Martiño Picallo (Luscofusco) a partir dunha idea de Casdeiro.

Dende a urxencia, dende o pragmatismo

/
Share

[…]
Este non é o futuro
que esperaba
O que esperaba
era aquel que aínda non pasara
Este que está a pasar
e que só eu lle chamo futuro
(o resto non sei se lle chama dalgunha
maneira)
se cadra non é
[…]

”Aqui non hai pegadas daquela primavera”
en As uñas crecen,
de Silvia Penas (Sotelo Blanco, 2013)

Termodinámica e moral (A xeito de limiar)

Son as condicións do entorno dunha sociedade, comezando pola súa dispoñibilidade de recursos e enerxía, as que determinan a moral predominante […] Sexamos claros: o sistema político actual é incompatible coa situación de colapso progresivo que viviremos até que acabe de morrer esta civilización. As saídas diante desta situación redúcense claramente a dous estremos: ou se decantará cara a unha auténtica democracia, o cara a unha auténtica ditadura.
[páxs.144 e seguinte][1]

Dende a urxencia

15-derradeiros-exemplares-esquerda-e-colapso-P1070065-FRAG-CONTRAST-w300Manuel Casal Lodeiro (Casdeiro) escrebe o seu ensaio dende a urxencia ante o colapso da nosa civilización industrial. Ás lectoras desta revista chégalles con ler calquera dos artigos nela publicados (ou a explicación do seu título) para esta présa quedar xustificada.

Escrebe dende a urxencia porque xa leva anos dicíndonos que non queda tempo para preparar unha transición axeitada e que cada día que pasa desbotamos enerxía a mancheas, unha enerxía que botaremos en falla nós e as nosas fillas.

E este apuro

[…] a urxencia da acción non deixa lugar para a vía reformista […] a xeoloxía tampouco agarda pola revolución nin por construcións de maiorías sociais para creba democrática ningunha […] E a xeopolítica agarda aínda menos […]
[páx. 75]


leva á seguinte característica das suxestións de Casdeiro: o seu pragmantismo.

Dende un lúcido e sincero pragmatismo

A esquerda ante… é logo un ensaio escrito dende o pragmatismo; é a inminencia do colapso a que determina que as propostas de Casdeiro sexan todas aquelas que poden axudar a humanidade a salvar este transo.

Por iso remarca o erro estratéxico da opción dalgunhas persoas nos movementos poscrecemento que descartan a acción institucional [páx. 204]. O apuro non nos permite desprezar ningún aliado e por iso o ensaio ten como personaxes principais os partidos de esquerdas e o Estado[2].

Afrontar con pragmatismo a situación condiciona totalmente o seu enfoque, a súa estratexia, as súas destinatarias e as tácticas que nel propón.

O enfoque, a estratexia de Casdeiro

Despois dunha análise —case un cuarteamento ao vivo— do intre actual, o autor opta por sumar calquera forza á loita para tentar superar con sabedoría a crise civilizatoria.

Deixa de lado as súas preferencias (por máis que suliñe cales son ao longo do texto) para atraer a calquera que poida unirse ao Decrecentismo: velaí o seu pragmatismo. Para logralo pon diante dos nosos ollos todas as opcións e posibilidades de acción, porque todas as ferramentas poden e teñen que ser usadas para alcanzar un obxectivo tan pretensioso como necesario: que o maior número de seres humanos sobrevivan ao colapso para fundar unha nova civilización consciente e respetuosa cos límites da biosfera.

Amais desmiuza as consecuencias de cada unha das vías de actuación que nos propón e sinala —con sinceridade— os seus inconvintes:

Comprendo que haxa quen critique esta postura por insincera, por traer ecos da República de Platón e da súa proposta de os sabios gobernaren mediante o engano se for preciso, os infantilizados membros da plebe. Pero dada a situación de excepcionalidade histórica, coido que pode pagar a pena analizar sen moitos melindres éticos as súas posibilidades.
[páx. 196, Estratexía hipócrita por necesidade no Cap. 6]


Antes escribira en contra desa estratexia:

a xente, se está farta de algo neste intre histórico é das mentiras desde o poder, ben sexa en forma de corruptelas diversas, falta xeral de transparencia, ou manipulacións burdas e asasinas
[páx. 190; Extratexia franca dura no Cap. 6]


E dentre todas esas ferramentas ao noso dispor Casdeiro céntrase nas esquerdas.

Unhas esquerdas institucionais, resesas e negacionistas

Ilustración: Antía Barba. Maquetación: Martiño Picallo.
Ilustración: Antía Barba. Maquetación: Martiño Picallo.
Os destinatarios deste debate urxente son as esquerdas e particularmente os partidos políticos (e sindicatos), pero o autor non esquece os outros movementos sociais (até o momento, moito máis implicados e conscientes do colapso) e as persoas chamadas a influir neses outros actores.

O convite aos partidos políticos de esquerdas nace da necesidade da súa axuda para superar do mellor xeito posible o colapso da nosa civilización. Ante o apuro, o xeito máis doado de contar coas ferramentas dalgunhas das institucións máis influíntes é a participación nos distintos organismos estatais usando os partidos políticos.

Ningunha man está de máis e todas as achegas son benvidas, por iso Casdeiro no esencial capitulo 6 suxire un amplio abano de accións e estratexias para os partidos e as súas militantes[3].

Do propio ensaio deducimos que non é a vez primeira que tenta sumar os partidos, e que este libro é a consecuencia das súas conversas con moitas pensadoras e militantes deses partidos e que n´A esquerda ante… Casdeiro resume todo o traballo que ten feito e constrúe unha guía para quen a queira aproveitar.

A principal eiva das esquerdas (e non só das institucionais) son os seus principios que semellan ser inamovibles e os fundamentos da súa análise, cunha fonda raigame nas verdades que deron orixe a civilización industrial.

A base das ferramentas teóricas que empregan maioritariamente as esquerdas non deixa de ser a obra duns autores que xorden precisamente coa aparición da civilización industrial, e que polo tanto deixa de ser aplicable en boa medida co devalar desta.
[pax. 34]

(A) teoría revolucionaria clásica da esquerda parte dun concepto, o do traballo, que —como xa vimos no primeiro capítulo deste ensaio— se está a esvaecer neste colapso da sociedade industrializada dentro da cal naceu […]
[páx. 151]

Centos de militantes e pensadores de esquerdas non son quen de integrar o coñecemento do Teito do petróleo e da crise entrópica da nosa civilización no seu paradigma mental […] non fan o esforzo de comprobar de que, no fondo, as bases ideolóxicas da esquerda non son en absoluto incompatibles coa termodinámica […]
[páx. 70]


E para refrescar os fundamentos desas esquerdas proindustriais adica o primeiro capítulo a desmontar os prexuízos ou dogmas[4] que impiden aos seus militantes asumir as teses do Decrecentismo: a fe[5] no progreso, na tecnoloxía, no crecemento perpetuo e na sustentabilidade do sistema financeiro; o rexeitamento do determinismo ecolóxico; a clase traballadora como referente; a concepción do traballo asalariado como un dereito; a trampa da renda básica; a necesidade de facerse co poder; a consideración non prioritaria dos problemas medioambientais,… Casdeiro artella á contra (como sempre se construiron os credos) unha ben cimentada escolma dos principios do Decrecentismo e da súa total compatibilidade cos das esquerdas.

E dá unha paseata polas alternativas non institucionais[6] e pola evolución de moitos dos pensamentos afíns[7] coas esquerdas que poden servir de exemplo para a mudanza desta ideoloxía rancia.

Ese pensamento proindustrial canda a comenencia curtopracista son as causas fundamentais de que a meirande parte das esquerdas militen no negacionismo do colapso, aínda que as organizacións non son inmunes aos atrancos cognitivos, culturais e evolutivos que fundamentan o negacionismo nas persoas que as integran.

Contra este negacionismo álzase este ensaio que nos anima a convidar aos partidos a achegarse á consciencia do colapso para pasar a formar parte da solución. Ese convite é o papel fundamental que temos as outras destinatarias do ensaio.

Os movementos sociais conscientes do fin da civilización

Os movementos sociais tamén teñen un papel sobranceiro nesta loita e Casdeiro, malia a súa poxa polos partidos institucionais, non se esquece destas outras destinatarias. Iza o argumento do

uso do sistema electoral máis que de participación no mesmo [porque] […] É preciso superar a consideración binaria Estado/non-Estado propia das esquerdas e pensar nas posibilidades intermedias.
[páx. 214]


E partindo desta premisa insta a participar na “política institucional” a aqueles partidos (de inspiración libertaria) que rexeitan esta vía. Acha que a preparación do colapso é una oportunidade para rematar coa dualidade das esquerdas pro e anti-estatalistas. As primeiras non terán máis remedio (a termodinámica manda) que prescindir do Estado tal e como o coñecemos e as anti-estatais deberán aproveitar este intre único para preparar a desaparición do Estado dende dentro.

O autor esmiuza (no capítulo 6) as posibles actuacións dos movementos sociais en resposta ás distintas estratexias dos partidos porque considera necesario que os uns e os outros sintonicen as súas perspectivas nun intre tan decisivo,

Casdeiro aposta polos movementos máis próximos ao comunismo libertario e non agocha as súas preferencias —advertindo sempre das súas eivas— polo Partido da Terra (no eido político galego) e polas propostas de Ted Trainer (no eido dos movementos conscientes do colapso) pero examina todas as iniciativas próximas ao Decrecentismo con carga político-institucional (deixa de lado, logo, as Cidades en Transición a-partidarias, por principio) para, de novo, achegar ao maior número de persoas posibles a loita pola pervivencia da especie e a refundación dunha nova civilización dende os principios das esquerdas.

Tarefas pendentes

Pero alén deses partidos e movementos A esquerda ante… ten como destinatarias a todas as persoas conscientes do colapso e implicadas no Decrecemento. Nós estamos convidadas ao “debate urxente”, e por riba de todo, ás distintas accións que propón Casdeiro.

Convida, en primeiro lugar, as persoas que optaron por non votar (por convición ácrata) a participaren nas eleccións porque tras ser conscientes do colapso

resulta pouco defendible a promoción do abstencionismo electoral […] Está bastante claro que co noso voto non imos traer a revolución, pero tampouco a imos traer se renunciamos tan alegremente ás poucas ferramentas das que dispoñemos. En consecuencia, eu defendo un voto crítico ás formacións que consideremos máis van facer pola necesaria transformación dende as institucións […] pero considerándoo simplemente como un mecanismo máis, moi secundario, pero sen dúbida valioso.
[páx. 207]

E ao longo do texto fai chamadas de auxilio, sinala tarefas pendentes que é preciso que algunha de nós faga para preparar a gran mudanza. Fago unha escolma para sumarme ao convite do autor e sumar forzas para este proxecto:

  • Revitalizar o antipartido Democracia Directa Dixital, que por diversos motivos, non actúa dende 2012 pero que foi creado para aproveitar os cauces da pseudodemocracia representativa para instalar un sistema de democracia directa de feito. [páx. 202]
  • A creación en Galicia dunha organización de persoas mozas que entendan o retorno ao agro como unha alternativa política ao capitalismo moribundo. [páx.169]
  • A recompilación de saberes tradicionais nos eidos do cultivo da terra e os oficios. [páx. 171]
  • A necesidade de escolmar, editar e conservar en libros impresos en papel de longa duración o legado intelectual da esquerda relacionado coa organización dunha sociedade emancipada baixo parámetros sustentables. [páx. 187]
  • A construción dun sistema educativo encamiñado a formar persoas que saiban pensar, con espíritu crítico, capacitadas para elexir en liberdade e para ser felices a través do ser e compartir e non do ter. [páx. 212]

A fronte cultural

Casdeiro insiste ao longo do ensaio en que a loita por sobrevivirmos ao colapso é, sobre todo, cultural:

A revolución cultural que precisamos vai ser moito máis dificil cá revolución económica que vimos describindo
[páx. 97]


Así que convén prestarmos especial atención ás palabras que usamos nesta diáletica do colapso e traballarmos moito a fronte cultural desta batalla para desmontar un imaxinario e substituilo por outro, pois como algúns din, só algúns mitos poden destronar os mitos anteriores.
[páx. 215]

Para acabar co negacionismo e co derrotismo que poden xurdir en nós tras a consciencia do colapso precisamos a construción dunha nova narración da realidade. Sen ese cambio de mentalidade, sen a invención dunha sociedade alternativa, ilusionante e realista, a loita pola supervivencia é imposible.

A esquerda ante…, invocando o exemplo do Dark Mountain Project[8] [páx. 167], quere animar as artistas a que dean o paso de crear e descubrir esa nova sociedade.

Na mesma fronte cultural resalta a importancia das guerrillas da comunicación , xa que

os medios de comunicación son o campo de batalla onde se enfrontan as ideas políticas […] acotío,
[páx. 209]


para espallar o novo imaxinario do xeito máis efectivo posible.

Pide axudas na loita e ofrece traballos concretos nos que cada quen, de acordo
coas súas inquedanzas, pode botar unha man.

Coda

Se ben dende a teoría moitas das propostas que Casdeiro fai no libro son criticables (o propio autor critícaas tras recomendalas) por lexitimadoras do Estado ou de certos costumes que añinan no seo da civilización industrial, é precisamente a premisa da urxencia a que fornece a todas e cada unha das proposicións dun carácter necesario.

A ampla oferta de camiños para prepararmos para o colapso fará que todas nós atopemos algunha que encaixe coas nosas convicións. Precisamente o máis salientable d’A Esquerda ante… e trazar un marco no que as accións individuais, as de determinados grupos concienciados e as dos partidos políticos poden ir sumando para afrontar este momento crítico.

esquerda-colapso-manuel-casal-lodeiro-capa-w150

A esquerda ante o colapso da civilización industrial
Apuntamentos para un debate urxente

Manuel Casal Lodeiro
(Asociación Touda e Asociación Véspera de Nada para unha Galiza sen petróleo, 2015)

Notas

[1] Todas as citas corresponden ao ensaio reseñado e ao seu autor.

[2] Por máis que o Estado co que conta Casdeiro sexa un outro Estado, pois

non podemos contar coa continuidade do Estado, polo menos non durante moito tempo e desde logo non coa complexidade e capacidades actuais […] [o Estado é] unha entidade enerxeticamente inviable […]
[páxs. 172 e 80]

[3] Para as máis preguizosas executivas está o Anexo II do ensaio (Algunhas medidas públicas de mínimos para unha estratexia facilitadora da adaptación social pospetroleo) no que o autor elabora o programa político dos partidos que queran asumir as súas teses e prepararmos para o fin da civilización.

[4] Á visión pseudo-relixiosa das ideoloxías adica Casdeiro unhas cantas e ben fundadas reflexións ao longo do libro.

[5] Voltan os símiles relixiosos.

[6] Estuda os pros e os contras do Decrecemento; das revolucións integrais; do camiño da simplicidade; do Partido da Terra; do ecoloxismo radical e o posecoloxismo no capítulo 5.

[7] Do pacifismo, o ecoloxismo, o ecofeminismo e o soberanismo trata no capitulo 3.

[8] Un colectivo que aposta por investir as súas forzas na construción do s imaxinarios colectivos necesarios para o mundo posindustrial.

Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 5]
Share

1 Comment

  1. Moi obrigado pola atenta lectura e pola túa detallada reseña, Rodrigo.

    (Por certo, gustoume moito o comezo cunha cita poética!)

    Simplemente gustaría de facer unha aclaración: eu non pretendía no libro animar á reactivación de D3 (Democracia Directa Digital), senón tan só poñelo como exemplo, como modelo que pode e debería ser replicado e posto en práctica, seguramente por outras persoas e colectivos. Como organización eficaz penso que D3 ten unha utilidade máis ca dubidosa nestes momento. Son máis partidario, en todo caso, de plataformas novas como a Grândola Galega: http://www.grandola.gal

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

O parlamento da Ulfe

Siguiente artículo

«Para os economistas ortodoxos nom há especificidade da natureza»

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.