Este texto forma parte do libro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, de próxima publicación.
Desde os traballos seminais que viron a luz hai xa máis de trinta anos, como Limits to Growth (1972) e Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change (1980), dispuñamos dos datos para saber como sociedade que máis cedo ca tarde íamos bater cos límites que o planeta impón ao crecemento ilimitado[1]. Desde entón os estudos e análises fóronse repetindo cada vez con maior frecuencia e alarma. Porén, a esquerda maioritaria demostrou unha escasa —cando non absolutamente nula— atención a esas advertencias científicas. En calquera caso a súa incorporación ao programa social, político e económico desta esquerda non comezou a ser realizada ata hai moi pouco, cando partidos de esquerda e algúns sindicatos comezaron a incorporar —tepedamente— conceptos procedentes da ecoloxía social, dos partidos verdes, da economía ecolóxica e do Decrecemento… dando orixe a correntes ecosocialistas/ecocomunistas conscientes —en graus diversos— dos límites ecolóxicos. Por desgraza esta incorporación resultou ser inconsistente en moitos casos (velaí as contradicións de formacións representativas como Esquerda Unida que son capaces de adoptar un programa decrecentista para unha cidade como A Coruña[2] mentres pulan por outro lado polo mantemento de industriais inviables e polo produtivismo[3]) e, en todo caso, desesperantemente lenta. As grandes mudanzas culturais teñen un ritmo necesariamente lento (o cultural lag do que fala William R. Catton[4]), tamén na cultura da esquerda, e está por ver que sexamos quen de aceleralas para adecualas ao rápido colapso do paradigma no que baseamos a cultura actual, é dicir o paradigma do crecemento continuo[5].
A esquerda que comparte coa dereita a visión de que a crise por definición é producir menos (medido nese tótem da visión crecentista da economía que é o PIB)[6], non sabe ofrecer máis que tratamentos diferentes para un diagnóstico trabucado. Vese o problema como unha cuestión puramente económico-financeira dentro dunha serie de ciclos históricos dentro dunha tendencia irreversible cara o progreso material perpetuo, e polo tanto buscan nun limitado conxunto de políticas económicas propias deses ciclos a solución, tirando case sempre dos receitarios keynesianos máis ou menos adaptados[7]. Para eles, volver ao crecemento non só é posible senón que é desexable: nesta visión tradicional da esquerda desenvolvimentista, máis crecemento supón máis ingresos para o Estado, que facilitarían o mantemento de máis servizos públicos, a creación de máis emprego, máis posibilidades de redistribución da riqueza e, sobre todo, menos conflito social ao haber máis para todos. Esta crenza pecha os ollos aos estudos que veñen indicando que a partir dun certo nivel de benestar material (e xa que logo de enerxía dispoñible per cápita[8]) non se producen melloras na calidade de vida, un dato fulcral para as propostas decrecentistas e polo Ben Vivir, que xa estaba implícito nas culturais tradicionais en todo o mundo. É sintomático que Alex Tsipras, líder de Syriza —formación de referencia para boa parte das esquerdas transformadoras europeas—, declarara pouco antes das trascendentais eleccións gregas do 25 de xaneiro de 2015[9]: “Non pode seguir o sacrificio nin a inestabilidade, hai que recuperar a senda do crecemento e o desenvolvemento. (…) Precisamos (…) plans claros para o crecemento. (…) hai que crear riqueza, crecer.” E pretende facelo coas clásicas fórmulas keynesianas de incremento do gasto público para reactivar a economía (eufemismo que vén significado incrementar o PIB), deixando de lado o que o seu propio programa electoral recoñecía, isto é: que a crise económica está estreitamente ligada á crise ecolóxica.
Desde Galiza formacións de esquerda como Anova e Esquerda Unida —o apoio do BNG resultou algo máis discreto, na miña apreciación—, e fóra dela outras coma EH Bildu ou Podemos, apoiaron daquela sen maior crítica a Syriza, mesmo participando mutuamente nos mitins e reclamando a súa homologación con ela —como é o caso de AGE—, mentres líderes destas formacións asinaban un texto totalmente contraditorio como é o manifesto antineokeynesiano Derradeira Chamada[10]. Se cadra atoparían estes líderes das nosas esquerdas referencias máis interesantes ollando ao que desde abaixo se leva a construír na Grecia desde 2008: democracia directa, servizos sociais autoxestionados que suplen o que o Estado vai abandonando ou non cubrindo suficientemente… Seguramente temos aí referencias do máximo interese para as estratexias duais das que falarei ao final do libro [A esquerda ante o colapso da civilización industrial].
Tanto as esquerdas más clásicas coma estas que proceden de escisións ou evolucións supostamente máis actuais dos tradicionais partidos de ideoloxía marxista, e das que son expoñentes formacións coma Syriza ou Podemos[11], eluden a cuestión —central para o Decrecemento— de que máis crecemento nun mundo finito implica esgotamento dos recursos e aumento dos residuos, e de que precisamente por iso resulta o camiño máis letal para unha especie necesariamente confinada nunha biosfera non infinita[12]. Como ben sinala Arnau Montserrat: “chirría que los portavoces constructivos del malestar, Podemos y Syriza a la cabeza, se limiten a denunciar al 1%, la Troika y demás mafiosos, olvidando explicar que además de redistribuir vamos a necesitar relocalizar y pisar el freno”[13]. E así é que entre os economistas anticapitalistas non adoitamos atopar as posturas claramente decrecentistas que deberían asumir, en boa lóxica, e rematan por se constituíren —no canto dos compañeiros de loita contra o ecocidio capitalista que debían ser— en adversarios políticos[14]. Por non falar de que, como critica Miguel Anxo Abraira, o crecemento é en primeiro lugar un “suicidio” para a propia clase obreira pois implica apostar “por un modelo inxusto que ten como única finalidade a acumulación de riqueza dunha minoría” e non un beneficio real alén dun suposto mantemento dun benestar material que, como el indica, é na súa meiranda parte “superficial” e innecesario[15].
“Por primeira vez pode gañar un partido de esquerdas en Europa, nunca tivéramos esta oportunidade histórica e somos conscientes de que a xente que nos apoia quere un esforzo nacional. Nós somos optimistas. Seremos xulgados pola historia pola nosa responsabilidade cos nosos cidadáns” dicía Tsipras en vésperas daquelas eleccións na Grecia nas que resultarían vencedores. E efectivamente serán xulgados moi duramente eles e calquera outra forza política que desaproveite a oportunidade histórica que se lles está a presentar, teimando en ignorar a inviabilidade física das políticas de volta ao crecemento. Como di coa súa habitual e afiada retranca o divulgador do Peak Oil Pedro Prieto, a famosa senda do crecemento pode acabar sendo como esa senda que os elefantes percorren cando van morrer: “Quizá esto es lo que estamos haciendo, al seguir emperrados todos en esta senda, desde el PP a Syriza y a Podemos, ya que hablando de decrecimiento no se liga“[16]. Vamos, que o Decrecemento “non é sexy”, como di Latouche, ou como advirte Pérez Lijó, “non xera simpatías, e menos nunha poboación que se ve cada vez máis privada de recursos económicos”[17]. En opinión do membro de Equo Florent Marcellesi, “desde luego Syriza es una esperanza para la dignidad en Grecia y para cambiar la correlación de fuerzas en Europa, pero su apuesta por el crecimiento los aleja de una respuesta a la altura de la crisis de civilización”. Marcellesi apunta con claridade a terceira vía que precisamos con urxencia: “ni austeridad ni crecimiento, sino una gran Transición ecológica, justa y democrática”[18]. Se cadra está aí o límite do posible na política actual, e non nas decepcionantes posicións a prol dos mantras crecentistas socialdemócratas de Podemos ou Syriza, que como critica Arnau Montserrat seguen sen “abandonar a órbita da mitoloxía produtivista socialdemócrata”[19]. Veremos máis adiante que o problema non é a ideoloxía de base marxista destas formacións, senón o seu electoralismo, ao que supeditan as ideas e valores políticos, nunha especie de venda da súa alma esquerdista ao demo das urnas. Se consegues que diga por un momento “Que feliz son!”, dicíalle Fausto a Mefistófeles, podes quedar coa miña alma, e agora o trato parece implicar medir a felicidade en votos, escanos nun parlamento ou ministros/as nun goberno. Estes partidos da suposta esquerda parecen dicirlle ao electorado, parafraseando a Marx (Groucho): “Estes son os nosos principios; se non lles gustan, temos outros”. Se cadra temos aí a proba de que son auténticos marxistas.
O científico e divulgador Carlos de Castro sitúa o papel destas novas formacións políticas nas transformacións necesarias, vistas por medio da alegoría do Titanic[20]:
Imaginemos que Podemos gana las elecciones y vuelve a montar un estado de bienestar. ¿Cómo le va a explicar a su sociedad que da igual, que el incendio va a quemar ese estado de bienestar? ¿Cómo explicar que nos hicieron otra vez crecer económicamente (acelerando el incendio temporalmente) para repartir el trabajo y el dinero pero que luego nos tocará decrecer? Por supuesto la lucha es con el neoliberalismo (que incluso nos va a impedir subir a los botes), pero es un poquito más que matices lo que hay entre las propuestas de Podemos actuales y las nuestras. Tengo la sensación de que los líderes como Pablo Iglesias que hablan de la madurez y la comprensión de la gente de esta sociedad, no creen tanto en ella cuando, firmada “Ultima llamada”, no tratan acto seguido de explicar que el Titanic se está hundiendo. Tengo miedo de que la gente crea que se la está invitando a ir a escuchar a la orquesta porque tiene derecho.
Desde o ecoloxismo social máis consecuente, advirte tamén Yayo Herrero[21]:
Dicho de una forma muy bruta, en muchas ocasiones se hace un análisis de la crisis absolutamente miope. Hay muchos siglos de construcción de una utopía emancipadora desvinculada de la materialidad de la Tierra, con la idea de que se podía crecer económicamente al margen de las materias primas y de los ecosistemas que las sostienen o de la gran cantidad de trabajo que se hace en los hogares.
Cuando empiezas a escuchar a gente muy bien intencionada que plantea reflotar el sistema sobre modelos productivos de antes de la crisis y con los mismos parámetros, pero esta vez de buen rollo y sin corrupción, da mucha pena. Hay gente que no lo ha interiorizado, otros que no lo saben explicar y parece que a priori no permite recolectar votos. Si hay un éxito importante en las iniciativas emancipadoras que están surgiendo y se llegara a gobernar, la cuestión de la escasez de las materias primas, de una OMC que funciona como funciona y de unos tratados de libre comercio que te aprisionan y restan la soberanía estarán ahí. Y no tratarlo ni explicarlo es un riesgo enorme porque puedes estar generando ilusión sobre un conjunto vacío. Y la gente no es idiota: las personas nos merecemos un respeto y cuando se nos explican las cosas las entendemos.
Populismo e posibilismo contra sinceridade política, esos son os termos do debate sobre os que volveremos no capítulo do libro dedicado ás estratexias posible dentro da esquerda. Coido que cando formulamos a actuación política neses termos non está de máis lembrar un dato histórico que pode causar lóxica preocupación: o populismo e o antirradicalismo para non espantar o capital foron tamén liñas claves no ascenso nazi[22]. A esquerda xoga aí nun terreo perigoso no que outros, se cadra, saben xogar aínda mellor.
Notas
[1] Un estudo máis recente témolo reseñado en Asoc. Véspera de Nada: “Demostran que é imposible volver ao crecemento económico“, VesperaDeNada.org (25/10/2010).
[2] http://www.vesperadenada.org/lugares-pospetroleo/5-a-coruna-sen-petroleo/
[3] Cabe preguntarmos: de que produción nos falan os produtivistas? Como adoita explicar o economista ecolóxico José Manuel Naredo, só o Sol produce: o resto son meramente transformacións. Un claro exemplo do necesario que é un radical cambio de linguaxe dentro do máis amplo cambio cultural que precisamos con urxencia. Hei volver máis adiante sobre esta fulcral cuestión.
[4] No libro Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change (1980) e no seu más recente e demoledor Bottleneck: Humanity’s Impending Impasse (2009).
[5] No manifesto de advertencia contra a viabilidade do neokeynesianismo que se publicou en xullo de 2014 baixo o título Derradeira Chamada, fálase de apenas cinco anos (catro, cando este ensaio sae á luz): “como máximo temos un lustro para asentarmos un debate amplo e transversal sobre os límites do crecemento, e para construírmos democraticamente alternativas ecolóxicas e enerxéticas que sexan á vez rigorosas e viábeis”. Vid. o manifesto completo en: http://www.ultimallamada.org
[6] Aínda que na teoría marxista tamén se presta atención ás crises de sobreprodución inherentes ao capitalismo, pero ao longo deste texto apreciaremos que o sentido maioritario na actualidade é o de saír da crise producindo máis.
[7] Os ciclos haber, hainos, e son sumamente pertinentes para a situación de colapso que estamos a padecer, pero non son os que olla a esquerda neokeynesiana: están moito máis no fondo do ciclo civilizatorio.
[8] Lambert et al. (2014): “Energy, EROI and quality of life”, Energy Policy, 64.
[9] Andrés Gil: Tsipras: “Pedimos la mayoría absoluta para romper con la troika y reconstruir Grecia“, El Diario (23/01/2015).
[10] Pódese consultar a lista de asinantes iniciais en: https://ultimallamadamanifiesto.wordpress.com/firmantes-iniciales/ Pola relevancia que considero ten este texto, incluímolo íntegro como Anexo I ao final deste libro. Tamén é interesante a entrevista realizada por Praza Pública a Xoán R. Doldán, un dos asinantes galegos máis destacados: “Non podemos volver ás receitas de toda a vida: o crecemento económico, o capitalismo keynesiano” (14/07/2014).
[11] Vale: Podemos, ao contrario que Syriza, non se recoñecen explicitamente como de esquerdas e din defender unha suposta trasversalidade ideolóxica, pero abonda con ver a traxectoria e perfil dos seus líderes, a súa participación no grupo Esquerda Unitaria do Parlamento Europeo, e mesmo o documento estratéxico de Izquierda Anticapitalista onde se bosquexara esa nova forza política e que levou, coherentemente, á integración de IA en Podemos en xaneiro de 2015: http://www.eldiario.es/politica/Izquierda-Anticapitalista-decide-partido-politico_0_346465586.html
[12] Ben é certo que os hai que aínda soñan con colonizar outros planetas e mesmo galaxias, pero vai ser que a carreira especial ha rematar axiña e para sempre por falta de enerxía e outros recursos propios dunha sociedade hipertecnolóxica de alta Taxa de Retorno Enerxético.
[13] Arnau Montserrat: “Ya inventarán algo“, El Diario (15/02/2015).
[14] Federico Ruiz: “De economistas y servidumbres” no blog Última Llamada (19/01/2015).
[15] Miguel Anxo Abraira: “Arredismo“, Sermos Galiza (17/07/14).
[16] Mensaxe de email enviada á lista de correo de promotores e colaboradores do manifesto Derradeira Chamada (25/01/15).
[17] Henrique Pérez Lijó: “O Estado fronte o decrecemento“, Praza Pública (18/08/2014).
[18] Mensaxe enviada en Facebook o 24/01/15: https://www.facebook.com/FMarcellesi/posts/850216931709938 . Sobre a crítica de Marcellesi ás propostas de Syriza vid. http://www.eldiario.es/zonacritica/tesis-apoyo-critico-Syriza_6_348625162.html . En formacións como AGE, con presenza de no seu seo de formacións ecosocialistas como Equo-Galicia ou Espazo Ecosocialista, e que se presupoñen conscientes da situación derivada dos límites do crecemento, non se escoitan nin tan sequera estas moderadas pero claras críticas ás propostas neokeynesianas de Syriza.
[19] Arnau Montserrat: “¿Podemos aspirar a un populismo ecologista?“, El Diario (25/12/2014). Turiel (en “Elecciones municipales y autonómicas en España: la crisis energética, según los partidos“) tamén sinala algúns deses mantras en Podemos: “Nuestro país puede crecer más y mejor. Y para que esto ocurra, necesitamos reactivar el consumo”.
[20] Nun comentario a un artigo de Antonio Turiel no blog do manifesto Última Llamada: https://ultimallamadamanifiesto.wordpress.com/2014/10/15/antonio-turiel-lo-que-no-podemos/
[21] Yayo Herrero: “La confluencia se alcanzará; lo contrario rompería con la lógica de Podemos“, El Diario (12/12/2014).
[22] M. J. Thornton (1967): El nazismo: 1918-1945. Aparición, auge y caída del Partido Nacionalsocialista Alemán, p. 61.