Casdeiro (a partir de opencliparts de ValessioBrito, GDJ, Juhele, e unha fotografía de Wikimedia Commons, de Tapetum).

Plataforma pola sostibilidade do rural galego ou cabalo de Troia contra o rural?

/
Share

(Artigo previamente publicado no blog da asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petroĺeo e mais no da plataforma ContraMINAcción. Foi lixeiramente modificado polo autor para a súa publicación en 15/15\15.)

O concepto de sostibilidade

O uso perverso do concepto da sostibilidade ou sustentabilidade ten levado a exemplos que ben merecerían estar nalgunha enciclopedia do disparate. En 1987 publicouse o Informe Brundtland que deu a coñecer o concepto de desenvolvemento sostíbel definíndoo como o que atende as necesidades do presente sen comprometer as necesidades das xeracións futuras. Desde aquela, o concepto foi utilizado de forma cada vez máis abusiva nos contextos máis triviais, como a publicidade, até as políticas institucionais, traducidas en plans, informes, etc, presentándose, mesmo, como elemento vertebrador de dispares políticas ambientais. Este uso-abuso, lonxe de ir acompañado de medidas que contribuísen a unha xenuína transformación económica e social, supuxo, máis ben, unha forma de anular o seu significado inicial e o seu potencial crítico. Nesta deturpación conceptual participaron as grandes empresas transnacionais, interesadas en non ver freadas as súas ansias de maximizar beneficios por mor de garantir unha seguridade ambiental e económica a xeracións que non formaban parte dos seus inmediatos consumidores. Da man delas foron organizacións políticas e económicas internacionais, correas de transmisión dos seus intereses nas que están instalados os lobbys de forma permanente. E, como non, os gobernos a diferentes niveis da administración, nos que as portas xiratorias están á orde do día, guiados na súa acción política polos intereses empresariais. Pouco a pouco, desprovisto de referente real, o concepto de sostibilidade converteuse nun mantra repetido até o fastío a comenencia de cada un. Trinta anos despois atopámonos nunha encrucillada ecolóxica que pon en xaque a supervivencia do planeta: cambio climático, esgotamento acelerado de recursos, perda preocupante da biodiversidade, etc…

Plataforma ¿pola sostibilidade rural?!?
Membros da recén creada plataforma.

Neste contexto aparece a iniciativa promovida por Unións Agrarias, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga), a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (VIFOGA), a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), a Cámara Mineira, o Clúster da Pizarra de Galicia, o Clúster do Granito, a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL) e a Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales Industriales (COMINROC) que din formar unha Plataforma pola sostibilidade do rural galego. Á marxe dos intereses comúns que poidan mover ou non a cada un destes grupos, chama a atención que destaquen varios aspectos da súa análise nos que coincidirían:

  • A suposta obstaculización ás actividades produtivas no rural por mor da lexislación ambiental autonómica, ao considerar que son incompatíbeis co manexo do territorio. A pesar de teren, en ocasións, intereses enfrontados estas normas prexudicaríanos a todos eles.
  • A consideración de que a perda de poboación no rural reduce a xestión do territorio e aumenta a incidencia dos incendios catastróficos.
  • A consideración de que a actividade económica é compatíbel coa protección ambiental, motivo polo que as políticas ambientais deberían ter en conta os veciños, os propietarios forestais e as actividades económicas do rural.
  • Pronúncianse en defensa dun desenvolvemento sostíbel no rural, con políticas ambientais que permitan o mantemento de actividades produtivas, para un rural que sirva para vivir e traballar e non só para ir de paseo.

Sostibilidade rural ou máis do mesmo?

Podería parecer un discurso coherente, mais non o é. Parecen promover un desenvolvemento sostíbel e falan de sostibilidade do rural, mais mesturan ideas contraditorias para promover xusto o contrario do que din defender: un desenvolvemento convencional destrutivo dos ecosistemas e a desaparición paulatina do hábitat rural tal e como o coñecemos. Vexámolo con máis detemento.

A primeira e grave confusión está xa no inicio e non procede da cándida ignorancia; a intención de dirixir o discurso nunha dirección determinada é clara, como se deduce dos outros puntos. A sostibilidade, esa idea-forza que, repito, nace do informe Brundtland xunto co concepto de desenvolvemento sostíbel, refírese fundamentalmente á idea da preservación das condicións ecosistémicas que permitan garantir que xeracións futuras poidan satisfacer as súas propias necesidades dun modo análogo a como se satisfán no presente. Precisamente o que denunciaba o informe era un desenvolvemento baseado no crecemento económico continuado, é dicir, nun incremento continuado da actividade transformadora de recursos e do consumo. Nese desenvolvemento radicaría a causa principal de que a humanidade teña alcanzado unhas proporcións de destrución dos ecosistemas da biosfera que poñen en perigo a súa propia supervivencia. Ese desenvolvemento económico foi capaz de asegurar a cobertura de necesidades para unha parte da poboación mundial —nin sequera para toda— pagando o prezo de xerar un alto grao de desigualdade e hipotecando as xeracións futuras. En fin, é un modelo de desenvolvemento insostíbel.

Trataríase, pois, de cambiar o modelo. Debería mudar a base económica da produción e o consumo evitando un crecemento económico continuado destrutor dos ecosistemas e, en consecuencia, da base material da economía. Non hai unha oposición entre protexer os ecosistemas e garantir a reprodución das condicións económicas materiais. A esfera do económico non existe á marxe dos ecosistemas. Os seres humanos somos seres sociais, as relacións sociais permítennos resolver os nosos problemas de produción ou consumo e, en tanto que seres vivos, habitamos ecosistemas, non somos seres etéreos e incorpóreos encapsulados e separados doutros elementos da biosfera. A biosfera, ese espazo do planeta que ten unhas condicións que permiten que haxa algunha forma de vida, é o lugar no que habitamos todos os seres vivos, tamén os humanos, e nesa biosfera construímos organizacións sociais, obtemos todo o que utilizamos para manter os nosos niveis de vida e establecemos relacións económicas. Conservalas é a única forma real de garantir a reprodución económica, social e ambiental nesta e futuras xeracións. Certamente, podemos decidir non conservalos, e mesmo iso pode facernos dispor dunha fugaz riqueza material superior á do pasado, no entanto, sen dúbida tamén superior á das xeracións futuras, porque teremos consumido parte do patrimonio común do que deberían gozar, tal e como nós o herdamos das pasadas.

A sostibilidade ecosistémica, única garante da sostibilidade socioeconómica

Prohibido coller castañas. Se as queres, non plantes EUCALIPTOS

A diferenza do que se fai crer, conservar os ecosistemas non implica deixar de utilizar aquilo do que nos fornecen; porén, ten que ser un uso non destrutivo que nos permita manternos dentro dunhas marxes de equilibrio que garantan a súa preservación. Convén lembrar algunhas das funcións que cumpren os ecosistemas, esenciais para garantir a reprodución da economía e dunhas adecuadas condicións de vida e que os promotores desta iniciativa parecen descoñecer ou non queren considerar. Sen pretender sermos exhaustivos, hai que mencionar a función de regulación hídrica, que grazas á cobertura do solo, permite regular escorrentas e drenar e irrigar de forma natural, e que se ve danada frecuentemente en explotacións mineiras tanto metalíferas como non metalíferas, ou a función de dispoñibilidade hídrica pola que podemos dispor de auga para usos consuntivos (bebida, rego, manufactura). Outras teñen que ver coa suxeición e formación do solo (co papel xogado polas raíces da vexetación e a fauna edáfica ou a acumulación de materia orgánica) e serven como prevención fronte á erosión e o mantemento da produtividade natural do solo e das zonas cultivadas; estas funcións vense gravemente alteradas con prácticas forestais agresivas como as vinculadas ao monocultivo crecente de eucaliptos ou con múltiples actividades mineiras. Os ecosistemas tamén realizan funcións que xeran servizos que permiten resolver necesidades humanas de forma directa ou indirecta: as funcións de hábitat (como refuxio ou criadeiro de todo tipo de especies, incluídas as comercializábeis), as funcións de produción (con todo tipo de recursos), as funcións de información (das que dependen o goce estético e paisaxístico, mais tamén certos elementos históricos e culturais ou o coñecemento científico), as funcións de substrato (como lugares onde vivimos, obtemos os nosos alimentos, realizamos as nosas actividades produtivas ou depositamos os nosos residuos). Que todas estas funcións poidan seguir servindo aos nosos intereses depende de como interfiramos nelas.

Luis Davila, sobre a destrutiva mina de ouro proxectada en Corcoesto
Deseño de Luis Davila para unha manifestación contra o proxecto mineiro en Corcoesto.

E aquí cómpre aclarar unha confusión habitual. Cando falamos de ecosistemas e da súa preservación ou de protección medioambiental, non nos estamos a referir a que os seres humanos deban permanecer fóra deses ecosistemas. Na actualidade, e máis nun territorio como o galego, os ecosistemas están maiormente humanizados, son o resultado dunha interacción milenaria da nosa especie co resto das especies que os habitan. Non hai contradición en preservar un e outros á vez; é máis, precisamos preservar os ecosistemas —que tamén son humanos— para garantir a nosa supervivencia.

Minaría destrutivaVelaí unha das razóns polas que hoxe estamos nesta encrucillada ecolóxica, porque o equilibrio que os seres humanos tendemos a respectar durante miles de anos desapareceu en favor do modelo de desenvolvemento dominante que rompeu cunha economía baseada no uso preponderante de recursos renovábeis e na xeración de residuos asimilábeis por eses mesmos ecosistemas. Esa ruptura supuxo construír unha economía insostíbel que fai do consumo de materiais non renovábeis e de enerxías non renovábeis os seus fundamentos. Estes materiais e enerxías son responsábeis de moitos dos máis graves problemas ambientais que padecemos. En materiais non renovábeis sostense toda a industria de extracción mineira actual, que nada ten que ver con fórmulas antigas nas a explotación estaba circunscrita fundamentalmente ao uso de recursos locais para usos locais e só eventualmente para usos noutros territorios. Non por casualidade, a maior parte da extracción mineira mundial faise no último século e sobre todo a partir da segunda metade do século XX, etapa na que se extraen máis minerais que nos milleiros de anos anteriores de historia humana. Esa voracidade destrutiva de todo tipo de ecosistemas, desenvolvida por ou ao servizo de grandes transnacionais mineiras, ten o triste mérito de ter destruído ou levado á pobreza a comunidades enteiras por todo o planeta, mudando de forma drástica o hábitat e abandonándoo cando xa non resulta de interese a súa explotación. Unha actividade virada cara unha economía movida por unha causalidade urbana que condena ao mundo rural a perder as condicións que permiten a súa supervivencia non é sostíbel; é, xusto, a súa antítese. A non ser que, nunha especie de paroxismo conceptual, se entenda por sostibilidade facer buratos aquí e acolá mentres se destrúe o territorio, se contamina, se modifican infraestruturas e hábitats e se interfire nas dinámicas endóxenas propias deses territorios. Construír un lago mineiro nun foso, resultado de pouco máis de dúas décadas de explotación mineira, e ciscar plantas e fauna pseudosalvaxes para cubrir entullos non é un exemplo de sostibilidade. É o caso das Encrobas, ese territorio que vive na memoria, do que foron desterrados os habitantes que durante xeracións o mantiveron vivo coas súas peculiaridades ecosistémicas e coas súas tradicións e costumes. Rematada a mina, non é un lugar para a vida humana senón un escenario de cartón pedra, unha mala performance de sostibilidade que busca naturalizar o que previamente se deshumanizou. Os recursos estragados en apenas vinte e cinco anos e convertidos en emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro e calor residual hai que descontárllelos da herdanza das xeracións futuras. Será acaso esa sostibilidade a que promove esta plataforma? Un territorio explotado até a extenuación para beneficio duns poucos e a cada paso menos habitábel até que finalmente se converta nun deserto humano?

Desertización demográfica do rural e sostibilidade

Minaría destrutiva
Foto: ContraMINAccion.org.

O que desertizou o rural galego non foi un exceso de celo ambiental por parte das diferentes administracións. U-la preocupación ambiental? Nalgunhas normas recentes e, certamente, apoucadas se compararmos co entorno europeo? Caso de haber tal preocupación —para nada excesiva— foi posterior ao fenómeno da desertización do rural que se vén producindo desde hai décadas. Desde a entrada da economía española na agora denominada Unión Europea, no ano 1986, produciuse unha clara redución da poboación galega no rural: 249 concellos, todos eles cun carácter fundamentalmente rural, dos 313 concellos galegos perderon poboación desde ese ano; só gañaron poboación certas vilas e as áreas urbanas e periurbanas da Coruña, Compostela, Lugo, Ourense e o eixo Pontevedra-Vigo. O proceso de desprazamento do rural cara o mundo urbano xa viña dalgúns anos antes, mais agudizouse nos últimos trinta anos. Entre as causas do mesmo está a aplicación dun modelo de desenvolvemento baseado no impulso de polos industriais e servizos nos núcleos urbanos desatendendo paulatinamente o mundo rural e un modelo de modernización e mecanización das explotación agrogandeiras que, lonxe de crear máis postos de traballo, destruíunos (os novos postos de traballo foron creados sobre todo nas áreas urbanas e non nas rurais). Foi a aplicación dun modelo de desenvolvemento convencional de carácter industrial e extractivista, impulsado por unha lóxica urbana e ao servizo desta, mesmo por lóxicas externas ás necesidades internas da economía galega, a que levou a un abandono progresivo e acelerado da actividade agraria e a un abandono demográfico do rural. Afirmar que o exceso de lexislación ambiental é a causa principal, mesmo secundaria, do abandono do rural é simplemente unha falsidade.

Certamente, o abandono do rural impide unha boa xestión do territorio e contribúe á proliferación de incendios. Mais tamén os favoreceu a extensión dos cultivos de eucaliptos, impulsados por algúns dos promotores da plataforma e favorecidos pola acción nada candorosa das administracións públicas. Unha paisaxe de terras abandonas e sen cultivar, onde o monte perdeu a súa funcionalidade ecosistémica para se converter nun reservorio de madeira para a fabricación de pasta de papel, e onde preocupa máis o subsolo para alimentar ás empresas mineiras que a superficie para alimentar á poboación local ou galega. Non é o desvelo pola protección ambiental senón a abulia na procura dun modelo forestal diferente a que explica a incidencia dos incendios. O lume formou parte das prácticas da agricultura tradicional mais non a proliferación de incendios que sufrimos hoxe. Separando a produción forestal das actividades agrogandeiras convertemos a maior parte da superficie territorial galega nun elemento incongruente coa lóxica interna que había no rural.

Quen ten en conta á poboación rural?

Plataforma ¿pola sustentabilidade do rural?!?
Reunión constitutiva da plataforma. Foto: CampoGalego.com.

Coincidimos coa plataforma en que a actividade económica é compatíbel coa protección ambiental, motivo polo que as políticas ambientais deberían ter en conta a veciñanza, propietarios forestais e ás actividades económicas do rural. Xa incidimos antes nesta compatibilidade, se ben nun senso ben diferente. Curiosamente, ter en conta a veciños, propietarios forestais e actividades económicas do rural na planificación económica e ambiental, sendo imprescindíbel para o seu éxito, non é práctica habitual dalgúns dos promotores da plataforma. Véxase o modus operandi das empresas mineiras nos conflitos de Corcoesto, Terra Chá, A Limia, Triacastela, Lousame, Touro-O Pino… Por máis que se presenten centos de alegacións veciñais, se soliciten debates abertos e exposicións públicas dos proxectos, se considere a prevalencia das actividades agrogandeiras, marisqueira ou pesqueiras preexistentes, por máis que colectivos sociais, veciñais, ecoloxistas, etc, fagan fincapé na necesidade de garantir tal compatibilidade, as empresas mineiras teñen furtado o debate e escatimado a atención a aqueles que lle reclaman esa resposta pública. Esa desatención non é menor por parte de algunha das administracións públicas, como a Xunta de Galicia.

Un exemplo recente desta manipulación do concepto de sostibilidade e a perpetrada pola Asociación Nacional de Fabricantes de Áridos (ANEFA), integrada, entre outras, por un dos promotores desta plataforma, ARIGAL. O pasado 26 de abril de 2018, fallaron os X Premios Nacionales FdA de Desarrollo Sostenible en canteras y graveras (sic). Só destacaremos, polo que aquí nos ocupa, o premio outorgado á explotación mineira “Don Isidro”, Cementos Cosmos (da transnacional Votorantim) por unha suposta “contribución e valor engadido á sociedade” pola protección do xacemento rupestre da Cova de Eirós. O máis disparatado deste premio á sostibilidade é que se dá a unha empresa que acumula desde hai anos denuncias por todo o contrario, e que é unha empresa que ten denunciado á súa vez a veciños que daban a coñecer a indefensión na que se atopaba dita cova. Só a presión social foi a que ten contribuído a dita protección, mais quen é premiado por prácticas sostíbeis é a empresa que ameazaba a integridade do patrimonio arqueolóxico até a súa declaración como Ben de Interese Cultural. É esta unha nova modalidade de ter en conta á poboación do rural por parte destas empresas?

O modelo económico produtivista e extractivista ao que se ten sometido ao mundo rural durante décadas foi deseñado, en grande medida, co apoio, inspiración e, ás veces, ao ditado nas súas liñas directrices por varios dos colectivos promotores da plataforma. Non deixa de ser paradoxal que agora se laien dos efectos da aplicación de dito modelo —como o abandono do rural—. Semella máis cínica a súa postura pretendendo endosarllos a unha política ambiental que mirou para outro lado mentres lle deixou facer á vontade. Certas directrices, en aplicación de directivas europeas, pretenden ser aplicadas na súa versión máis laxa e claramente insuficiente para salvagardar o pouco que queda susceptíbel de ser protexido. As propostas desta plataforma para debilitar a protección ambiental e relegala a un papel marxinal son a garantía para sentenciar a morte definitivamente o agonizante rural galego.

Non hai unha minaría sostíbel, nin monocultivos forestais sostíbeis, por moito que contorsionemos os conceptos. A sostibilidade real é contraria a este tipo de prácticas. Que un sindicato agrario como Unións Agrarias pida a sostibilidade (real) do rural non é estraño, mesmo é esixíbel que o faga. Que para facelo se unan a algúns colectivos que obstaculizan a sostibilidade (real), é incomprensíbel. Doutros colectivos non se pode esperar máis que o que están a facer: defender intereses privados, mesmo en detrimento dos intereses colectivos ou particulares de moita xente do rural. Xa nos tiñan acostumado.

Un rural sostíbel é posíbel, mais non con esta plataforma.

Plataforma pola sostibilidade rural!?!
Casdeiro (a partir de opencliparts de ValessioBrito, GDJ, Juhele, e unha fotografía de Wikimedia Commons, de Tapetum).
Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 5]
Share

Profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, membro da Asociación Véspera de Nada. Anteriormente foi presidente da Asociación de Economía Ecológica en España e director do Instituto Energético de Galicia (INEGA).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Frojám, Galiza: um projeto para reconstruír resiliência desde a comunidade e o comunal

Siguiente artículo

Mañá

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.