A Villon, Brassens e García Calvo.
U-las máquinas do porvir?
U-los logros da enxeñería?
Por que non dan xa máis de si
e manteñen a economía.
Teimuda termodinámica
agora xa é mañá
perdida a fe na técnica
a enerxía onde estará?
Onde está o petroleo viril
xestado no ventre do mundo?
Quen foi quen de o consumir
apurando até o máis profundo?
O capital rubicundo
non reparou no mañá.
Tanto plástico nauseabundo!
A enerxía onde estará?
Decide onde podo atopar
o carbón que dende o pasado
nos trouxo até este lugar
no trebello do Watt montados
Ou, progreso progresado;
ou, fuxidío mañá,
para o crecemento sagrado
a enerxía onde estará?
A materia sabes que flúe
aforras pois preguntar
se non nace nin se destrúe
a enerxía onde estará?
(Versión rítmica sobre a música que Georges Brassens armou para a Ballade des dames du temps jadis, de François Villon)