Casdeiro, after Jan Luyken

Delirando mentres o caos avanza

/
Share

In aliis linguis

(Publicado en Userda, n. 9, co título “Delirando mentres quece o mundo”, 21 de marzo do 2005. Tradución: Roberto Conde)

Un dos factores que contribuíu á elección de Donald Trump (ogro sen disfrace, a diferenza da ogro de disfrace amable que lle facía a competencia) é o apoio recibido polas seitas fundamentalistas protestantes. En moitos dos seus seguidores dáse un peculiar delirio antiecolóxico: arelan o colapso e o que denominan Rapture, convencidos de que só eles se salvarán e que dende o ceo contemplarán con satisfacción como remata o mundo. Para eles, canto máis preto do colapso socioecolóxico esteamos, mellor: máis preto do delirante espectáculo que imaxinan. Fai unha ducia de anos escribín sobre isto neste artigo que agora a revista 15/15\15 pídeme reproducir.


Hai unha nova forma de delirio que nalgúns lugares acada dimensións epidémicas. O poderiamos denominar delirio antiecolóxico. Vexamos un caso serio.

Decenas de millóns de persoas, sobre todo no sur dos Estados Unidos, seguidoras de seitas fundamentalistas protestantes, están convencidas de que vivimos o principio do final dos tempos e de que Xesús está a piques de tornar á Terra. Agardan con impaciencia a apocalipse e o que dan en chamar Rapture (Rapto, Arrebatamento), ó creren que se elevarán milagrosamente da Terra para sentarse á dereita de Deus e dende alí contemplar as tribulacións que teremos que sufrir o resto de nós (todos os que non cremos literalmente no que eles cren). Ata aquí, pode parecer unha fantasía inofensiva.

Pero esta obsesión fainos ignorar calquera consideración ecolóxica. Para que preocuparse de substituír os combustibles fósiles por enerxías renovables se o Deus que multiplicaba o pan e os peixes poderá tamén multiplicar o gas e o petróleo? E por que respectar a diversidade e o sutil equilibrio da vida na Terra se o mundo se acaba? Xa nos anos 80 James Watt, Secretario de Interior de Ronald Reagan e declarado seguidor destas doutrinas (denominadas dispensacionalismo e premileniarismo) fixera o posible por facilitar a explotación dos espazos protexidos e por frear toda lei de protección ambiental. A Watt, atribúeselle ter dito que “cando cortemos a última árbore, Xesús volverá”. Máis ó norte e con moito máis sentidiño, os indios Cree deixaron dito ós antepasados de xente coma el: “Só cando cortedes a última árbore, cando envelenedes o derradeiro río, cando extingades o último peixe, decatarédesvos de que os cartos non se poden comer”.

Reagan estaba influído por algúns dos predicadores fundamentalistas máis coñecidos, como tamén o está sen que se saiba ata que punto George Bush II. O que si se sabe é que Bush, coma o 47 % da poboación dos EUA segundo as enquisas, é un protestante renacido (born again), dos cales non todos pero si a maioría son fundamentalistas (eles comezaron a empregar o alcume fundamentalist coma eloxio xa no 1920). Reducen a riqueza simbólica da Biblia tomándoa coma verdade literal, e a base de mesturar pasaxes mal interpretadas e fóra de contexto, fanlle dicir o que lles interesa. Algúns dos predicadores fundamentalistas máis recalcitrantes, como Jerry Falwell, Pat Robertson e Billy e Franklin Graham (pai e fillo), destacan entre os “asesores espirituais” de Bush. Semella que deles sacou expresións como a “cruzada do Ben contra o Mal” ou o “Eixo do Mal”. En 1999 os fundamentalistas supuñan o 33% do seu apoio electoral, proporción que continúa medrando. Controlan 250 canles de televisión e 2.000 emisoras de radio, e seguen con detalle a actuación de cada congresista e deputado, ata o extremo de darlles puntos cada vez que fan o que eles queren –e son moitos os políticos que aproban con nota alta. Bush pode non crer plenamente nestas ideas, pero o compromiso cos seus electores obrígao a telas moi en conta (100.000 coléricos e-mails dos fundamentalistas cristiáns lembráronllelo cando en 2002 ousou dicir a Sharon que retirase as tropas de Jenin).

Estes grupos devecen pola apocalipse, e directa ou indirectamente inflúen no goberno máis poderoso do mundo. Para eles, o apoio ó apartheid palestino e a invasión de Iraq forman parte do plan (ó seren terras mencionadas na Biblia). Ata teñen un índice que mostra ata que punto está preto a apocalipse (atoparédelo en RaptureReady.com, e non é brincadeira).
Cantos máis desastres ecolóxicos e guerras, mellor para eles. O encarecemento do petróleo, as secas, inundacións e outros síntomas do cambio climático fan subir o índice, que en febreiro baixou lixeiramente debido á fin dunha longa seca en Arizona e ó incipiente proceso de paz Israel / Palestina (dúas malas novas para eles). De todos xeitos, o índice aínda está dentro da zona de apocalipse inminente que comeza nos 145 puntos. Non é só por arrogancia e intereses económicos que Estados Unidos non asinara o tratado de Kioto.

Un libro de texto empregado en escolas fundamentalistas di que tan só os non crentes se preocupan polo esgotamento dos recursos naturais, porque “Deus proveu a Terra con suficientes recursos”. Si, suficientes ata que comezamos a malversalos! Como dicía Gandhi, “no mundo hai abondo para cubrir as necesidades de todos, pero non para satisfacer a cobiza de ninguén”.

Espertarán do delirio? Deus queira.

Casdeiro, after Jan Luyken
Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 5]
Share

Escritor y filósofo. Sus obras apuntan a una transformación del imaginario colectivo que nos lleve del nihilismo depredador a una sociedad postmaterialista y despierta.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Poemas de «O mundo nasce em Chantada»

Siguiente artículo

Novas historias para a transmisión da nova cultura

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.