(Artigo publicado orixinalmente no xornal francés Libération o 23/08/2017 e posteriormente en Mediapart. Tradución ao galego de Manuel Casal Lodeiro, realizada para a súa lectura no programa radiofónico Vivimos nun mundo finito, a partir da castelá realizada por Stéphan Bernatas.)
Se ollamos desde a perspectiva ecolóxica o estado xeo-bio-físico de Francia —ou o de Europa ou do mundo— debemos recoñecer que o estado de saúde deses territorios non para de se degradar desde 1984, como demostran os informes sucesivos do IPCC, do UNEP, do Programa Xeosfera-Biosfera (IGBP) e outras alarmantes publicacións internacionais máis recentes. Desde o ángulo social e democrático, obsérvase o mesmo patrón: aumento das desigualdades, medre da xenofobia, endurecemento dos reximes políticos… Inicialmente provistos dunha inmensa xenerosidade intelectual, e portadores da única alternativa nova á vella esquerda e á vella dereita, hoxe os ecoloxistas políticos perderon case todo… mesmo os seus escanos. Semellan caducos, a forza de non estaren presentes na realidade. Ésta mudou moito desde hai trinta e tres anos, especialmente polo sobrepasamento do punto de emborque cara a un afundimento global, sistémico, inevitable. Noutro tempo, inspirados polo Informe Meadows ou os escritos de Bernard Charbonneau, René Dumont e André Gorz, coñeciamos xa as principais causas da degradación da vida na Terra e teríamos podido, desde aquela época e a escala internacional, reorientar as políticas públicas cara á sustentabilidade. Hoxe, é demasiado tarde: o afundimento é inminente.
Malia que a prudencia política invite a permanecer no borroso, e que a moda intelectual sexa a incerteza en canto ao porvir, estimo, por contra, que os trinta e tres vindeiros anos na Terra están xa escritos, grosso modo, e que a honestidade consiste en arriscarse a dar un calendario aproximativo. O periodo 2020-2050 será o máis trastornado que nunca terá vivido a Humanidade en tan pouco tempo. Ano arriba, ano abaixo, este periodo vaise compor de tres etapas sucesivas: a fin do mundo tal e como o coñecemos (2020-2030), un intervalo de supervivencia (2030-2040), e o principio dun renacemento (2040-2050).
A primeira etapa do afundimento é posible desde 2020, probable en 2025 e segura para o 2030. Tal afirmación apóiase en numerosas publicacións científicas que podemos reunir baixo a bandeira do Antropoceno, entendido no senso dunha ruptura no seo do sistema-Terra, caracterizado polo rebordamento irreprimible e irreversible de certos umbrais xeo-bio-físicos globais. Estas rupturas xa son, no que nos espera, imparables, e o sistema-Terra vaise comportar como un autómata que ningunha forza humana vai dar controlado. A crenza xeral no liberalismo-produtivismo reforza este pronóstico. A imposición antrópica desta crenza é tan invasiva, que ningún conxunto alternativo de crenzas vai lograr reemprazala, agás despois do evento excepcional que suporá o afundimento mundial debido á triple crise definitiva enerxética, climática e alimentar. Estamos destinados a decrecer.
Sen dúbida, podemos esperar que resulte, arredor dos anos 50 deste século, unha terceira etapa de renacemento, durante o trascurso da cal os grupos humanos máis resilientes —no sucesivo privados das reliquias materiais do pasado— reencontren tanto as técnicas iniciais propias para o sustento da vida, como novas formas de gobernanza interna e de política exterior, susceptibles de garantiren unha estabilidade estrutural suficientemente longa, indispensable para todo proceso de civilización.
Este tipo de frases curtas como eslóganes poden carrexar unha sensación de malestar nos lectores ou na audiencia, que podería preguntarse se a presente tribuna non é a obra dun psicópata extremista que se recrea na negrura e na desesperanza. Mais, ao contrario, unha vez liberados dos desafíos do poder e da procura de resultados, non deixamos de actuar para tentar evitar a catástrofe e considerámonos demasiado racionais como para sentirmos fascinación pola perspectiva do afundimento. Non somos pesimistas ou depresivos; examinamos as cousas o máis friamente posible… aínda cremos na política! Os que son extremistas, sen que o pareza, son máis ben os que están no lado do pensamento dominante —da relixión dominante—, baseado na crenza de que a innovación tecnolóxica e un retorno ao crecemento van resolver os problemas actuais. Se a nosa perspectiva é a máis racional e a máis probable, quédanos convencer á militancia de EE-LV, á cidadanía francesa e a todos os nosos irmáns e irmás na Humanidade. A disonancia cognitiva das nosas sociedades impide que isto sexa posible no tempo que sería necesario. Porén, as orientacións políticas que se derivan desta análise, resultan ser relativamente doadas de describrir: minimizar os sufrimentos e o número de mortes durante os vindeiros decenios, propondo desde hoxe un proxecto de decrecemento rápido en canto á pegada ecolóxica dos países ricos, do tipo do biorrexionalismo de baixa tecnoloxía (low tech), para a metade da Humanidade que sobreviva nos anos 40. Dito doutro xeito: aproveitarmos a dispoñibilidade terminal de enerxías potentes e dos metais de hoxe, para forxarmos algunhas ferramentas, utensilios e artefactos simples para o mañá (anos 30), antes de estas enerxías e estes metais non estaren dispoñibles.
Non é unha sorpresa, desgraciadamente, que a nosa perspectiva xeral non semelle ser aínda compartida pola maioría do movemento ecoloxista francés que ten as súas xornadas de verán en Dunkerque. Así, o plenario final do sábado 26 de agosto, está en parte dedicado ao “desenvolvemento industrial” en Europea. Un pulo cara ao peor.
