A visión forestal hexemónica

avatar

2017-06-10

Share

(Artigo previamente publicado na revista Tempos Novos co título de “Falsidades do ‘modelo forestal'” no nº 237, de febreiro de 2017. Foi lixeiramente adaptado para a súa publicación en 15/15\15)

As falsidades do modelo

Funciona o modelo forestal en Galicia? Creo que é a pregunta básica que hai que facerse.

Vixente desde o franquismo, a visión forestal actual bebe en fontes do que banalmente algúns denominan “ciencia forestal” que naceu —non como moitos pensan en Alemania— senón en Xapón. Chamámoslle modelo forestal pero non deixa de ser outro eufemismo, en realidade, de modelo de explotación do territorio. Pero vexamos se funciona, sometamos o modelo a un simple test.

1. “O actual modelo forestal xera riqueza”

Falso. Este xeito de explotación do territorio beneficia a unhas poucas empresas que, de xeito monopolístico, empregan materias primas que poderíamos calificar de lixo. Xeran moi pouco valor engadido en Galicia e tampouco xeran unha gran cantidade de postos de traballo. Os postos de traballo xerados non son de gran calidade. As empresas beneficiadas están no entorno de Ence, sobre todo. Os propietarios particulares e as comunidades de montes, sen dúbida, tamén se benefician, pero de xeito bastante limitado en comparación con outras posibles actividades. Téndese a concentrar a riqueza xerada nunhas poucas maos. Agricultura e gandería proporcionan maior cantidade de postos de traballo, de maior calidade e contribúen a redistribuir a riqueza no territorio A propaganda oficial di que todo é maravilloso e normalmente cando se fala de economía do forestal non se considera a externalización dos seus custes nin o custe de oportunidade, é dicir, cal sería a economía que se xeraría con outro modelo. Tomada de xeito aillado, pois, calquera tipo de actividade pódese facer pasar por rendible.

2. “Contribúe a conservar a biodiversidade”

Eucalipto-bomba

Casdeiro

Radicalmente falso. Contrariamente ao que se pensa, os cultivos forestais intensivos de eucalipto e piñeiro non se poñen en subsitución do bosque (poderíase empregar “bosque autóctono” pero é redundante), senón sobre terreos de cultivo e pasteiros, ou ben sobre áreas de monte baixo que, ata non hai moitos anos, eran pasteiros rústicos ou áreas de cultivo de cereal. A fauna e flora asociadas a medios agro-silvo-pastorís está en absoluta regresión, e isto non é unha suposición: varias especies de aves, por exemplo, das recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (tamén no Catálogo equivalente español) desaparecerán de Galicia debido, básicamente, á política forestal. A fauna vulgar de medios boscosos está en mellor situación, pero a fauna forestal máis esixente ecoloxicamente e con grados de ameaza diferente, empeora. Ata non hai moitos anos, o eucalipto só ocupaba a franxa costeira; por se fora pouco, o cambio climático fai que agora mesmo se cultive xa en zonas de interior, incluso de montaña. Pero todo é susceptible de empeorar se os planes da apisonadora forestal se acaban por cumprir: plantar novas especies de eucalipto, como E. nitens, en zonas de interior. Xa é a puntilla para a biodiversidade.

3. “Contríbue a conservar á paisaxe”

Falso. Contrariamente á propaganda oficial, a paisaxe galega ten un nivel de deterioro sen comparación no estado español. Afirmar o contrario dá boa conta do deterioro cognitivo dos galegos respecto á percepción do seu propio medio. Este deterioro ou vulgarización é transversal e afecta a todo tipo de clases e ideoloxías. Viaxar é unha boa terapia. Obviamente o deterioro non é responsabilidade exclusiva do modelo forestal.

4. “O actual modelo evita incendios forestais e/ou contribúe a que estes sexan cada vez menos desvastadores”

Falso. O clima na maior parte de Galicia —o extremo norte, que dá augas maioritariamente ao Cantábrico, é a excepción— ten determinados momentos do ano no que se cumpre a máis que coñecida regla dos tres trintas (máis de 30ºC, ventos de máis de 30 km/h e humidade de menos do 30%). Neste contexto bioclimatolóxico, inzar o territorio de especies pirófitas como os eucaliptos e piñeiros (estes últimos sobre todo no interior) en masas continuas é un risco inaceptable, tal e como se amosa ano tras ano. Agricultura e gandería, que polo mero feito de manteren espazos abertos evitan a propagación masiva de incendios ao xerar territorios en mosaico, están en declive e caen baixo a promesa do maná forestal, o descrédito social do traballo no rural e as políticas erróneas mantidas durante décadas. O cambio climático está a agudizar o risco. Nos últimos anos, os periodos de seca son cada vez máis frecuentes; chove menos e situacións de risco —regla dos tres trintas— son cada vez máis recurrentes. O cambio climático non só é quentamento global ou efecto invernadoiro, senón que tamén se caracteriza pola proliferación dos fenómenos extremos. No futuro —mesmo o inmediato— isto vai ser aínda peor. Por outra banda, os monocultivos e, en xeral, as plantacións forestais son máis vulnerables fronte a incendios, a súa resiliencia é menor e a recuperación da contorna, do chan e da biodiversidade, incomparablemente máis dificultosa.

5. “Mantense só, sen a axuda económica das Administracións”

Completamente falso. Este modelo ten absolutamente externalizados os custes. Se, simplemente, os propietarios dos terreos tivesen que pagar un seguro e/ou a extinción do lume cando se produce, este modelo non existiría na maior parte do territorio de Galicia e só sería posible no extremo norte. Por outra banda, millóns e millóns sostidos a través de décadas de investimento público amosan que non é unha actividade económica que teña a sostibilidade económica como bandeira. Se revisamos tan só os últimos PDR (Plans de Desenvolvemento Rural) veremos a cantidade de cartos públicos drenados para inzar de piñeiros e eucaliptos os nosos montes e veigas. Isto supón un brutal custe de oportunidade.

6. “A política forestal compensa á sociedade”

Falso. Deberíamos ter un gran retorno económico para todo o conxunto da sociedade en concepto de danos ambientais, paisaxísticos, custe do plano contraincendios, danos nas rías a bancos marisqueiros, erosión, acumulación de sedimentos en encoros, etc. Incluso poderiamos achacar a falla de competitividade do turismo rural —en comparación con outras áreas— a un territorio extraordinariamente deteriorado e carente de atractivos naturais e rurais.

7. “Esta política ten en conta o cambio climático”

Falso. Tal e como se apuntaba, o incremento do fenómenos extremos vai ser o habitual; polo tanto, haberá rendementos decrecentes e máis risco de incendios devastadores.

8. “Contribúe á fixación de poboación nas áreas rurais”

Falso. Unha gran preocupación en determinados países, como por exemplo Galicia, é que o campo vai quedando abandoado. Manter servizos como os educativos ou os sanitarios é cada día máis difícil, mentres que aldeas e vilas van quedando desertas e coa poboación cada día máis avellentada. Para manter poboación no campo precísase manter agricultura e gandería viva. Cando chega o forestal, o abandono é xa irreversible. Se queremos matar o rural, a política forestal actual é a mellor ferramenta.

9. “Contribúe á seguridade alimentar e a conservar a cultura”

Falso. No monte había cultivos de cereal combinados con gando en extensivo e barbeitos nas veigas e praderías, liñares, horta, millo, prado… Todo iso pérdese baixo a apisonadora forestal. As mellores terras fértiles do país estanse adicando a cultivos-lixo como o eucalipto de tal xeito que a día de hoxe Galicia é dependente en canto a súa alimentación. Ante posibles avatares xeoestratéxicos, económicos ou enerxéticos, Galicia difícilmente podería manter a alimentación da súa propia poboación. Tamén hai que considerar que o cultivo de alimentos non só ten unha dimensión económica senón tamén cultural. Perder a cultura local fai que, en escenarios de futuro, sexa máis difícil volvermos a cultivar alimentos. Igualmente, por mero abandono do local perdemos variedades de sementes, razas, etc.

10. “Esta política considera cambios globais como o Teito do Petróleo”

Falso. Desde esta óptica hai que sinalar que hai procesos irreversibles en escalas de tempo e con custes razoables. Se a día de hoxe, por calquera razón xeopolítica ou xeolóxica, como é o Teito do Petróleo, tivésemos que mudar o modelo e orientalo cara a outro lado, levaría tanto tempo e esforzo que sería inviable, o que nos condea a situacións de inseguridade alimentar, como sinalaba previamente, e polo tanto a un colapso social. Podemos dicir que a política forestal actual é anti-resiliente. E aínda máis: a medio prazo non teremos medios mecánicos para loitar contra os incendios, polo que situacións dantescas serán comúns.

Mapa de ocupación por piñeiros (azul), eucaliptos (verde) e frondosas autóctonas en Galicia (2005-2008). Fonte: Universidade de Vigo.

As razóns do modelo

Pero entón, por que aplicamos este modelo? A resposta inmediata é que alguén se beneficia del; alguén con moito poder, obviamente. Fagamos un pouco de historia. Se contamos a historia de España temos que remontarnos a Franco; se a contásemos de Portugal, a Salazar. Ambos estados teñen, neste senso, un desenvolvemento similar. Nun momento dado, as terras comunais decídense poñer a piñeiros e eucaliptos, alí onde entón era posible. Esas terras comunais son abandonadas pola poboación, a que non ten realmente propiedades, que fuxe cara á emigración. Comeza o abandono do campo ibérico, a desaparición da gandería extensiva, dos cultivos de cereal —fóra das grandes áreas máis favorables como as dúas mesetas, os vales do Ebro e do Guadalquivir ou o Alentejo en Portugal—, e a gran forestación industrial do país. Neste contexto, Galicia, cunha alta pluviosidade e temperaturas suaves leva unha das peores partes. Os incendios, ata ese momento ligados unicamente a queimas para pasto, comezan a ser algo normal. Mentres a administración —desde a franquista ata a actual— bombea cartos públicos para un sector privado. A cuestión é que o marco conceptual deste proceso está dominado de xeito hexemónico por determinados colectivos e grupos económicos perfectamente sincronizados e coordinados.

Dous campus en Galicia formando universitarios nesa visión hexemónica aos que dan ocupación as empresas e —sobre todo— a administración autonómica, herdando isa visión hexemónica do franquismo —mesmo do antigo ICONA—m nunha roda na que gañan sempre e en todos os pasos do proceso:

  1. Bombéanse cartos para plantar piñeiros e autorízase a plantación de eucaliptos. Neste proceso, determinados titulados e empresas gañan.
  2. As árbores medran sen problemas e son cortados. Os mesmos profesionais e empresas volven gañar.
  3. Entre a plantación e a corta necesitamos un servizo contraincendios, de vixianza e extinción. De novo, os mesmos titulados e empresas —infiltrados na Administración— saen gañando.
  4. Houbo un incendio, as árbores morren no incendio. Unha vez máis, volven gañar. Controlan a extinción do incendio, a posible restauración da área queimada e, de novo, a nova plantación con especies pirófitas.
  5. Para controlar esto hai que estar situados na Administración en diferentes puntos estratéxicos, non só da área forestal, agrícola e gandeira, senón tamén —por exemplo— da área encargada da conservación da biodiversidade, o cal implica ignorar a Rede Natura, a lexislación europea, a lexislación propia sobre hábitats e especies ameazadas, etc. De novo, gañan os mesmos. Incluso o banco de terras galego acaba primando o uso forestal intensivo, é dicir, facendo o contrario daquilo para o que se inventaron os bancos de terras.

A alternativa

Lume en Bertamiráns, 2010. Foto: Amaianos. Fonte: Wikimedia Commons.

Esto só podemos denominalo como un círculo perverso, aínda que tamén hai voces que lle chaman mafia forestal. En calquera caso é a ditadura dunha visión hexemónica.

Solucións? O primeiro, obviamente, é romper o marco conceptual no que estamos: abonda recoñecer que o sistema non funciona e non vai a ningún lado, supón un dano ambiental inaceptable, un suicidio en canto a seguridade alimentaria e un latrocinio dos recursos públicos. Piñeiros de Monterrey e outros, así como os eucaliptos, son especies alóctonas, exóticas e invasoras. A súa plantación debería estar, a día de hoxe, non só prohibida senón perseguida. Recuperar as terras agrícolas e gandeiras sería imprescindible, en paralelo a unha remodelación da paisaxe para que os cultivos forestais ocupen unicamente superficies limitadas e de pequeno tamaño. Cobrar non só o servizo de extinción de incendios, senón tamén o custe de mantelo; non facelo supón que eu, por exemplo, como contribuínte, subvenciono eucaliptos (disque o goberno e o partido no poder son liberais, curiosamente). Compre cumprir as leis de conservación da natureza e compre que os fondos da política agraria comunitaria non sexan un café para todos, tal e como agora é, senón que se repartan cos criterios que a UE indica pero que o Estado español non aplica: a condicionalidade e particularmente a condicionalidade ambiental. Non facelo significa incentivar as malas prácticas e penar as boas, ademais dunha directa compra de votos nun rural en agonía.

En definitiva, un cambio radical cunha execución a longo prazo constante. Ainda así, nin ENCE nen outras empresas terían moito de que preocuparse nas próximas décadas.

Non podo ser optimista ao respecto. En practicamente ningún ámbito social ou político se atopa unha visión diferente da hexemónica. Tan só en determinados círculos profesionais e ambientalistas hai algunha luz ao respecto.

Fotografía orixinal: Xosema (Wikimedia Commons). Logo da Xunta de Eucalipticia: FumigacionsNON.org.

[Total: 1    Average: 5/5]
Share
avatar

Xabier Vázquez Pumariño

Biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental en diferentes eidos, desde a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos.

1 Response

  1. Ola Xabier, déixame que comparta algunhas ideas sobre o tema:
    A mín gústame traballar do seguinte xeito; primeiro acordar os obxectivos, despois falar das propostas. Primeiro decidir ónde imos, despois pensar na mellor ruta.
    Eu imaxino ese lugar de chegada cun territorio estruturado do seguinte xeito
    Zonas de bosque autóctono:
    1. Bosques de ribeira, desde a desembocadura dos ríos e regos, até o seu nacemento, cun ancho mínimo da zona de servidume (os 10 metros nun rego pequeno sen ribeira entendida como a franxa do leito maior fóra do leito menor). Isto está xa respaldado pola lei actual. Papel esencial como corredor ecolóxico xa recoñecido no Plan de Ordenación do Litoral.
    2. Zonas de forte pendente >100%?, bosque autóctono protector permanente fronte a erosión do chan, libre de explotación forestal..
    3. Monte baixo nos cumios pedregosos de baixo potencial forestal e ó redor de miradoiros de interese turístico.
    4. Perímetros de protección de mananciais. Recoñecemento da auga como produto do monte esencial para as pobiacións rurais e deseño dunha estratexia de recuperación das captacións tradicionais evitando a plantación de especies de crecemento rápido nas súas proximidades e augas arriba das mesmas.
    5. Protección dos castros. Prohibición expresa e efectiva da explotación forestal no perímetro dos BICs.

    7. No resto do territorio forestal os propietarios poderían plantar o que quixeran. Idealmente as especies distribuirían de acordo á súa potencialidade e a demanda do mercado, aínda que como indicas moitas veces vemos que non é así. Os técnicos reclaman plans de ordeamento forestal pero despois eses plans adoitan ser plans de turnos de corta de eucalipto, xa que parao resto da madeira non hai demanda. Eu proporía traballar en dúas liñas:
    A. Planificación orientativa: facer un ordeamento pola administración, asignando especies en función da potencialidade de cada lugar, e despois retirar calquera tipo de axuda a quen non se atinxa a el, obrigándolles a tomar un seguro fronte ó lume e condicionando a exención do IBI ó cumprimento dese plan.
    B. Fomento do uso de madeiras alternativas ó eucalipto: na construcción, e concretamente nas infraestruturas e instalacións de uso público (sinais, papeleiras, bancos, etc fronte ó metal; en ventás e portas (p.e. subvencións á eficiencia enerxética só para madeira); e da leña e biomasa como combustible para calefacción (enorme potencial de xeración de emprego se substituímos o gasoleo por biomasa para calefacción, sistemas de calefacción comunitaria , etc.) deixando aquí eses cartos que van fóra.
    Última. Eliminación de plantacións forestais nas terras de vocación agraria, e concretamente de xeito inmediato nas concentracións parcelarias existentes.

    Unha aperta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.