(Publicado orixinalmente en TransitionNetwork.org. Traducido por Xosecarlos Núñez Lodeiro, revisado por Manuel Casal Lodeiro e reproducido con permiso.)
A escala e o ritmo da destrución causada pola economía global están a acelerarse malia os esforzos dos movementos de base para producir cambio e novas direccións. Agora mesmo, non vexo un escenario realista como para que se altere a nosa terrible incapacidade para catalizarmos un cambio que pague a pena; vai sendo hora de ter tal cambio!
A Transición propón, xerando hoxe mellores modos de vida e a través dese mesmo proceso, crear un mañá mellor. Millóns de organizacións de base e iniciativas a nivel global están a crear o mundo que elas desexan no seu propio fogar e de diversas maneiras. A Transición forma parte dun ecosistema do cambio. Se ben este ecosistema produciu cambios en moitos lugares, sen dúbida para mellor, moitas décadas dun traballo intenso e excelente das organizacións de base (máis de doce anos de Transición) non alteraron a traxectoria da Sociedade do Crecemento Industrial cara a unha cultura rexenerativa. Este artigo se pregunta por que isto é así, se pregunta se é realista pensar que poida ocorrer un cambio da escala necesaria, e máis o que tería que ocorrer para que este cambio se produza.
O proceso e a posta en práctica da Transición pódense resumir nas tres preguntas que segundo Sophy Banks se fan os transicionistas:
- Que é o que vemos cando ollamos sen medo os problemas que afrontamos?
- “Ata que punto a miña vila/cidade pode aspirar a mellorar?” Que aspecto tería?
- Que cousas concretas e prácticas podemos facer agora mesmo para converter esa imaxe nunha realidade?
O modelo e o proceso de Transición proporcionan aquilo para o que a Transición está fundamentalmente deseñada:
- Capta a xente de maneira inspiradora, facendo que usemos cada unha das nosas capacidades creativas.
- Permite que grande cantidade de persoas exerciten a súa capacidade de tomar medidas de xeito que realmente fagan efecto.
- Funciona a unha escala na cal podemos facer que realmente se aprecie, por exemplo, localmente.
- Podemos comezar a crear agora o mundo que queremos.
- Reaviva o benestar da comunidade.
- A Transición expresa, de maneira tanxible, o noso amor polo mundo.
Se ben a transformación a nivel local produciu obras de cultura rexenerativa, como pode ser unha iniciativa que xurdiu do Centro de Resiliencia de Estocolmo chamada Sementes de Bos Antropocenos, non conseguimos modificar significativa e apreciablemente o escenario xeral. Nós, o Nós con maiúsculas, estamos a fracasar. Eu considero os movementos de base como parte do noso proceso colectivo cultural, ó ancho do sistema global, de movemento cara a unha cultura rexenerativa. Nós non podemos facelo sos. Nós necesitamos máis Nós.
Que está a fallar?
Desde calquera criterio, non temos conseguido:
- Emisións de carbono máis baixas.
- Crear un sistema económico que respecte os límites da terra.
- Crear unha sociedade que xenere igualdade económica e xustiza social.
- Incrementar a biodiversidade.
- Reducir a contaminación.

Logo de máis de dez anos traballando no núcleo do movemento de Transición, sinto que precisamos preguntarnos por que e “que se pode facer para ter un maior impacto?”
Non estou a diminuír nin a faltar ó respecto ós tremendos esforzos e extraordinarios logros que se teñen demostrado diariamente por parte dos grupos de Transición (e outras iniciativas de base) ó redor do mundo. Son, de feito, impresionantes e inspiradores. A nosa falta de impacto non é por insuficiencia de esforzo, imaxinación ou creatividade. Os transicionistas encarnan esas cualidades a caldeiros.
Estou a escribir isto a modo de reflexión e de investigación. Espero que, cuestionando as nosas suposicións e crencias, poidamos atopar os seguintes pasos co obxecto de crear o cambio cara a unha cultura rexenerativa. Teño o presentimento de que estamos nos primeiros estadios de co-crear un movemento que de verdade poida alterar drasticamente os nosos actuais camiños insustentables e producir un cambio sistémico. Nos primeiros tempos da Transición, falabamos moito de que quizais sabiamos do A ó C da Transición. Doce anos despois, pasamos xa do D ou do E? Coido que se precisan moitos máis pasos, procesos, alianzas e iniciativas hoxe por hoxe impensables que permitan os seguintes pasos nun movemento efectivo cara a unha cultura rexenerativa.
Os movementos de base para o cambio non van ser abondo, claramente, para crear a distorsión do sistema, os movementos sísmicos necesarios para producir o cambio que necesitamos. Pero pode ser que haxa algunha nova forma efectiva de cooperación entre cidadáns, gobernos e empresas? E se a hai, como se podería dar? O presente texto vai examinar os problemas e dificultades que afronta o movemento de Transición (e a maioría de iniciativas de base), sobre os cales pouco debate hai. Teño a esperanza de que matinar en col dos nosos problemas nos permitirá sermos máis claros e estarmos máis concentrados nas vías para crear as condicións para unha emerxente cultura rexenerativa.

Dificultades que afrontamos como Movementos de base polo Cambio
No tempo botado traballando con grupos de Transición por todo o mundo, teño visto estas dificultades presentes en case cada un deles, e lévanme a preguntarme se estamos a traballar na dirección correcta, ou se estamos a facer as preguntas oportunas, ou se estamos a traballar dun xeito que definitivamente produza un cambio, ou se a estrutura do Sistema de Crecemento Industrial impide dalgún modo cambios sistémicos fundamentais. Velaquí algúns dos principais atrancos:
1) Os movementos de base están moi necesitados de recursos
O tempo e os cartos contan como aqueles máis importantes. Dependemos dos voluntarios e en moitas partes do mundo estes son persoas maiores en proporcións esaxeradas, debido a que son as que posúen o tempo necesario, grazas ó alivio da responsabilidade de dedicárense a unha profesión, coidaren da súa familia e gañaren cartos. A xente nova, da que tanto precisamos, adoita estar escasa de tempo e de cartos. Xa perdín a conta da cantidade de persoas novas que me preguntaron como podían facer para colaboraren e aínda así gañaren diñeiro abondo para pagar o alugueiro.
A maioría dos grupos de Transición pasan apuros para financiar estruturas habilitantes como webs, unha oficina, un lugar de reunión, axuda administrativa, etc. Pódese facer moito sen diñeiro, mais, sen uns recursos considerables, a maioría dos grupos de Transición se atopan limitados na súa efectividade. As persoas clave quedan esgotadas e “queimadas” debido á mera desproporción do traballo preciso para levantar estruturas alternativas como cooperativas, para recadar suficiente capital de investimento ou simplemente para manter unha organización transparente e democrática. Co obxecto de alcanzar a escala de transformación que cambie o actual sistema, necesitamos organizacións, poder e capacidade de influencia… E iso require cartos no actual paradigma.
As estruturas habilitantes son importantes. Nodos de Transición como Transition US ou Transition Brazil contribúen a conectar e dar apoio a grupos de Transición que operan en territorios concretos. Sexa como sexa, os centros de Transición, agás contadas excepcións, non atopan financiamento e a organización internacional anda sempre curta de fondos. Non existen uns vieiros claros para un adecuado financiamento. A financiación gobernamental están a ser recortada e, na maioría dos sitios, non está dispoñible, o cal non deixa máis opcións que as fundacións benéficas ou a creación dunha sección comercial, e ningunha delas vai fornecer os fondos necesarios para catalizar e soster un cambio escalable.
A principal columna teórica na que se apoia o cambio desde abaixo, a Xestión Estratéxica de Nicho (SNM) e a Xestión de Transicións propón que o cambio a cotío xorde a través de experimentos a pequena escala que se poden desenvolver e adaptar en “nichos protexidos” e logo, a medida que o sistema dominante comece a colapsar, poden sementar e sustentar o que vai vir despois. Esta é a perfecta descrición dunha tecnoloxía de transformación social como é a Transición. Así e todo, e debido a innumerables razóns, a transformación social é unha das dimensións do cambio sobre a que é máis difícil exercer influencia. Restricións e prexuízos culturais, sociais e económicos impiden que a transformación aconteza neste ámbito e, dado que o cambio que precisamos é técnico, social, político, cultural e psicolóxico, isto convérteo nunha tarefa inxente.
Os axentes para o cambio desde abaixo están a crear o solo do cal xurdirá a supervivencia futura da nosa cultura, da nosa especie e da vida na Terra. Líderes empresariais, políticos e grandes organizacións filantrópicas, os cales coñecen o problema no que estamos metidos e a dimensión do cambio preciso, deberían estar a achegarse. Deberían estar a provernos das habilidades, a axuda, os fondos e coñecementos para, con rapidez e confianza, explorar e ampliar formas de vida e de traballo alternativas e viables. Non o están a facer. Por que non? A meirande parte da filantropía está orientada a paliar os efectos máis negativos do sistema actual, máis que a transformalo. Traballamos nunhas condicións nas que sufrimos atrancos e a carencia do necesario para termos éxito. Logo de máis de dez anos, esta é a pregunta que lle fago ós axentes do cambio: por que toleramos esta falta de apoio e recoñecemento? E a pregunta que lle fago á sociedade e ó empresariado dominante (os que posúen os recursos): por que son tan poucos aqueles dispostos a ou capaces de facilitar eses recursos?
2) O cambio de sistema: quen o quere?
As estruturas regulatorias, políticas e de poder están captivas das elites e das transnacionais, que actúan para manter e incrementar o seu poder e os seus beneficios e privilexios. Por que non o ían facer? Niso consiste o xogo e, dende o meu punto de vista, parece que non lles queda máis opción que xogalo. Isto deixa moi pouco espazo para o cambio sistémico necesario; unha transformación que precisamos a todos os niveis (persoal, local, nacional e internacional) e nos ámbitos social, político, económico e ecolóxico.
A Transición e outras iniciativas de base se atopan fóra da ventá de Overton, que é de onde vai proceder o cambio necesario. Pero operar en terreo salvaxe ten os seus custos así como as súas liberdades. Liberdade abonda para cuestionarmos o incuestionable e dicirmos o indicible. E custos como que é enormemente difícil facerse oír. Así que o que acontece é que, se estás a operar fóra da ventá de Overton, te tés que apañar sen os recursos axeitados, usando o teu enxeño, a túa creatividade e paixón. Pódeste mover rápido e fracasar axiña. O éxito, se o consigues, será unha rudimentaria proba de concepto. A ampliación, a popularización, a aceptación masiva e toda a transformación cultural asociada necesitan algo máis que unha proba de concepto; precisan recursos e organizacións.
Se collemos, por exemplo, a transformación requerida para o noso sistema económico, a empresa, mesmo a innovadora, non nos vai levar onde necesitamos chegar. O cambio sistémico do sistema económico está fóra do alcance de calquera empresa ou mesmo de calquera sector empresarial. Para sobrevivir nos negocios hai que xogar segundo a regras fundamentais, fundacionais, dos negocios. Por suposto, o cambio técnico é parte integrante do sistema económico, mais unicamente dentro dun estreito rango de posibilidades inocuas para o mercado. Desgrazadamente, moitos líderes empresariais progresistas ven as solucions que necesitamos xurdindo dos propios negocios, algo que non é realista, xa que estes nin queren nin poden soster o tipo de cambio sistémico requirido. O capitalismo non dá, non deu e nunca dará prioridade á saúde da xente, ós ecosistemas ou á vida antes que ós beneficios. Non pode. Pero as empresas, as corporacións, posúen todos os recursos e o cambio é imposible sen estes. Onde están as asociacións entre empresas, administración e organizacións de base radicais para o cambio? Onde están os negocios radicais que cuestionan o modelo capitalista?
A xente do mundo dos negocios é xeralmente moi pragmática. Entón onde e como poderá xurdir a escala de transformación do noso sistema macroeconómico? Podes amosar algún exemplo? Non! O afán de lucro non nos vai levar onde necesitamos chegar. Que nos poderá levar? É hora de que o mundo dos negocios poña en pé seccións ben financiadas para un cambio de paradigma que non estea impulsado polo mercado, nin dirixido polo Estado, nin sexa socialista; seccións que exploren a fasquía deste cambio e deseñen vieiros para chegarmos alí. Nós vos necesitamos e vós nos necesitades. As innovacións a pequena escala (creadas polos grupos de base) non van variar o tamaño nin gañar en competencia ó actual sistema económico, e custa traballo imaxinar que estas puidesen xurdir e cuestionar o sistema macroeconómico. O cal me leva ó seguinte punto.
3) Non existe aínda unha alternativa integral, probada e estudada ó sistema económico capitalista, dependente do crecemento.
Por que non?
Hai moitas maneiras de mercar comida, enerxía ou outras cousas. A innovación en economías locais é abundante. Así e todo, non existe aínda unha alternativa ó capitalismo de mercado, e con isto me refiro a esa cousa enorme instalada enriba dos procesos económicos, a que esixe crecemento constante. Ningún país tentou, dende a fin do comunismo, un sistema económico global diferente. Hai propostas e ideas. Non obstante, aparecen unhas poucas dificultades ben grandes:
- Os que están no poder non o cederán facilmente. Fará falta unha campaña política sostida e global.
- O sistema é inmenso e, mesmo se se introducise algún tipo de estado invariable/ situación estable ou de mecanismo para reducir gradualmente o consumo, habería que facelo a unha escala tal que resultaría moi dificil implementalo sen crebar o sistema existente. A complexidade diso supera a miña capacidade de pensamento (imaxinade o Brexit nunha magnitude varias veces superior).
- É difícil vender algo obtendo menos, non obtendo máis dalgunha cousa. Ese algo máis podería ser consciencia, comunidade, conexión, sabedoría ou amor. Non estou seguro de que a humanidade estea preparada para o cambio de consciencia que algúns recomendan. Podedes imaxinar á maioría da xente escollendo un conxunto de aspiracións menos tanxibles?
- Podería non haber unha saída do proxecto de civilización do crecemento continuo; poderiamos ter creado unha trampa para nós mesmos, da cal non poderiamos escapar.
Desde os nosos sufrimentos emerxemos. Os nosos esforzos son realmente a nosa única esperanza.
—Bryant McGill
4) Non temos colocado a importancia do cambio interno tan centrada como a do cambio externo
Do meu tempo no movemento de Transición, aprendín que unha das achegas máis únicas e importantes ó proceso de transformación é o aliñamento de cambio interno e cambio externo. Pode parecer unha verdade de pé de banco, pero o sistema somos nós. Está dentro de nós e, a non ser que as pezas internas que manteñen o actual sistema no seu lugar sexan postas en dúbida activa e sistematicamente dentro de nós, seguirán movendo o mesmo sistema, escollendo as mesmas malas opcións e facendo de feito calquera cambio irrelevante. E este “novo” sistema será tan restritivo e incapaz de afrontar as realidades actuais como o era o antigo sistema. O que o converte en pernicioso é que ó principio non o pareza, ou que creamos que xa temos superado o patriarcado ou as xerarquías, cando non é así. As sementes da nosa natureza venial están aí e han de medrar e madurecer a non ser que nós cambiemos de xeito activo.
Sophy Banks díxome unha mañá que se decatou de que un dos labores dos dirixentes neste movemento de cambio sistémico había ser o de decapitar reiteradamente o noso ego, día tras día, e facendo iso, aguantarmos e darmos forma á vergoña e humillación de deixarmos á vista as nosas sombras. Ese é o significado de servizo.
Un dos desafíos persistentes ós que nos enfrontamos é o esgotamento profesional (burnout) e o seu acólito, o desánimo, procedentes de sentimentos non asimilados. A medida que o planeta se vai queimando, os activistas e aqueles que traballan fóra do sistema vanse “calcinando”. Somos incapaces de manter os nosos niveis de actividade. Dentro do sistema as cousas non están moito mellor: no Reino Unido (cunha poboación de 60 millóns) se expediron 57 millóns de receitas médicas de psicofármacos en 2014, unha cifra que vai cada ano en aumento.
O cambio externo ten que ir acompañado de cambio interno; este feito tan simple non está suficientemente recoñecido na Transición nin noutros movementos polo cambio. Sen un cambio interno, o antigo sistema se apropia de calquera transformación positiva, de xeito que a corrompe e a usa para promover os obxectivos do antigo réxime. Algúns exemplos que me veñen á mente son, por exemplo: o crecemento verde; o movemento pola felicidade e o benestar que está a ser utilizado por corporacións para obter máis dos seus empregados; e a enerxía renovable usada para promover un maior crecemento dentro do sistema. Pode que o vencellamento entre estes exemplos e o cambio interno non pareza obvio. A nosa falta de integridade persoal e a nosa incapacidade de auto-reflexión e, polo tanto, de auto-exame atópanse no centro destas traicións.
5) Non operamos a unha escala na que sexamos capaces de crear un cambio da dimensión necesaria
En 2014 Peter Haff introduciu o termo “tecnosfera” para describir aquel equipamento técnico do cal somos totalmente dependentes para permanecer vivos. Estes sistemas, marabillas da cooperación humana, non teñen comparación na experiencia humana; son, en máis dun sentido, a consecución máxima da nosa sociedade industrial. Estes sistemas de alcance global atópanse afastados, por varios puntos de medida, das nosas vidas maiormente locais e onde temos a capacidade de producir transformación. Mesmo os poderosos operadores de cada sistema teñen restricións, debido a que ninguén está ó cargo; non hai unha supervisión democrática. Estes sistemas están de feito auto-organizados, o cal é, en si, un milagre da cooperación. Todos somos absoluta e completamente dependentes deles e, de momento, non somos quen de crear alternativas. Nin sequera gardamos unha relación con estes sistemas máis que como consumidores pasivos, de aí a dificultade para cambialos; non hai relación = non hai posibilidade de cambio.
Estes son algúns dos sistemas ós que me estou a referir:
- O sistema global de loxística e transporte
- O sistema de fabricación industrial interconectado
- O sistema de telecomunicacións e información
- As redes eléctricas
- O sistema financeiro
- O sistema de minería and extracción de recursos
- Os medios de comunicación
- Delincuentes e persoas fóra da lei, incluídos terroristas e refuxios fiscais no extranxeiro, así como a outra cara da moeda, a xustiza penal e as axencias internacionais para a aplicación da lei.
Curiosamente, temos conseguido alterar desde dentro os sistemas da alimentación e os da enerxía cun alcance limitado; tamén algo os da construción, de fibra e téxtil, e os de literatura e artes, que están a cotío máis abertos ó cambio, aínda que a maioría deles adoitan estar tamén dominados por grandes operadores globais. Por exemplo, entre dúas e tres compañías controlan o sistema mundial de materias primas alimentarias, malia non ser a meirande parte da poboación global alimentada pola agroindustria, senón por pequenas explotacións locais.

A tecnosfera volveuse máis poderosa que os gobernos e é considerada grande de máis para fallar. E sendo como é auto-organizada, non podemos situala, interrogala ou obrigar a render contas ó seu liderado, porque non existe tal liderado. A farsa das últimas “vulneracións de seguridade de datos” que afectaban a Facebook e a argallada do goberno dos Estados Unidos “interrogando” Mark Zuckerberg son exemplos deste “baile de poder”. Unha vez estean aclarados o tamaño, a dimensión e a hexemonía dos sistemas dos cales a tecnosfera está composta, virtualmente toda a política e a economía poden ser consideradas como interaccións e tensións entre os distintos sistemas mentres compiten por maior poder e influencia. A maioría do que se presenta nos noticiarios de maior audiencia é un conxunto de tensións e loitas de poder entre estes sistemas. Por esta razón (na miña opinión) os esforzos dos grupos de base resultan invisibles. Atopámonos excluídos desas loitas de poder e considerados irrelevantes ou, como moito, “extravagantes” ou un atavismo. Témome que esteamos atrapados no medio de múltiples “apertas de oso” da tecnosfera que fagan a relocalización un xesto baleiro. Así será a non ser, por suposto, que o fallo de sistemas complexos ocasione un colapso. Nunha situación de colapso, as alternativas locais hanse facer valer e actuarán como botes salvavidas no medio das esgazaduras e do caos que poida vir a continuación. Algunhas voces acreditadas están a soster que un colapso a curto prazo (nos próximos dez anos) das nosas sociedades (en países ricos e “desenvoltos”) é xa inevitable.
6) O noso relato aínda no está claro
A Rede de Transición fixo un magnífico traballo definindo a narrativa da Transición:
A Transición é…
Un movemento formado por comunidades que se dan cita para reimaxinar e reconstruír o noso mundo.
O discorrer da historia
Un movemento estase a construír
Velaquí as cousas que toda esa xente diversa esta a facer nas súas comunidades
Está enraizado no feito de coidar de nós mesmos, dos demais e do mundo vivo
Isto demostra que un futuro diferente é posible cando nos xuntamos
(Opcional: Por iso é necesario)
Velaquí como vós podedes ser parte disto
Foi un grande comezo. Mesmo fixen estampar unhas camisolas con estas palabras.

Unha boa historia nos inspira e nos emociona. Empeza cun propósito e continúa coa maneira de conseguir ese propósito. É sinxela, directa, fácil de entender e fálalle ós fundamentos da vida: amor, paz, igualdade, conexión e fraternidade. Teño posto unha grande esperanza nun relato poderoso que moitos grupos de base puidesen usar e que puidesen apoiar mesmo outros operadores e centros de poder. Todos aqueles que protexan a vida, máis que aqueles que protexan culturas de base patriarcal e imperialista, teñen que poder contar ese relato e inspirar outros con el; se non, o vello relato, a que nos trouxo ata aquí, será o que prevaleza. Tan simple coma iso. Mais fará falta certa cantidade de traballo e de análise para facer que isto ocorra. O labor de Enmarcar a economía [Framing the Economy], de NEON é un arranque prometedor, conxuntamente coa obra de George Lakoff e de Jon Alexander, o Proxecto de Nova Cidadanía [New Citizenship Project]. Contar un relato cheo de esperanza e optimismo, cousa que o movemento de Transición fixo, pode axudar a coller o impulso para un cambio da dimensión necesaria. Un novo relato, probado e comprobado, podería ser unha panca importante para concentrar un movemento polo cambio escalable.
Conclusión
Estamos a fracasar á hora de crear a transformación precisa para conservar a vida na terra tal e como a coñecemos.
As organizacións de base particulares, por si soas, son cativas de máis; mesmo un movemento polo cambio desde abaixo totalmente coordinado (o cal, por agora, non existe) probablemente é aínda demasiado feble e está desconectado de máis da tecnosfera e das grandes estruturas económicas como para promover un cambio sistémico.
Costa moito imaxinar como o cambio poderá xurdir de dento da tecnosfera.
Calquera esperanza realista de cambio a unha cultura sustentadora da vida vai xurdir dunha sinerxia desalentadoramente difícil e angustiosamente inconcebible entre transformacións externas (físicas, tanxibles) e internas (psicolóxicas e psíquicas), nun mosaico de aliñamentos entre unha serie de elementos culturais que ata agora adoitaban non ter relación ou seren antagónicos: o mundo dos negocios, os gobernos, a sociedade civil, o mundo académico, grupos relixiosos, movementos para o desenvolvemento espiritual ou persoal, e outros.
Se ben hai curiosos modelos parciais que funcionan, estamos moi lonxe de saber o aspecto que terá isto. O Proxecto Atmos, aquí en Totnes, é unha interesante colaboración entre o mundo dos negocios, a sociedade civil e o goberno local.

Ungersheim, en Francia, é unha asociación entre a administración local e o movemento de Transición para xerar o cambio sistémico. A plataforma Ctrl Shift, na cal eu estiven a traballar, xuntou organizacións de base que nunca falaran entre elas. Ecolise, Smart CSOs e o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía son exemplos europeos do entrelazado de redes de redes, como tamén o son BALLE e Smart Cities. O proxecto Municipalities in Transition (Municipios en Transición) é outra rede do mesmo tipo composta por concellos que están a traballar con organizacións de base para crear novas formas de compromiso político e económico. Sexa como sexa, ningún dos exemplos anteriores está suficientemente desenvolvido como para poñer verdadeiramente en cuestión o paradigma dominante.
Nós creamos a tecnosfera. Os nosos relatos culturais, os nosos valores e crencias son construcións humanas. Da mesma maneira que foron creadas, poden ser recreadas de xeito diferente. Como expuxen ó inicio, neste momento estamos a fallar á hora de crear un cambio da dimensión necesaria. Coido que temos a capacidade para facelo. De onde e como xurdirá esa capacidade é algo que descoñezo. Pero pode que un Nós con maiúsculas si que o saiba?
Non podemos comprender o universo moral. O arco é realmente longo e os nosos ollos non alcanzan máis que un pequeno tramo; non podemos calcular a curva e completar a figura mediante a experiencia da visión; pero podemos intuíla mediante a nosa consciencia e sabemos con seguridade que esta se inclina cara á xustiza.
—Theodore Parker, abolicionista estadounidense, 1853
Este artigo é, a partes iguais, unha expresión dos meus temores polo futuro, un berro pedindo axuda, unha confesión pública dos meus sentimentos persoais de fracaso e unha posta en común da miña aprendizaxe e das miñas percepcepcións, logo de anos dentro do movemento de Transición. Tamén é un chamamento por un modo de vida que se atopa tentadoramente preto, pero aínda fóra do alcance, un modo de vida pacífico, xusto, harmonioso e que outorga a todos os seres todo o seu potencial vital.
Este artigo fai moitas preguntas, mais respostar, poucas resposta, polo cal pido desculpas. Gustaríame ter máis solucións, máis esperanza, máis optimismo. En troques, todo o que podo ofrecer son máis preguntas, unha valoración sen adornos a favor dun cambio positivo, medo cara ó futuro e grandes bolos de incerteza. Soño aínda con que, algún día antes de morrer, lles poida dicir ós meus netos: tedes todas as posibilidades de vivir vidas plenas de paz, saúde e felicidade.
