(Publicado previamente no blog Saber Sustentar de O Salto .)
Tras rematar outro cumio contra o cambio climático (o COP24 de Katowice) que, como era visto, non serviu para nada, fica claro que os grandes organismos internacionais proseguen a enredar sen chegar a ningunha solución.
As declaracións dos responsábeis internacionais e estatais tras o cumio, “seguen a ser vagas, confusas, solteiras de compromiso, xenéricas, […] e mesmo falan do clima como se a mudanza do clima fose a causa de todos os nosos males”, de acordo coa certeira predición que fixera Pedro Prieto nun artigo da revista 15/15\15 antes de comezar a xuntanza.
Os organismos internacionais están dirixidos polos países enriquecidos que manteñen a súa fe imposíbel nun crecemento económico perpetuo compatíbel coa sustentabilidade da vida polo que só poden chegar a pactos de mínimos, esencialmente inútiles por falla de afouteza nun intre no que toda actuación require urxencia.
Ademais, eses organismos son instrumentos que non teñen máis que unha certa autoridade (técnica ou mesmo moral) pero pouca ou ningunha potestade (entendida como o facultade de facer realidade as súas decisións e resolucións) de tal xeito que aqueles pactos tímidos non chegan a cumprilos moitos dos seus impulsores. Nalgunhas ocasións os estados máis fortes mesmo boicotean os acordos, usando a emotividade nacionalista para resucitar o proteccionismo económico e social e para se enfrontaren a aqueles acordos internacionais que pretenden unha certa descarbonización.
Cos gobernos estatais centrados nun crecemento económico modelo século XIX e confiando en que o colapso non chegue durante o seu mandato, poucas posibilidades de actuación restan dentro das institucións públicas máis alá das administracións infra-estatais (rexións e municipios, por empregar termos xenéricos) sobre as que a ONU, no seu informe sobre a fenda de emisións de 2018, sinala:
as medidas subnacionais son importantes para o cumprimento dos compromisos nacionais […] e inflúen para que se establezan obxectivos nacionais máis ambiciosos. Ofrecen un espazo para a experimentación ou exercen de organizadores, coordinándose cos gobernos nacionais na aplicación das políticas sobre o cambio climático. As iniciativas e os axentes tamén incentivan, apoian e inspiran outras accións contra o cambio climático ao intercambiar coñecementos e boas prácticas. […] O número de axentes que fan parte medra con rapidez: máis de 7.000 cidades de 133 países, e 245 rexións de 42 países […].
Esas administracións teñen dúas vantaxes fronte ás súas maiores: a súa organización política (nos países organizados como democracias liberais) adoita estar máis preto da democracia directa e os seus mandatarios teñen un contacto máis próximo coa cidadanía e son, polo menos na teoría, máis influenciábeis pola xente do común. Destas premisas parte o movemento pola declaración dunha emerxencia climática que pretende crear pequenos grupos que consigan no eido local unha declaración de emerxencia climática con forza xurídica que acabe influíndo nas organizacións estatais. Unha declaración da que comecen a xurdir normas aplicábeis e efectivas para a descarbonización. Esta iniciativa estendeuse fundamentalmente nos países anglosaxóns, onde, por certo, as comunidades locais teñen unha especial relevancia na organización territorial e fan parte del concellos como: Berkeley, Richmond, New Britain, nos E.U.A.; Totnes, Bristol, Oxford, no Reino Unido; Basel e Liestal na Confederación Helvética ou Vancouver, Quebec e Montreal no Canadá.
Unha das últimas cidades importantes (tiña 412 040 habitantes en 2016) en facer parte dese movemento é Oakland (California, E.U.A.) que o 30 de outubro de 2018 aprobou unha resolución a prol da declaración de emerxencia climática na que, tras describir a situación de emerxencia actual, non se detén, como adoitan facer os grandes pactos internacionais, nos últimos efectos (o caos climático e o quecemento global) senón que identifica a causa cuxa eliminación ten que ser o obxectivo das normas:
“[c]onsiderando que, recuperar un clima seguro e estábel require unha actuación de emerxencia coas seguintes finalidades: alcanzar cero emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os sectores; reducir ou eliminar de maneira rápida e segura todo o exceso de carbono da atmosfera e adoptar medidas que protexan a todas as persoas e especies das consecuencias dun cambio climático abrupto”.
O concello de Oakland, como moitos dos outros concellos que aprobaron resolucións similares, sabe que o aumento da temperatura no planeta se debe ao aumento de CO2 e de metano na nosa atmosfera e pretende adoptar medidas para conseguir a redución dos gases de efecto invernadoiro de acordo coas seguintes liñas básicas de actuación: deter inmediatamente o desenvolvemento de calquera nova infraestrutura de combustíbeis fósiles, eliminar rapidamente todos os combustíbeis fósiles e as tecnoloxías que dependen deles, poñer fin ás emisións de gases de efecto invernadoiro inducidas o máis rápido posíbel e iniciar un proceso para extraer con seguridade o carbono da atmosfera, para adoptar a agricultura rexenerativa, e para evitar a eventual sexta extinción masiva.
Oakland asume na súa resolución a súa responsabilidade como sociedade enriquecida, di:
“os Estados Unidos de América contribuíron de maneira desproporcionada á crise climática e ecolóxica e obstaculizaron repetidamente os procesos mundiais para a transición cara a unha economía sustentábel, e polo tanto teñen unha responsabilidade extraordinaria de resolver rapidamente estas crises”.
Parte da premisa de que as sociedades máis capitalizadas teñen maiores obrigas para que, dunha vez por todas, o reparto dos escasos recursos se faga con xustiza, e estabelece como principios inspiradores “a equidade, a autodeterminación, a cultura, a tradición, a democracia profunda e a crenza de que as persoas de todo o mundo teñen o dereito fundamental a un aire, unha auga, unha terra, uns alimentos, unha educación e unha vivenda limpos, saudábeis e adecuados”.
A cidade californiana, coa resolución de outubro, quere poñer o punto final a aquelas políticas inútiles (por tímidas) inspiradas polas organizacións internacionais e decreta a diminución das “emisións de gases de efecto invernadoiro en toda a cidade o máis rápido posíbel ata alcanzar as cero emisións netas e iniciar de inmediato un proceso para extraer con seguridade carbono da atmosfera e acelerar as estratexias de adaptación e resiliencia para prepararse para a intensificación das impactos do clima”.
Aínda fica por comprobar como o alcalde e o concello de Oakland desenvolven esa resolución pero o que é claro e que aqueles políticos californianos escoitaron a cidadanía e, no canto de enganala, decidiron describir a situación como a emerxencia que é, e comprometéronse cos seus votantes a actuar en consecuencia.