir intactas até ese 2030 ou mesmo despois?
Vaiamos concluíndo. O crash vai chegar. Iso é certo. Mais eu non quero especular co que vai pasar entón, ou o que a “cidadanía” vai querer ou vai poder facer. Máis ben prefiro pensar no que a cidadanía podemos facer antes de que chegue ese impacto. (Levo escribíndovos acerca disto a varios dos meus amigos, incluíndote a ti, Johnny e Steve, desde hai 2 ou 3 anos.) Só nos quedan 12 anos [11 xa]. Así que tentemos empregar o tempo preparando o mundo para unha aterraxe suave. E se temos un chisco de sorte, quen sabe, pode que emerxa unha sociedade mellor ao final de toda a turbulencia. Deixemos aberto cómo poderá ser esa sociedade. Pode que sexa como a túa sociedade eco-anarquista ideal. Mais eu non apostaría por iso.
