O Rucho

O automóbil de hoxe para mañá (Fragmentos do Progreso Progresado)

/
Share

(Reportaxe publicada na sección «Economía» do 04.12.2015 de O Progreso Progresado, xornal periódico puro.)

cabeceira-O-PROGRESO-w750

Co gallo da Conférence Paris Climat 2015, Citroën ven de presentar na capital da France o vehículo do futuro, un utilitario híbrido que xa fabrica na súa factoría pontevedresa e que supón, de acordo coas declaracións do seu departamento de mercadotecnia, “a solución a todos os problemas de emprego e sustentabilidade das sociedades occidentais sensu stricto“.

O novo modelo, nomeado Citroën Gaia, achega unha manchea de grans de area a redución das emisións de gases tanto no proceso de fabricación como no intre do seu uso: “A redución de custes de produción e o incremento da xornada laboral dos empregados da factoría de Vigo supón un aforro enerxético do 27 % fronte aos modelos actuais” —afirmou June Royale unha das voceiras da empresa—. “Os traballadores, se queren cumplir co convenio colectivo, non poden voltar as súas casas e durmen nos barracóns que temos instalados na fábrica, polo que non precisan facer un consumo externo. A relocalización existencial dos traballadores arredor da propia factoría é unha idea que retomamos dos albores da era industrial e que suporá un aforro enerxético e pecuniario que beneficia tanto ao medio ambiente como ao consumidor que non terá que soportar no prezo final os antollos da clase traballadora”.

O modelo Gaia é un pequeno monoplaza non deportivo (“Citroën non quere fomentar clixés caducos”) que se adapta como unha luva de látex á idiosincrasia do moderno usuario de carros: unha persoa soa que utiliza o automóbil nos seus desprazamentos de traballo, dende a urbanización ao centro das mega-urbes e, no tempo de lecer, cara aos centros comerciais.

“Os enxeñeiros tivéronno moi claro dende o principio: era preciso un carro pequeno que solucionara os problemas de colapso das vías e da redución das familias. O Gaia é o coche dos singles conscientes e responsábeis da necesidade da subsistencia da especie.” —prosegue Royale—. “Os automóbiles pequenos facilitan o aproveitamento das actuais estradas e autoestradas; o Gaia reduce a espera nos atascos unha media de medio minuto.”

A comisaria de industria da Unión Europea, Margarita Almunia, anunciou que o executivo europeo está a redactar unha directriz que obrigará aos estados a reduciren os impostos a estes carros pequenos e sustentábeis que supoñen unha gran alancada cara adiante na loita polo mantenemento do sistema: “Dende os poderes públicos temos que axudar a empresas como Citroën, comprometidas co futuro do planeta”, afirmou mentres bebía unha cocacola.

O Gaia, amáis, conta con sistemas de tracción e suspensión inspirados nos máis potentes todo terreos que permitirán aos condutores circular por calquera tipo de vías, incluso as que as administracións públicas están a abandonar.

Citroën Énergie apoia o modelo Gaia

Citroën xa comenzou o seu investimento nas minas de uranio para cumprir co compromiso que asume coa saída ao mercado do Gaia. A división Citroën Énergie dividiu France e Deutschland en 32 rexións nas que tense comprometido a construir unha central nuclear por cada 24.000 modelos de Gaia vendidos. Estas centrais subministrarán enerxía eléctrica a un custe razonábel, enerxía que Citroën só destinará aos seus carros.

Outros países —nomeadamente os occidentais lato sensu— critican este modelo que os deixa na gabia do futuro. Royale, sempre cun sorriso, non evitou contestar ás preguntas dos xornalistas destes estados aos que animou a continuar producindo carros para mañá podelos consumir e se cadra, tamén conducir.

O Rucho
O Rucho

(O progreso progresado é un xornal independiente e liberal, como o Capital manda.)

Click to rate this post!
[Total: 1 Average: 3]
Share

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artículo anterior

Processo desconstituinte e autogoverno comunitário

Siguiente artículo

Democracia paroquial e soberania energética. Memória da potencia

Lo último de Blog

[VIDEOCLIP] A Loba

Presentación e letra do tema de Zeltia Irevire incluído no seu máis recente disco, Vacaloura.