(Peza breve de teatro, orixinariamente pensada para a radio.)
A tranquilidade é unha baixeza moral
— Lev N. Tólstoi
Personaxes:
- LOCUTORA
- LOCUTOR
- A INTRUSA
- XAN
- MARIOLA
Escena I
Unha sintonía moi breve serve de cabeceira para o informativo. O programa está elaborado por unha pequena emisora municipal que só emite tres bandos ao día. É o medio de comunicación do Concello da Coruña coa súa minguada clase obreira.
LOCUTOR
Hoxe é xoves 18 de maio de 2023 e son as 12:10 horas. Fai 31 graos e o ceo está completamente despexado. Non hai previsión de chuvias.
LOCUTORA
Benvidas ao bando radiofónico do mediodía do Concello da Coruña.
LOCUTOR
Mañá repartirase o leite de ración nos seguintes barrios e horarios:
– Elviña 10:00 horas
– Carracedo 12:00 horas
– O Castrillón 14:00 horas
– Os Castros 16:00 horas
– Catro Camiños 18:00 horas e
– Santa Lucía 20:00 horas.
En todos eles farase nos sitios de costume.
LOCUTORA
Esta tarde proseguirá o reparto de fariña en Monte-Alto; Durmideiras e a Cidade.
O Concello lembra que é preciso acudir coas cartillas de racionamento visadas e co documento de identidade.
LOCUTOR
O subministro eléctrico aos particulares continuará no horario de verán até o remate de decembro. Queda limitado de 06:00 a 08:30 horas; de 12:00 a 13:30 horas e de 21:00 a 22:00 horas.
LOCUTORA
Antonte en Lalín (segundo nos informa a nosa correspondente), na decimoprimeira xornada da asemblea constituínte, as delegadas dos distintos concellos e bisbarras acordaron a integración da Mancomunidade Galega na Confederación Ibérica. A vindeira semana o Consello Reitor nomeará as representantes que negociarán co resto dos estados os termos da integración das…
Ábrese unha porta. Os locutores e a intrusa falan lonxe dos micrófonos pero escóitase unha breve conversa.
LOCUTORA
Quen é vostede? Que quere?
LOCUTOR
Que fai!
A INTRUSA
Estean tranquilas. Non vai pasarlles nada. Déixanme usar a súa emisora?
A intrusa achégase a un dos micrófonos, escóitase como move unha cadeira de rodas e desprega un papel.
LOCUTORA
Señora, non pode estar aquí. Abandone o estudio, por favor.
Escóitase un ruído metálico. A intrusa deixa unha pistola na mesa.
A INTRUSA
(Ameazante)
Estean tranquilas, moi tranquilas e non lles pasará nada.
(Tuse e fala ao micrófono)
Veño da Comuna de Visma para vos dicir que non debedes seguir mantendo este sistema. Todas vós, asalariadas, sabedes que a única alternativa para as vosas fillas son as comunidades…
Os locutores levántanse e intentan separar a intrusa do micrófono. Escoitase un forcexo. Dende lonxe a intrusa prosegue berrando.
Non queren que escoitedes o que xa sabedes…
Novo forcexo.
É sinxelo achegádevos a Visma, a Nós, a Eirís e verédelo…
Escoitase que entra máis xente (a seguridade) no estudio e o forcexo medra.
(Respira e di con voz seria e impostada)
Hoxe é o día e este o sinal!
Dous tiros e saloucos.
Uns segundos de silencio.
(Berrando)
Pon a música!
Escóitanse unha estrofa de Moda de entrudo de José Afonso:
«Eu quero ir para o monte
eu quero ir para o monte
que no monte é qu’eu estou bem…
de súpeto córtase a emisión. Un pitido prolongado e despois ruído de neve.
Escena II
O son dun interruptor apaga o aparato de radio e fai desaparecer o ruído branco.
MARIOLA
Que pasou? Quen era esa tola?
XAN
Non sei pero foise a emisora e non dixeron as quendas de traballo no acueduto. Cando nos tocaba?
MARIOLA
Logo saímos velas no taboleiro…
Explosións ao lonxe. Unha fiestra da casa estala.
MARIOLA
(Berrando)
Que foi iso?
Xan ao se mover pisa os cristais do chan.
Xan! Non te achegues a fiestra, Xan. Ten coidado!
XAN
(Con carraxe)
Foi na fábrica. Os comuneiros rebentárona.
(Desesperado)
Quedamos sen traballo… Agora que? Non creo que poidamos reconstruíla. Os troqueis eran dos poucos que quedaban na península e por iso fomos quen de sacarlle rendemento. A Coruña sen a factoría non ten sentido. A que nos poderemos adicar?
MARIOLA
(Tras un silencio)
Xa o temos falado moito, demasiado,… e en dúas ocasións tivemos as maletas preparadas.
XAN
Foi antes de que xurdira a esperanza, de que a fábrica nos fixera volver a normalidade. Ao fin decidimos non facelo.
MARIOLA
Decidimos? Venceunos o medo. O medo a perder pé nesta «normalidade», como ti a chamas pero, que ten A Coruña de normal en Galicia? Nacemos en 1979 e o mundo era moi outro daquela. Quen pode hoxe vivir dun salario como facemos nós?
Non me fagas analizar todo outra vez.
Sen fábrica mañá non vai ser mellor que hoxe. Se non exportamos armas, esta cidade non ten sentido; e teremos que volver ao agro, como fixeron todas as familias en 2018. Non hai remedio: a nosa vida non se pode manter sen a factoría…
Liches o libro que repartía aquela moza pola rúa? Hai que apostar por Gaia, crer nela, abandonar a nosa vida e comezar de novo. Agora, hoxe, xa non é unha opción.
XAN
Non me digas que aínda tes o libro! Si, para iso destruíron a fábrica, para que nos uniramos as comunas. Síntense febles, tiñámolas illadas, e queren facer número. Non nos podemos deixar convencer pola violencia.
MARIOLA
Non vou discutir sobre o uso da violencia, sabes a miña opinión. Cres que levarían as armas?
XAN
Para que as ían querer? Non son pacifistas?
MARIOLA
Non é momento de sarcasmo: hoxe xa non é posible vivir sen… Elas tamén precisan defenderse dos salteadores.
XAN
Elas son as salteadoras!
MARIOLA
Déixao!
Agora non estamos en situación de dubidar: non hai factoría, non hai futuro fóra da terra. Témolo falado moitas veces é penso que non imos ter outra oportunidade… Sabes que xa abriron un hospital comunal en Nós e que en Eirís andan levantando dous novos muíños…
XAN
Despois do ataque vannos chamar para a milicia, se non nos presentamos non poderemos regresar nunca á Coruña…
MARIOLA
Pensas voltar? Para que? Que debemos a cidade? 7 anos de certa comodidade? Xan non podemos seguir pechando os ollos: somos escravos e por iso dannos de comer, un aloxamento e algunhas comodidades… pero sen os cartos da fabrica… Que vai pasar?
XAN
Non vou abandonar agora ante os violentos.
MARIOLA
Fai o que queiras. Eu marcho hoxe, contigo ou soa.
Escena III
O son dun interruptor que prende un aparato de radio.
A mesma sintonía do informativo que encabezou o Acto I.
LOCUTORA
Hoxe é luns 22 de maio de 2023 e son as 12:13 horas. Fai 30 graos e o ceo está completamente despexado. Non hai previsión de chuvias.
LOCUTOR
Benvidas ao bando radiofónico do mediodía do Concello da Coruña.
LOCUTORA
O ataque dos terroristas á factoría levou a Xunta Municipal a suspender o reparto das racións desta semana para garantir a seguridade da veciñanza. O restablecemento do servizo anunciarase polos medios habituais.
LOCUTOR
O Concello avisa de que no bando matutino de mañá dará publicidade ás quendas de traballo para as tarefas de recuperación de fábrica.
LOCUTORA
A resposta inmediata da milicia municipal ao ataque do pasado xoves impediu que as comunas asaltaran outros dos seus obxectivos. Os plans atopados na comuna de Eirís incluían a destrución dos depósitos de auga, da muralla da Cidade Xardín e o do propio cuartel da milicia.
LOCUTOR
Os nosos soldados destruíron as infraestruturas que amparaban os grupos rebeldes asentados en Nós, Eirís e Visma. Estas células terroristas utilizaban como escudos humanos algunhas das familias que marcharan da cidade antes da reapertura da fábrica.
As persoas sobreviventes, cerca de seis milleiros, están sendo desprazadas aos límites da bisbarra do Faro en cumprimento da ordenanza de seguridade que antonte asinou a alcaldesa.
LOCUTORA
«O ataque do xoves demostrounos que a nosa tolerancia cos comuneiros non levaba a ningures. As comunas son sementeiros de violentos antisistema que pretenden nos impoñer pola forza as súas teses antiprogresistas», comentou a voceira municipal na conferencia de prensa na que explicou o éxito da campaña de desmantelamento das comunas…
O son dun interruptor que apaga un aparato de radio.
Os pasos de alguén que se afasta, abre unha porta e inmediatamente péchaa con moito coidado.
Os pasos escóitanse cada intre máis lonxe e ese alguén comeza a asubiar Moda de entrudo.