Publicado: 14/04/30
Autor: Redacción
Idioma: GL
Fotografía: Xoán Doldán.
Xoán Doldán: "O peor da transición social foron os primeiros anos, cando algunha xente aguantaba até o límite antes de procurar unha saída vital no rural"
Cumpridos os 67 anos, Xoán Doldán segue a exercer a súa profesión de profesor de universidade, aínda que esta institución xa non se pareza moito á de cando comezou o seu traballo docente. Agora combina este traballo con clases gratuítas a rapaces e rapazas de entre seis e dezaseis anos. De facto, na súa casa a vella mesa de comedor aparece inzada de papeis, bolígrafos e lapis variados, mentres este novo alumnado se concentra en resolver algúns exercicios. Á hora de merendar, entre os papeis tamén se ven fruitas e bocadillos convertendo aquel escenario nunha sorte de bodegón escolar. Ao longo da entrevista, varias interrupcións dan paso a preguntas escolares sobre xeografía ou matemáticas.
15/15\15. A cotío cítase a Guía para o descenso enerxético como un libro pioneiro en Galiza á hora de anunciar a urxencia dos cambios precisos para facer fronte ao cénit do petróleo. Como vivíchedes esa experiencia desde a Asociación Véspera de Nada - Por unha Galiza sen petróleo?
Xoán Doldán. A Guía para o descenso enerxético supuxo un punto de inflexión na vida de Véspera de Nada. Publicouse a finais de 2013 e en pouco tempo esgotamos os mil exemplares da primeira edición. Hai que pensar que daquela aínda había un grande escepticismo sobre o teito do petróleo e esta resposta á publicación do libro resultaba esperanzadora. A idea dun progreso e crecemento continuos estaba marcada firmemente na ideoloxía dominante; para moitas persoas era inimaxinábel que ese dogma fose falso. Nos poucos anos de vida da asociación, íamos traballando paseniñamente na concienciación sobre o grave problema enerxético e nin sequera nós sabíamos con certeza cando sería o momento en que o petróleo convencional deixase de estar dispoñíbel na mesma cuantía e comezase o seu devalar. Por iso, cando nos propuxemos publicar a Guía, mesmo tendo a esperanza na viabilidade do proxecto, achamos que as nosas expectativas, a miña propia, foran amplamente superadas. Presentámola por todo o país e mesmo fóra da Galiza, coñecemos xente e colectivos cos que fomos tecendo esa rede coa que soñábamos. A revolución pospetróleo debía comezar con ese traballo, favorecendo os nodos de resiliencia por todo lugar, tratar de servir como mediadores entre colectivos que tiñan moito en común e que podían compartir experiencias e superar o illamento que parecía condenar a tanta xente que estaba a construír formas de vida alternativas. De aí viñeron novas incorporacións a Véspera e, en pouco tempo, duplicouse o número de membros que, até ese momento, era bastante modesto. Tamén posibilitou o nacemento de novas ideas, novos proxectos, novas dinámicas e semellaba que a semente da revolución ía prendendo pouco a pouco.
15/15\15. Logo, foi un éxito?
X.D. No entanto, non todo sucedeu do modo en que prevíamos. De facto, nin todos os membros de Véspera tíñamos unha mesma visión do futuro, mesmo cando coincidiamos no convencemento sobre a gravidade da situación pola dependencia do petróleo e as súas implicacións se o descenso enerxético, como finalmente sucedeu, seguía vías non democráticas e a acción dos gobernos das grandes potencias económicas viraba cara unha maior violencia institucional sobre os seus propios pobos e sobre aqueloutros que aínda mantiñan reservas de certo interese. O capitalismo, tal e como o coñecíamos, tocaba o seu fin, mais ese non era o problema, érao o modelo de transición polo que se ía optar. Velaí o noso papel de formigas tentando mudar as dinámicas desde abaixo, axudar a ser que cada vez máis persoas e colectivos gañaran en resiliencia: a guía debía servir para marcar un camiño aínda non considerado por moitas persoas ou que resultaba confuso para outras.
15/15\15. Pódese dicir, logo, que a Guía cumpriu cos obxectivos que vos marcabades?
X.D. Parte do noso propósito cumpriuse, mais o groso da sociedade seguiu escoitando os cantos de serea do progreso, da recuperación, do crecemento económico, etc, ao tempo que se ía empobrecendo, perdía grande parte dos dereitos sociais adquiridos e fuxía a outros países, movidos pola cegueira da mesma propaganda televisiva que noutras épocas trouxera, contra vento e marea, a millóns de persoas desde África. Porén, a desigualdade e a pobreza ía en aumento por toda a parte. Outro segmento da sociedade, por convencemento ou pola forza dos acontecementos, decidiu explorar novas formas de vida, de produción, de intercambio, de colaboración social. E non foi nada fácil, se consideramos que o Estado traballou a reo para evitar esta deriva. Como nas épocas de loita contra o servizo militar obrigatorio, a obxección de conciencia, a insumisión ou mesmo a confrontación aberta pasaron a ser actitudes cotiás e foron gañando terreo na aceptación social. A “leira básica” era un dos gritos de guerra naqueles primeiros anos, o dereito a dispor ou compartir un terreo para producir os propios alimentos. O movemento okupa foi virando de movemento urbano e dirixido á ocupación de edificios ou vivendas deshabitadas, a transformarse nun movemento rural dirixido a ocupar as terras abandonadas noutras épocas, mais cun sentido non privativo senón comunal, dando opción a que os retornados á aldea recuperasen tamén a propiedade real das súas terras. Mesmo nestes casos, os antigos propietarios viron rapidamente que era fundamental recuperar a solidariedade e o traballo en común que estaba presente na época dos seus avós e avoas. O dinamismo que se ía perdendo nas cidades recuperábase nas aldeas.
15/15/15. Cando comezou a darse a grande transformación?
X.D. Poderíase dicir que o ano máis crítico foi 2017. Daquela a pregunta que repetía moita xente era “De onde vén todo isto?”. Non podían crer que, despois de dez anos, aquela crise se tivese convertido nun caos social, político e económico como o que se estaba a vivir. Era xa case imposíbel manter a fe nas promesas, no deus mercado, nos expertos en economía, nos gobernantes... Despois de tantos anos de insistir nos brotes verdes, no camiño da recuperación, de pór datas para o comezo do fin da crise, revelábase que a crise non tiña fin e que as contradicións ían en aumento até se faceren insoportábeis. Despois de tantos sacrificios, a curia do capitalismo era vista non como gardas da verdade senón como o que verdadeiramente foran sempre: unha elite gobernando para unha elite, para si mesmos, desposuíndo a todo o resto até o punto de nin repartir esmola. Foi ese ano cando publiquei o libriño Maxias, meigas, bruxos e feitizos da economía moderna. De onde crían que viña todo isto? en Estaleiro Editora, que naceu como un exercicio para o debate interno en Véspera e que logo Manuel Casdeiro, alma mater da asociación, me animou a publicar.
15/15\15. É un título ben rechamante...
X.D. O título, así como algúns contidos, foime suxerido por Henrique Pérez Lijó. Viña a conto porque o certo é que estábamos ante algo agardado e anunciado por múltiples voces como a nosa e de multitude de persoas e colectivos noutros lugares: ASPO a nivel internacional, AEREN/Crisis Energética e mais o Oil Crash Observatory no Estado español, as Transition Towns/Transition Network, etc. A sorpresa que daquela manifestaba moita xente era fruito do poder que os mass media seguiron tendo para controlar a mente e as conciencias da poboación.
15/15\15. Como foi posíbel que aquela linguaxe chea de supercherías, aqueles crenzas supersticiosas na capacidade autorregulatoria dos mercados, aquelas liturxias das cotizacións en bolsa puideran manterse en pé e conter a tensión social durante tantos anos?
X.D. Hoxe semella incríbel, mais daquela actuaban case como oráculos divinos. Eses modelos matemáticos especulativos aplicados á economía máis próximos a cartas astrais que a estudos científicos, xunto con aqueles sortilexios anunciados cada pouco polos chamados expertos en economía, etc, evitaron que o derrubamento do capitalismo fose inmediato. Eses xogos e cerimonias formaban parte do propio sistema, era o aparato que xustificaba todas aquelas atrocidades que, doutro modo, terían freado a súa dinámica de apropiación continuada do excedente económico.
15/15\15. Mais hoxe segue habendo persoas que seguen atadas a esas crenzas...
X.D. ...O que resulta dramático. É o que ten a fe, que a razón nin sempre a pode xustificar, precede á razón e vai alén dela. Desprenderse dela é un acto de rebeldía ao que non todo o mundo é capaz de se enfrontar, xa que é como cuestionar todo o vivido até ese momento. Por iso, as persecucións relixiosas nunca logran o seu propósito, extirpar o que se considera herexía, porque supón substituír unha fe por outra. A razón pode axudar a convencer a eses crentes, mais é dar un paso ao descoñecido, abandonar á seguridade que ofrece un mundo que promete a salvación futura confiando no laissez faire, laissez passer, nesa reformulación capitalista da promesa cristiá de que “Deus proverá” sempre que teñamos fe cega na súa infinita bondade. Por iso tamén, converterse en descridos foi o primeiro paso para cuestionalo todo.
15/15\15. Pensas que ese é un dos motivos polos que, mesmo cunha escaseza en aumento, os Estados reaccionaron cunha crecente centralización do poder e represión, ou medraron os conflitos sociais e a desigualdade?
X.D. Certamente esas foron consecuencias da escaseza inicial. Estaban a darse dúas tendencias contrapostas, unha redución do excedente económico ao reducirse a capacidade produtiva dos países e, por outra parte, un desmantelamentos dos mecanismos de redistribución de riqueza. A primeira debería ter levado a que se fortalecesen os mecanismos redistributivos, mais foi o contrario. De modo que había menos que repartir e, a maiores, desaparecían os mecanismos de compensación: pensións de xubilación ou por enfermidade, bolsas de estudo, gratuidade dos servizos sanitarios ou de educación...As clases sociais máis favorecidas non querían renunciar aos seus privilexios e fixeron uso dos resortes estatais para acelerar a drenaxe do excedente do resto da poboación, causando unha desigualdade crecente. Nesas condicións era inevitable que os conflitos sociais aumentasen en forma de roubos, mesmo con violencia, os timos ou o xurdimento de pequenos grupos mafiosos locais –nados das redes clientelares que floreceran nos anos de bonanza e que estouparon en forma de escándalos por corrupción nos primeiros anos do que daquela a moitos aínda semellaba unha simple crise económica-. En principio, eses conflitos foron en menor medida contra as clases máis poderosas, protexidos polas forzas de represión estatal e polas forzas parapoliciais que tiñan contratado nos seus barrios-fortaleza. Co tempo, a tensión social interclasista ten aumentado, mentres que o conflito intraclase está a amortecer, motivado por novas fórmulas de convivencia e colaboración xurdidas do pobo.
15/15\15. Algo que resulta paradoxal é que despois de teres insistido tanto na importancia da volta ao rural, á vida no campo, de teres defendido esa opción como a única que podería salvarnos dunha catástrofe humanitaria aínda peor, decidiches, en cambio, ficar vivindo nunha cidade, aínda que sexa unha pequena vila como Compostela.
X.D. Compostela como outras cidades e vilas ten mudado moito nesta última década e aínda terá que mudar máis. Ten perdido parte do seu carácter urbano para se facer máis rural; aseméllase, nalgúns aspectos, ao que houbo noutros tempos, a pesar de que o deterioro de infraestruturas e edificacións nalgúns barrios os teña convertido en lugares fantasmagóricos. Mais o peor foron os primeiros anos, cando algunha xente aguantaba até o límite antes de procurar unha saída vital no rural. O estado tiña reducido drasticamente as axudas á xente máis necesitada e as organizacións asistenciais ou de caridade non podían chegar a todo o mundo. Isto, moi devagar, fixo agromar novas formas de solidariedade, de axuda mutua, de colaboración e traballo en común para resistir mellor nesas condicións. Algunhas comunidades de veciños crearon espontaneamente gardarías informais, en pisos ou locais sociais, ou comedores comunitarios, aplicando boas ideas que viñan de atrás como, por exemplo, os bancos de tempo, onde compartir habilidades sen mediación do diñeiro; tamén se compartían determinados bens. Eu metinme nesa corrente, tratando de que o pouco de valor que eu podía ter como experiencia docente servise para que nenos e nenas desatendidos pola educación pública tivesen acceso a certos coñecementos. A cambio comecei a recibir outro tipo de axudas de toda esa xente. Non deixei de convencer a moitos deles para que buscasen unha mellor vida no rural ou de que traballasen por ruralizar a cidade. E nesas sigo.
15/15\15. Cal pensas que vai a ser a evolución da nosa sociedade nos próximos anos? Será diferente ao mundo que coñecemos na última década?
X.D. Cada vez gosto menos de facer análises preditivas. Nestes últimos vinte anos sucederon tantas cousas á vez e de tan diferente signo, en tanto me teño equivocado que xa non me atrevería a afirmar con certeza nada do que vaia suceder. Ollando o pasado vexo toda aquela depresión económica que seguiu á aquel punto crítico de 2008, máis vertixinosa despois de 2015 e máis aínda despois de 2017, e nin as miñas visións máis lúgubres pensaban naquelas sucesivas crises enerxéticas e dos materiais que foron encadeándose. Tampouco pensaba que, a pesar diso, fose tanta a fortaleza para soportalo dos grandes poderes económicos e políticos, logrando convencer a unha parte da sociedade de que os inimigos estaban en determinados grupos organizados manifestamente anticapitalistas, mesmo cando moitos deles adoptaran posicións nidiamente pacifistas ou de resistencia pasiva. E daquela aínda mantiña a esperanza de que o fascismo e o racismo non florecerían, como o fixeron, en gran parte da Europa occidental aínda que con novas formas, traendo a violencia aos recunchos máis inesperados. Isto foi un obstáculo para que propostas alternativas agromaran coa rapidez e impulso que eran necesarios. Mais de súpeto, hai algo máis de cinco anos, todo se acelerou inesperadamente, xigantes empresariais desapareceron en poucos días, de vellos países só fica o recordo da súa historia, as revoltas estendéronse por todo o mundo, etc. Agora mesmo, todo parece indicar que estamos a punto dunha nova inflexión, que as vellas estruturas institucionais acabarán por desaparecer e se consolidarán outras que foron xurdindo ou mesmo aparecerán outras novas. A pesar das dificultades de todos estes anos, son optimista con respecto ao futuro. A xente nova que naceu e se criou nestas dúas últimas décadas comezan a ver, nalgúns casos, aos seus pais e avós como vellos ricos vidos a menos que viven de recordos dun antiga prosperidade, a medias entre o patetismo e a tenrura. Noutros casos, naquelas familias ou comunidades onde se participou desde ben cedo en proxectos para facer máis fácil a transición, séntense comprometidos coa necesidade de darlles continuidade e axudar a integrar a aquelas persoas que aínda viven na desesperación máis absoluta. Desa semente ten que saír á forza un mundo mellor.
<__/ volver